Sanidade retoma a vacinación do persoal dos centros educativos sen novidades aínda coa 2ª dose

Saúde Pública di compartir as nosas queixas sobre a subministración da 2ª dose, tanto en prazos como na vacina a subministrar mais fía todo á decisión do Ministerio e a Conferencia Interterritorial

Hoxe, 7 de maio, tivo lugar unha nova reunión á que a CIG-Ensino foi convocada polas Consellarías de Educación e Sanidade para proporcionarnos información sobre a reanudación da campaña de vacinación pendente para o profesorado e persoal non docente dos centros escolares galegos, atendendo a demanda que por parte do sindicato así como doutras organizacións se lles fixera chegar na reunión do pasado 27 de abril.

Na nosa intervención insistimos en varios temas que consideramos se lle debe dar solución canto antes. Entre outros, e con carácter xeral, volvemos preguntar pola situación do profesorado de MUFACE que non ten acceso ao certificado de vacinación do SERGAS, urxindo á Consellaría a que se poida ter canto antes.

PERSOAL AÍNDA NON VACINADO

  • Temporalidade: preguntamos polo prazo no que se prevé rematar coa subministración da 1ª dose.
  • Gustaríanos que se nos proporcionase información exacta do persoal que non recibiu aínda a 1ª dose. Pedímolo xa tanto na Mesa Sectorial como na pasada reunión e non se nos proporcionou.
  • Queremos que se nos garanta que todo o persoal que comezou a traballar nestas últimas semanas vai ser vacinado.
  • Na reunión pasada indicóusenos que o persoal maior de 60 anos ía ser vacinado polo seu grupo etario. Nestes momentos pode ser que parte del xa fose vacinado por esta vía. Agora que se recupera a vacinación por colectivo, que se vai facer?
  • Facemos especial fincapé nas incidencias sen resolver e que se nos aclare por parte de Educación se están tramitadas e por parte de Sanidade se van ser tramitadas: reincorporacións despois de baixa médica, por cambio de media xornada a xornada completa, auxiliares de conversa, etc.
  • Cuestionamos a Saúde Pública pola previsión para o comezo de curso escolar para aquel profesorado que se incorpore por vez primeira ao sistema educativo e non entrase nas campañas de vacinación, nin polo grupo de idade nin nesta campaña de grupos esenciais. A CIG-Ensino considera que Educación debería remitir, con anterioridade ao comezo de curso, a relación de profesorado que se incorporará en setembro e non foi vacinado.

PERSOAL PENDENTE DA 2ª DOSE

Sen entrar nun debate técnico ou científico que non nos corresponde xa temos declarado o noso estupor ante os cambios de criterio ao respecto da vacinación coa 2ª dose. Cando a propia EMA indica que se debe vacinar con  AstraZeneca non parece de recibo a paralización que se decreta por parte do Ministerio e a Comisión Interterritorial. Se a isto unimos a posición favorábel de Saúde Pública a vacinar con AstraZeneca somos críticos coa falta de autonomía do goberno galego para, seguindo informes científicos, poder seguir coa 2ª dose no prazo de 12 semanas e coa mesma vacina.

OPOSICIÓNS E VACINACIÓN

Xa advertimos da nosa preocupación de que a segunda dose poida coincidir coas oposicións e instamos a que se contemplen medidas para aquel persoal que participa nos procesos, ben para procurar que non coincida ou, se é inevitábel e non pode acudir a vacinarse por coincidirlle cun exame que sexa rechamado inmediatamente, sendo flexíbel con estes compañeiros e compañeiras.

PERSOAL NON RELACIONADO COA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN

  • Recibimos unha resposta por escrito de Sanidade en resposta á nosa demanda de vacinación do alumnado universitario en prácticas indicando a intención era acelerar a vacinación mais sen comprometerse a que se vacine agora. Vai incluírse?
  • Hai algunha decisión tomada co alumnado de FP que fai as prácticas en residencias e centros de atención a persoas maiores?
  • Cónstanos que hai colectivos de atención a menores e ao sector da discapacidade que non foron vacinados malia estar catalogados como grupo esencial. Van ser vacinados agora como grupos esenciais?
INFORMACIÓN E RESPOSTAS PROPORCIONADAS POR SAÚDE PÚBLICA
  • Prevese que o luns 10 de maio estean vacinadas todas as persoas de entre 60 e 69 anos. Por iso poden recuperar a vacinación de colectivos esenciais.
  • O persoal maior de 59 anos xa se está vacinando pola súa idade.
  • A partir da semana que vén e nun prazo estimado de 2 ou 3 semanas vai vacinarse a todo o persoal menor de 60 anos dos centros educativos con Moderna ou Pfizer.
  • Tamén se incorporará a persoal dos comedores escolares que aínda non se vacinaron.
  • O alumnado de FP en prácticas en centros de día e residencias vai ser vacinado en breve como demandou a CIG-Ensino.
  • Non se comprometen coa mesma rapidez a outra demanda do sindicato: vacinar o alumnado universitario en prácticas en centros educativos. Van rematar primeiro con outros colectivos en prácticas pendentes (sanitarios, etc..) e despois din que cren que lles dará tempo a facelo antes de finais de curso.
  • Van ser flexíbeis co problema que indicamos coas datas das oposicións. Como vacinan durante todo o día as persoas as quen lle coincida a segunda dose con exame poderán facelo a calquera hora do día.
  • Non responden á nosa solicitude de poder ter vacinado a todo o profesorado de nova incorporación en setembro polo que insistiremos nun tema esencial para comezar o curso 21/22 con todo persoal vacinado.
  • Están traballado informaticamente para solucionar o problema da certificación de vacinación do persoal de MUFACE mais non poden darnos aínda unha data para ter solucionado o tema.
  • Educación vai remitir na semana que vén unha actualización con todas as incidencias que lle chegaron nestas últimas semanas e novas incorporacións. Contando coas persoas que quedaron sen vacinar das listaxes iniciais, a cifra de pendentes de 1ª dose rolda as 6.000 persoas. Desde a CIG-Ensino instamos a todo o profesorado pendente de vacinar a que se non é chamado nas próximas 2 ou 3 semanas solicite á dirección do seu centro que comunique os seus datos á Consellaría como incidencia para poder vacinarse canto antes.
  • Afirman que están vacinando a todo o persoal de centros de atención á discapacidade que lles remitiu a Consellaría de Política Social. Como á CIG-Ensino lles consta que hai centros pendentes, Saúde Pública pide que lles remitamos todas as incidencias neste sector para poder vacinalos.

Volver