Sanidade manterá a suspensión da vacinación ao persoal dos centros docentes
Saúde Pública trasladounos nunha reunión que a Xunta vai manter o cumprimento das normas pactadas a nivel estatal e que rematarán primeiro a vacinación das persoas maiores de 60 anos
Despois de ter denunciado as improvisacións e a falta de coherencia nas decisións na campaña de vacinación do persoal dos centros educativos e outros colectivos esenciais así como demandar a convocatoria dunha reunión para que se deran todas as explicacións sobre que decisións se van adoptar con quen non foi aínda vacinada ou con todo o colectivo pendente da segunda dose, ambas Consellarías mantiveron hoxe unha videoconferencia.
En dita videoconferencia a CIG-Ensino, alén de reiterar as nosas críticas polas decisións adoptadas, trasladou as seguintes cuestións:
- Consideramos que se debe completar a vacinación de todo o persoal dos centros educativos e outros colectivos esenciais, por coherencia cos criterios anteriores. Neste sentido, demandamos que se vacine canto antes a quen aínda non recibiu a primeira dose.
- Lembramos que pedimos na última Mesa Sectorial datos numéricos de persoal non vacinado e que, a día de hoxe, non se nos proporcionaron.
- A maiores das cifras, tamén pedimos datos concretos de persoal non vacinado: maiores de 65 anos, incidencias sen resolver, por reincorporación dunha baixa médica, por novas contratacións, por estar a media xornada, etc. Se a vacinación non vai coa rapidez que debería poderiamos comezar o curso con profesorado sen vacinar, o que implica unha total contradición cos criterios de atención a colectivos esenciais.
- Preocúpanos que a segunda dose poida coincidir coas oposicións e instamos a que se tomen medidas para aquel persoal que participa nos procesos, ben para procurar que non coincida ou, se é inevitábel e non pode acudir a vacinarse por coincidirlle cun exame que sexa rechamado inmediatamente.
- Sobre a segunda dose preguntamos sobre que vai pasar con ela (se se dispensará AstraZeneca ou outra).
- Tamén nos preocupa que en todo este proceso de vacinación do persoal dos centros educativos non se tivese en conta en ningún momento ao persoal docente e non docente das universidades, así como aquel alumnado que está a facer as prácticas en centros educativos.
- Queremos saber se finalmente o alumnado de FP que fai as prácticas en residencias e centros de atención a persoas maiores foron ou van ser vacinadas.
- Cónstanos que hai colectivos de atención a menores e ao sector da discapacidade que non foron vacinados malia estar catalogados como grupo esencial.
- Queremos saber se teñen constancia de que se manteñan os problemas con persoas mutualistas de MUFACE xubiladas e lembramos que pedimos nunha reunión con Saúde Pública que se crease un formulario nas redes para poder comunicar incidencias cando o teléfono do SERGAS está colapsado.
- Queremos saber que vai pasar coa certificación de vacinación da Xunta no caso das persoas que non teñan atención sanitaria co SERGAS.
Na reunión non se proporcionou ningunha información novidosa que non se tivese feito pública con anterioridade, polo que a reunión non tivo ningunha efectividade práctica. En síntese:
- A vacinación para persoal dos centros educativos e outros colectivos esenciais está paralizada mentres non se vacine ás persoas maiores de 60 anos.
- A vacinación de persoas menores de 60 anos faríase con Pfizer ou Moderna, de 60 a 69 con Astrazeneca ou Janssen e de máis de 70 con Pfizer, Moderna ou Janssen. Isto aínda faría máis complexo o proceso de reanudación da vacinación ao persoal de colectivos esenciais pendentes, en función da chegada dunha maior ou menor cantidade dunha vacina ou doutra, polo que non dan ningunha data de referencia.
- O profesorado e outro persoal dos centros maiores de 60 anos estaría xa avacinarse polo seu grupo de idade.
- De momento non saben que decisión se vai adoptar coa segunda dose, partindo de que a Axencia Europea do Medicamento indica que se debe vacinar con AstraZeneca e que a nivel estatal non se adoptou aínda unha decisión ao respecto.
- O SERGAS está a traballar coas diferentes mutuas (MUFACE, etc..) a nivel de bases de datos para poder proporcionar certificados de vacinación tamén a quen non ten a prestación sanitaria co SERGAS.
- Non hai aínda un proceso de vacinación para nenos e nenas. De momento só se vacina a maiores de 16 anos con procesos oncolóxicos e grao de dependencia III. Hai pasos adiante para rebaixar até os 12 anos mais só en fase de solicitude de autorización á AME.
- Van facer o posíbel para vacinar canto antes ao alumnado que fai as prácticas en centros de día ou residencias de maiores, para garantir a máxima protección destas persoas.
- Din que resolveron moitas incidencias de MUFACE e que acaban de triplicar as persoas que atenden o teléfono, que trasladaron a nosa demanda dun formulario nas redes para as incidencias mais que aínda non o fixeron.
Sanidade manterá a suspensión da vacinación ao persoal dos centros docentes
Saúde Pública trasladounos nunha reunión que a Xunta vai manter o cumprimento das normas pactadas a nivel estatal e que rematarán primeiro a vacinación das persoas maiores de 60 anos