Sanidade confirma a suspensión da vacinación do persoal dos centros docentes menores de 60 anos sen fixar ningunha alternativa

Sen datas nin plan B previsto diante da caótica xestión internacional, estatal e galega na vacinación

A CIG-Ensino foi informada a última hora da mañá de hoxe, 8 de abril, da confirmación da suspensión da vacinación con AstraZeneca do persoal dos centros educativos (así como doutros colectivos esenciais) logo das decisións que se precipitaron tras as reunións a nivel europeo e estatal da tarde e noite de onte.

A suspensión non vén acompañada de ningún tipo de medida alternativa para as miles de persoas que aínda non se vacinaron no conxunto do sistema educativo galego, aproximadamente un 10% do persoal que traballa nos centros educativos. O persoal entre 60 e 65 anos seguirá dentro do plan de vacinación de AstraZeneca.

A CIG-Ensino considera un despropósito todo o que está a acontecer coa xestión da vacinación e esixe que todas aquelas persoas que lle corresponde  a vacinación, ao seren consideradas colectivo esencial, poidan ter acceso á vacina canto antes. Non se pode deixar colgada a unha parte do persoal e debe garantirse un trato idéntico.

Neste sentido a CIG-Ensino insistiu en que imposíbel entender e dar por bo que aquel profesorado maior de 65 anos (do que a Consellaría non proporcionou datos mais que debe ser un número moi reducido) non se poida vacinar canda os seus compañeiros e compañeiras e teña que agardar polo seu grupo etario.

A pésima xestión na toma de decisións e no uso partidista das institucións está a crear unha confusión e unha alarma que é  responsabilidade única de quen nos gobernan, desde San Caetano a Bruxelas pasando por Madrid. Como explicar a estas alturas as idas e vidas na administración da vacina AstraZeneca por grupos de idade?

Cómpre que con urxencia as diferentes administracións, da man do rigor científico e non dos intereses das empresas farmacéuticas e do gran capital, tomen as medidas oportunas para dar todo tipo de explicacións e artellar solucións á situación creada:
  • É preciso que se achegue inmediatamente toda a información sobre a situación da vacina AstraZeneca. Non se pode xogar coa confianza da xente. Unha vacina non pode pasar de ser absolutamente segura a ser un risco para unha franxa etaria, para volver de novo a ser segura e así nun bucle que crea alarma e desconfianza. Non nos corresponde como sindicato entrar en valoracións científicas nin en sementar dúbidas. Nin o fixemos nin o imos facer. Esiximos transparencia e seguridade.
  • Debe adoptarse unha decisión para o subministro da 2ª dose da vacina AstraZeneca, ben coa propia vacina ou con outra, sempre con todas os informes científicos necesarios. Non pode ser que se nos venda agora que unha dose é dabondo cando até hai 48 horas era fundamental contar coas dúas doses.
  • Non pode quedar ninguén sen vacinar nos diferentes colectivos. Todas as incidencias sen resolver e as miles de persoas que aínda non teñen a vacina deben ter a garantía de que se vacinarán en breve, tanto persoal docente como non docente vinculado coa Consellaría, con empresas privadas ou ANPAS, con independencia da idade que teñan.
  • É urxente que se levante o boicot a negociar fóra dos limites actuais dos intereses das grandes corporacións farmacéuticas, abrindo a posibilidade a que outras vacinas, con todo o control e informes da Axencia Europea do Medicamento, poidan ser compradas e distribuídas masivamente.
  • A CIG reafirma, neste sentido, o seu compromiso co “Manifesto internacional pola vida” en demanda de vacinas e saúde pública para todas e todos, denunciando as evidencias das contradicións do capitalismo ao pór o beneficio por riba da vida das persoas.

Volver