Rolda de prensa da CIG-Ensino co motivo do inicio do curso escolar

Valoración dos problemas actuais do ensino galego

Asistiron á rolda de prensa o Secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e a membro da Executiva Marta Dacosta. En primeiro lugar, Anxo Louzao relacionou as cuestións pendentes de realizar nesta lexislatura que remata neste curso e que están recollidas no pacto de goberno, cuestións tan importantes para a calidade do ensino público como acadar un gasto en Educación do 6% do PIB (actualmente é do 4.7º/º); efectivizar a redución das rateos en Educación Infantil a 15 alumnos por aula; estabelecer un plano de redución de taxa de fracaso escolar; a posta en marcha do programa de apoio específico para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante; realización dun plano de actuación para a mellora das escolas rurais ou a elaboración e negociación dun Estatuto da Función Pública Docente e a Lei de Universidades.

Na rolda de prensa da CIG-Ensino co motivo do inicio do curso escolar, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou o comezo do novo curso 2008-2009, incidindo nos seguintes temas:

 

Asistiron á rolda de prensa o Secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e a membro da Executiva Marta Dacosta. En primeiro lugar, Anxo Louzao relacionou as cuestións pendentes de realizar nesta lexislatura que remata neste curso e que están recollidas no pacto de goberno, cuestións tan importantes para a calidade do ensino público como acadar un gasto en Educación do 6% do PIB (actualmente é do 4.7º/º); efectivizar a redución das rateos en Educación Infantil a 15 alumnos por aula; estabelecer un plano de redución de taxa de fracaso escolar; a posta en marcha do programa de apoio específico para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante; realización dun plano de actuación para a mellora das escolas rurais ou a elaboración e negociación dun Estatuto da Función Pública Docente e a Lei de Universidades.

 

O pasado curso rematou cunha elevada conflitividade por mor das modificacións introducidas no Bacharelato: nos horarios de materias como filosofía e historia, que perderon carga horaria en beneficio das horas de relixión, ou pola supresión das optativas de Literatura galega contemporánea e Literaturas hispánicas.

 

Outra cuestión inexplicábel é que se inicie o curso sen que estea publicado o currículo de Educación Infantil que hai que aplicar neste curso 2008-2009, currículo que xa foi informado por todos os organismos preceptivos no pasado ano 2007, momento en que estaba dispoñíbel para ser aprobado no consello da Xunta, trámite que aínda non se produciu, malia estar xa no seu poder desde finais do curso pasado.

 

Desde a CIG-Ensino, temos que denunciar que se limitaron as prazas de comedores escolares ofertadas para este curso e que a liquidación da xornada reducida en xuño e setembro é a causa de que moitos centros teñan horarios disparatados (50 centros saen despois das 15 horas), ou que practicamente 100 centros non poidan impartir as 5 horas estabelecidas. Debemos denunciar tamén que se incrementaron os concertos educativos (11 unidades máis), mentres se suprimen 30 unidades da ESO e 13 de Primaria no Ensino Público, precisamente cando se incrementa a matrícula en aproximadamente 3000 nenos e nenas en Primaria e 1000 en Educación Infantil.

 

No relativo á normalización lingüística, a CIG-Ensino lamenta que a Consellaría siga sen adoptar as medidas necesarias para a aplicación do Decreto 124/2007, especialmente despois de que máis de 198 coordinadores doutros tantos Equipos de Normalización teñan reclamado unha serie de medidas e anunciado que se Educación non muda a súa actitude, estarían dispostos a dimitir. Os últimos datos publicados veñen a dar a razón á CIG-Ensino na necesidade de tomar cartas no asunto con carácter urxente, neste sentido seguiremos demandando da Consellaría unha maior implicación.

 

Unha das eivas deste inicio de curso é o recorte do profesorado. A Consellaría estivo realizando recortes na dotación do profesorado necesario en varios centros de Secundaria, e este recorte vai afectar á colocación do profesorado, nomeadamente do profesorado interino. Falamos de postos que se viñan cubrindo até o de agora que son necesarios para cubrir as necesidades dos centros. En Primaria, non se está cumprindo o acordo de 8 de xuño, o que fai que en moitos centros teñan dificultades para o cumprimento dos horarios. Outra das eivas prodúcese en orientación, pois moitos centros que reúnen os requisitos para contar cun orientador ou orientadora a tempo completo, seguen sen telo/a.

 

Para a CIG-Ensino, cómpre que este curso se reforce o funcionamento da Mesa Sectorial na súa función negociadora, estabelecendo un calendario de temas a tratar, polo menos até o remate da lexislatura. Outra cuestión prioritaria é que se revisen un a un os concertos educativos agora que remata o súa vixencia.

 

Cómpre  elaborar un plano de prevención de redución do fracaso escolar e abandono temperá do sistema educativo. O Estado español duplica a taxa de abandono da Unión Europea (14.9%). Cómpre tamén incrementar os recursos, o profesorado e os especialistas necesarios para atender o alumnado con necesidades educativas especiais.

 

Desde a CIG-Ensino, realizaremos unha campaña para demandar melloras laborais e da calidade do ensino como é a dotación e o incremento de persoal administrativo nos centros, a redución das rateos, creación dunha liña telefónica directa coa Consellaría para os equipos directivos, un mellor acordo de xubilación anticipada, a regulación da redución horaria para maiores de 55 anos, a revisión médica do persoal docente, a mellora da xestión dos libros de texto, uns novos Regulamentos Orgánicos de Centro, incremento dos orzamentos para Educación, etc. Faremos especial fincapé no cumprimento do Decreto 124/2007 de uso de galego nos centros educativos e reclamaremos a negociación dun novo acordo retributivo.

 

A CIG-Ensino solicitará unha entrevista coa Conselleira de Educación para trasladarlle todas estas propostas e para demandar o cumprimento daquelas cuestión prioritarias xa comprometidas.

Volver