Reunións decepcionantes nas negociacións do XV Convenio Colectivo de Discapaciadade

Informacións da terceira e cuarta reunións

Dado o camiño que están tomando as negociacións dende CIG comentamos de ameazar con presión social, proposta que nin se valorou na mesa social.

Para comezar, non se aportaron con anterioridade textos por ningunha das partes dos bloques a tratar na 3ª reunión, tal e como se acordara (agás nós, CIG, que presentamos a nosa proposta). Só se mandou o borrador de acta anterior, logo de insistirmos, uns días antes.

Esta reunión resultou ser totalmente estéril ao non concretarse propostas significativas dentro dos 3 bloques a tratar : CONTRATACIÓNS , FORMACIÓN E PREVENCIÓN DE RISCOS.

O banco patronal remítise en exclusiva á lexislación vixente cando fala de contratación. Polo que respecta á formación e aprendizaxe, farán unha proposta de texto. A CIG, a respecto do salario dos contratos, reclama que se recolla que non sexan inferiores ao SMI en ningún caso e os de formación deben ter un 30 % de formación como mínimo.

Respecto aos contratos a tempo parcial, a patronal realiza unha contraproposta máis restritiva que a formulada polo banco sindical. Proponse a búsqueda dunha fórmula de axuste da xornada para encontrar un punto de acordo das horas de xornada laboral do Convenio.

A parte social entende que o contrato fixo discontínuo é moi fraudulento, polo que propón unha regulación máis clara e concreta. Queda pendente de propostas concretas.

Acórdase buscar unha redacción de texto para o artígo de “vacantes e postos de nova creación” que contempla propostas tanto das organizacións patronais como sindicais. A CIG reivindica que se recolla “oferta de promoción interna ao persoal”. Os/as traballadores/as con xornada parcial terán preferencia a ampliar a súa xornada. A empresa fará público o sistema e o baremo de selección, acordados entre empresa e traballadores/as. Acórdase realizar a adaptación normativa para o artígo relativo á reserva de prazas para persoas con discapacidade.

Desde CIG propoñemos un texto para o artigo de Subrogación empresarial e cesión de traballadores/as. Tamén presenta un novo artigo referente á “acción voluntaria”.

En relación á mobilidade xeográfica preséntase unha proposta sindical de texto e desde as  patronais propoñen unha referencia ao E.T. facendo fincapé nos traballadores con discapacidade

No referente ao bloque de formación arguméntanse e debátense as propostas formuladas, sen acadar acordos. Recóllense adaptacións a normativas vixentes.

Finalmente abórdase o terceiro bloque de Prevención de Riscos Laborais, intercambiándose propostas e  quedando pendente para a seguinte reunión debatir os artigos.

Decídese intercambiar documentación do acordado e das propostas así como enviar textos entre as partes para que se fale de salarios, xornada, permisos e vacacións na 4ª reunión.

Na 4ª reunión a plataforma Social de UGT e CCOO sí nos mandou previamente as súas propostas para os 4 puntos a tratar: xornada, vacacións, permisos e Salarios. A Patronal non só non enviou nada do falado e acordado na anterior reunión, senón que nen trouxo propostas para os temas a debater nesta 4ª reunión. A PREVENCIÓN DE RISCOS, pendente da anterior reunión, xa nen se tocou, pasando xa aos temas desta reunión:

SALARIOS.

Comeza a plataforma social sen CIG, que propón:

No 2017 suba dun 1,25% sobre as táboas salariais de 2016.

No 2018 suba dun 2,75% para os salarios superiores a 899€ e dun 5% para os inferiores a 899€.

O resto de anos que recolla o convenio, IPC con cláusula de revisión salarial.

Proposta da CIG. O 3% cada un dos 2 anos (de cara a recuperar a perda de poder adquisitivo do 5,2% dende a sinatura do XIV convenio) aplicando unha suba lineal aos que estean por debaixo da media salarial galega (18000€) de 540€ anual, é dicir, o 3% desa media. Nos anos seguintes de duración do convenio o IPC + a % que falte para recuperarmos o perdido, e claro, con cláusula de revisión salarial.

Patronal. Non podemos asumir ningunha proposta de carácter retroactivo, polo que o 2017 CONXELACIÓN é un tema pechado e descontado para nós. A situación do sector , así como as conxelacións e en moitos casos os recortes das administracións públicas, fan imposible o poder asumir atrasos e menos as 16 pagas que resultarían como mínimo a cada traballador/a.

