Rolda de prensa para facer públicas as accións do sindicato ante o novo decreto de bacharelato
Por un novo bacharelato máis compensado, laico e de calidade
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, denunciou a ausencia de diálogo e de vontade de debate de Consellaría de Educación. Fixo, así mesmo, unha síntese das accións levadas a cabo a raíz do novo decreto.
A CIG-Ensino anuncia que continuará coas mobilizacións por un bacharelato máis compensado, laico e de calidade
* se non se ve correctamente o vídeo desde o explorer, utilizar o mozilla
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, anunciou esta mañá en rolda de prensa que continuarán coas mobilizacións para conseguir que se incrementen nunha hora as aulas de Filosofía e Historia. Ademais, denunciou o escaso ‘talante’ democrático e falta de valentía da consellaría de Eduación para avanzar na calidade do ensino, na súa galeguización e laicidade.
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, anunciou esta mañá en rolda de prensa que continuarán coas mobilizacións para conseguir que se incrementen nunha hora as aulas de Filosofía e Historia. Ademais, denunciou o escaso ‘talante’ democrático e falta de valentía da consellaría de Eduación para avanzar na calidade do ensino, na súa galeguización e laicidade.
A CIG-Ensino desenvolveu durante o mes de abril unha serie de mobilizacións –concentracións os días 23 e 28 de abril e folga e manifestación o 29 de abril- dirixidas e denunciar a actuación da consellaría de Educación en todo o relativo ao Decreto de Bacharelato. Un decreto que tal e como se denunciou no seu día foi aprobado sen previa información ao conxunto do profesorado, sen debate ou negociación algunha sobre os seus contidos e mesmo sen ter en conta as emendas presentadas, maioritariamente, pola CIG-Ensino. “Algo que nunca, na historia do Consello Escolar de Galiza sucedera”, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
Nesas mobilizacións, a CIG-Ensino, partindo da necesaria garantía da laicidade do sistema educativo, propoñía e segue a propor, para cumprir o marco legal que estabelece a LOE, que a materia de relixión sexa impartida só para aquel alumnado que a solicite e fora do horario común. Deste xeito, as horas previstas para relixión poderían ser destinadas a ampliar nunha hora as clases de Filosofía e noutra as de Historia.
Unha proposta na que a CIG-Ensino inclúe tamén que todos os centros que impartan a modalidade de Bascharelato de Ciencias e Tecnoloxía oferten todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II; que todos os centros que dispensen ensinanzas de bacharelato impartan, como mínimo, dúas modalidades, garantindo que o alumnado poida cursar calquera materia da súa propia modalidade e que se amplíe a de Artes ao maior número posíbel de centros.
Porén, malia estas mobilizacións, a conselleira de Educación anunciaba onte a súa decisión de ampliar unicamente as clases de Educación Física nunha hora. Unha proposta claramente insuficiente para a CIG-Ensino, que considera que “é inaceptábel e inasumíbel que a materia de relixión condicione e imposibilite que a filosofía e a historia teñan unha hora máis de clase. A relixión debe quedar no ámbito privado, pero non debe ter cabida no currículo escolar”, afirmaba o seu secretario nacional.
Para desbotar a proposta de CIG-Ensino a consellaría de Educación esgrime a súa suposta ilegalidade. Porén, Anxo Louzao lembrou que unha proposta semellante foi a que presentaron os gobernos ou os consellos escolares de comunidades como os de Asturias, Illes Balears ou Cataluña. Propostas das que, en algúns casos, están retrocedendo por presións políticas e das cúpulas eclesiásticas ou que se manteñen pero que, en ningún caso son cuestionadas por ser ilegais, como nos pretende convencer aquí a conselleira de Educación.
Anuncio de mobilizacións
Diante desta actitude de falta de valentía política por parte da consellaría de Educación “sustentada polo PSOE, supostamente progresista e supostamente laica”, a CIG-Ensino ten acordado reiniciar as mobilizacións cunha campaña que comezaría por promover que os claustros aproben resolucións nos centros, no sentido da proposta presentada pola CIG-Ensino. A partir de aí desenvolveríase, ademais, unha campaña informativa nos centros con pancartas alusivas ao tema denunciando o condicionamento dos horarios por mor da materia de relixión.
A CIG-Ensino está tamén a recoller sinaturas en apoio á táboa reivindicativa presentada e o día 14 de maio convocarase unha concentración diante da consellaría de Educación, concibida non só como un acto reivindicativo senón tamén lúdico.
O día 20 levarase a cabo en todo o país, en diferentes centros, aulas reivindicativas, que terán lugar ao aire libre, ben na rúa, ben nos patios dos centro, nas que se amosará o rexeitamento a este modelo de decreto de bacharelato.
O día 21 convocarase outra concentración diante da consellaría de Educación para facer entrega das sinaturas que haxa recollidas até ese momento, outro acto reivindicativo e lúdico do que se informará en datas próximas.
A CIG-Ensino tamén promoverá resolucións nas Xuntas de Persoal provinciais, órganos electos onde están representados os 32.000 docentes de Galiza, no sentido de demandar unha hora lectiva máis para filosofía, historia, reforzar as materias de tecnoloxía e de música e que en todos os centros se impartan as dúas modalidades de bacharelato.
Deste xeito, a CIG-.Ensino pretende demostrar á consellaría que as súas propostas contan co apoio unánime do profesorado, como xa se constatou nas mobilizacións anteriores e contra o decreto de bacharelato porque “non avanza na calidade do ensino, ten insuficiencias para a formación do alumnado, non vai facilitar avances na galeguización e non está dirixido a fomentar o ensino laico”.
LIGAZÓN CO CARTAZ
LIGAZÓN CO BOLETÍN
LIGAZÓN CO CARTAZ
LIGAZÓN CO BOLETÍN