Segue a campaña contra a imposición do calendario escolar

Calendario Escolar

Concentracións en todas as cidades galegas contra a eliminación da xornada reducida continua en xuño e setembro

XORNADA CONTINUA REDUCIDA  DE XUÑO E SETEMBRO

 

Os delegados provinciais de educación veñen de remitir aos centros escolares que até o de agora viñan gozando de xornada matinal durante os meses de xuño e setembro unha circular na que dan de prazo até o 1 de xuño para que os  centros poidan solicitar, previo acordo do Consello Escolar, a modificación da xornada nestes meses.

 

Preténdese con esta circular, que conta co beneplácito dos outros sindicatos, desactivar a mobilización do profesorado contra a imposición desta xornada, de aí o reducido prazo que dan para modificala.

 

Esta circular que liquida a xornada reducida e non garante, nin sequera, a continua, vén de amosar a prepotencia da Consellaría de Educación, impondo unha xornada que foi rexeitada polo profesorado na folga do día 3 de maio e que volve ser rexeitada agora mediante a consulta que estamos facendo en todos os centros.

 

Mais non podemos quedar impasíbeis ante esta imposición, e, máis cedo que tarde, a Consellaría verase abrigada a restabelecer a xornada continuada reducida; por iso a CIG-Ensino propón ao profesorado e aos equipos directivos que amosen o seu rexeitamento, solicitando unha xornada reducida de catro horas.

 

A existencia dunha xornada lectiva continuada reducida  en horario matinal nos meses de setembro e xuño foi considerada desde sempre a xornada máis axeitada para o alumnado e así se veu recollendo ao longo dos anos, ademais de ser totalmente compatíbel coa oferta do servizo de comedor escolar. Este tipo de xornada ten a finalidade de estabelecer un acceso gradual desde o período de vacacións ao período lectivo no mes de setembro, e de atenuar a incidencia do cansazo acumulado de todo o curso durante o mes de xuño..

 

 

A verdadeira conciliación da vida laboral e familiar non depende da ampliación do horario lectivo, nin de estender a xornada partida a todo o curso escolar, senón de que os centros estean dotados de servizos complementarios (transporte e comedor), actividades extraescolares e mais persoal non docente, independentemente de que sexan rurais ou urbanos e da modalidade de xornada lectiva, cuestións todas elas que o acordo asinado para desconvocar a folga non garante.

 

Debemos saber que o ensino de infantil e de primaria en Galiza ten, xa na actualidade, un horario lectivo, para o alumnado e para profesorado, superior aos países do noso contorno e que o tipo de xornada intensiva e reducida é a maioritaria noutros territorios do Estado. Mesmamente Cataluña que implatara a xornada ampliada en xuño e setembro, vén de restabelecer a xornada reducida para o curso que ven.

 

A Conselleira de Educación, malia a folga maioritaria do día 3 de maio, aínda non se dignou a recibirnos, mostrando na práctica unha prepotencia e autoritarismo impropio dunha persoa que desempeña tal cargo.

 

A CIG-Ensino vai seguir reclamando a  xornada reducida matinal en xuño e setembro. Co voso aval esixiremos á Conselleira que se restabeleza este tipo a xornada e agardamos que, polo menos unha vez, atenda a vontade que o profesorado amosa na consulta que estamos realizando e que hoxe xa conta con miles de apoios.

 

 

Volver