No ano 2018 entendemos que “pode haber mellora”, pero non podemos dar cifras debido a que non temos costeado a modificación da “clasificación profesional” que entendemos prioritario para o sector e, debido á complexidade da mesma, tardaremos…

Desde a parte social amosouse a total incredulidade, dando máis que sobradas razóns para que asuman unha suba salarial no 2017. Desde a sinatura do convenio van 3 anos de conxelación, este sería o 4º; os outros dous subiuse un 1% cada ano (15 e 16). Agora que seica hai repunte económico, hai administracións que aplicaron subas, empresas que pagan a conta convenio, cláusulas de descolgue, convenios autonómicos con subas no 2017, convenios de empresa con subas, así que non todos os ingresos dependen das administración. As patronais retrucaron con novas excusas e pechando que do dito non se movían.

As dúas partes falaron da “intención que tiñan de pechar pronto o convenio” e que con este cambio de criterio na patronal isto non vai ser así. CCOO e UGT queren cerralo canto antes.

XORNADA.

A plataforma social sen CIG, propón 37,5h/semana e 7,5 máx. diaria, así como axustar estes cálculos á xornada anual, pois a actual está desfasada por arriba.

Proposta da CIG. Entendemos que unha mellora significativa na xornada é boa para as 2 partes, pola dura carga de traballo psíquico e físico e a grande cantidade de baixas que provoca. Propomos 35h/semanais, é dicir, 7 máx. diarias, e recalcular a anual pois está inflada.

Patronal. Inasumible tal modificación, pois trastocaría todo o servizo e atención. Neste punto entendemos que son as adecuadas as que temos marcadas no convenio. O cálculo da anual xa se mirara e está ben, mais si que estamos dispostos a facer unha reunión técnica e acordar o correcto para as dúas partes.

VACACIÓNS.

A plataforma social sen CIG  propón voltar ao mes de vacacións (“30 días naturais”), no verán preferentemente, e logo 6 días a maiores a gozar durante o resto do ano.

Proposta da CIG. Propomos 23 laborables e logo 6 a maiores en Nadal e Semana Santa.

PATRONAL. As vacacións xa se modificaron no convenio anterior, mellorándoas, no paso a días laborais e engadindo 3 laborais máis en compensación aos días de asuntos propios, que se retiraron, polo que entendemos que este artigo debe permanecer tal cal está. Ademais calquera mellora, nestes momentos sería inasumible.

PERMISOS RETRIBUÍDOS.

As organizacións sindicais presentamos melloras na maioría de permisos, paso de días naturais a laborais, aumento de días noutros e algún novo permiso como o de visitas médicas propias ou acompañando a familiares (tédelos na nosa proposta e os dos outros van na nosa liña).

Patronal. Neste apartado si que hai puntos nos que coincidimos e que aceptaremos. Concretaremos a nosa proposta e enviarásevos.

Logo pediuse un receso pola parte social. Aos demais molestáballes moito alongar negociacións, a parte claro, da actitude de “non a todo e  prepotencia” por parte da patronal. Comentamos que xa esta aprazara reunión por necesitar tempo para a súa plataforma, que non presentan propostas e que dilatan todo. Logo de valoralo todo decidiuse:

  1. Pechar unha próxima reunión en febreiro e que traian propostas.
  2. Non cerraremos 2017 como descontado, dando novos argumentos.
  3. O 2018 debe ter unha proposta concreta, a parte da Clasificación Profesional.
  4. Que mande a patronal antes da reunión as propostas pendentes da 3ª e 4ª reunión.
  5. Eliminar SMI nunha categoría, ou referencialo como salario base. (O RD fala de SMI como cantidade anual e provoca a absorción de complementos, como o CDP)

Dende CIG comentamos de ameazar con presión social e nen se valorou na mesa social. Peparáronse novos argumentos para mudar a postura da patronal nos temas formulados.

A Patronal intentou levar a seguinte reunión a marzo para ter tempo de presentar propostas, volvéronse discutir as propostas e neste caso con máis dureza. Ao final, acordouse:

  • Manter a próxima reunión o 13 de febreiro ás 11 noras.
  • A patronal comprométese a traer unha resposta aos temas tratados, agás ao tema das retribucións.
  • Mandaranse co anterioridade á reunión, por correo electrónico, todas as propostas para ir pechando e acordando temas.

 

 

CIG Informa Ensino Privado: Convenio Colectivo Discapacidade

Documento


Volver