Segundo día de carreiras e festas pola lingua con máis 1750 estudantes do Morrazo e Terra de Lemos berrando e celebrando o galego

Música, deporte, xogos, pandeiretas, manifestos e a enerxía de centos de escolares fixeron desta mañá unha auténtica festa pola lingua en Cangas e Monforte.

Segundo día e con forzas renovadas. Así transcorreu a xornada de hoxe do Correlingua que tiña dúas paradas. Por un lado, arredor de 1180 estudantes procedentes de 17 centros da comarca do Morrazo e, por outro, máis de 550 duns 7 centros da comarca de Lemos xuntáronse en Cangas e Monforte respectivamente para correr, cantar, xogar e reivindicar o uso do galego dentro e fóra da escola. A XXV edición do Correlingua mantén o espírito da normalización da nosa lingua, este ano baixo o lema "A mocidade activa por unha lingua viva".

No caso da edición de Monforte, o alumnado encargado de ler o manifesto pertencía ao IES Val do Asma. Ademas deste centro chantadino participaron tamén os monfortinos IES Francisco Daviña Rey, o IES Río Cabe, o CEE Infanta Elena, o Ceip A Gándara e o IES A Pinguela, así como o IES Cosme López Rodríguez da Rúa. A festa final transcorreu no Paseo dos Condes e contou coa actuación da banda Mekánika Rolling Band. A colaboración do Concello de Monforte e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo foi chave para a súa realización.

Mentres, en Cangas, a festa tivo lugar no aparcadoiro de Rodeira e contou coa actuación especial das Pandereteiras do Ceip O Hío e do Ceip A Espiñeira. A rapazada asistente animouse a bailar as pezas interpretadas polas súas compañeiras. A lectura do manifesto correu a cargo do alumnado do IES de Cangas e, por último amenizou a festa final o artista Paco Nogueiras. Neste caso o Correlingua contou coa colaboración do Concello de Bueu, o Concello de Moaña, o Concello de Cangas e a Deputación de Pontevedra na súa área de Normalización Lingüística. Voluntariado de Cangas, a Asociación Corredoiras de Bueu e o alumnado de 1º da ESO do IES Monte Carrasco que colaborou como monitorado foron tamén fundamentais para o seu desenvolvemento. Os centros participantes pertencían aos tres concellos antes mencionados: IES de Rodeira - IES Monte Carrasco - CEIP do Hío - CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo – IES María Soliño - CPR Compañía de María, CEIP A Pedra - CEIP da Torre Cela – CPR Virxe Milagrosa - CEIP Plurilingüe Montemogos, EIP Seara - CEIP Plurilingüe Domaio  - CEIP Reibón - CEIP Abelendo - CEIP Plurilingüe Tirán.

Mañá xoves, a seguinte parada do Correlingua será en Santiago de Compostela coas mesmas ganas de reivindicar que se poida vivir, medrar e aprender en galego.

Volver