Reunión da comisión de acreditación da competencia dixital docente

Publicarase, previsibelmente ao longo do día de hoxe, na páxina da Consellaría, a resolución provisional.

A partir da publicación, previsibelmente no día de hoxe, das listaxes de persoas ás que se lle recoñece CDD por titulacións ou evidencias, ábrese un prazo de 5 días para posibles reclamacións antes da resolución definitiva.

Aínda que non fose cometido desta reunión, tendo en conta as peticións recibidas do profesorado e en concreto da CIG-Ensino, a Administración indicou que se incrementou o número de  determinadas especialidades das que se é titular, despois de 2 anos,  a efectos de recoñecemento de oficio do nivel B2:

  • Organización e proxectos de fabricación mecánica. (590112)
  • Mecanizado e mantemento máquinas (598005/59111)
  • Soldadura (598010,591228, 590228)
  • Instalacións electrotécnicas (591206)
  • Procesos e produtos de madeira e moble(590123)
  • Navegacións e instalación mariñas (590109)

Non se aceptou pola contra que se incluísen a eses efectos as especialidades de Laboratorio, FOL ou Economía, malia a insistencia da CIG-Ensino que xa tiña solicitado por escrito a inclusión destas especialidades, aducindo que os seus currículos non se axustaban aos indicadores do Marco de Referencia das CDD.

Xa centrándose no obxecto da presente reunión dáse conta das solicitudes recibidas para recoñecemento de titulacións e evidencias, un total de 1920 recibidas a través de FPROFE ou Sede Electrónica. Tras pedírselles a estas persoas que se inscribisen en PLATEGA, fixérono 1075 xa que desistiron as que viron recoñecidos de oficio os seus méritos durante o proceso. Finalmente, fixeron as súas achegas 805 persoas.

En canto ás 805 peticións que continuaron o proceso pódense establecer 4 situacións:

  • 166 solicitudes pedían que se lle recoñeces un rol desempeñado. A resposta que lles deu a Administración foi en función da información que consta en PERSOAL (Datos persoais) porque neste proceso non se recoñece nada que non estea incorporado previamente nesta aplicación.

Desde a CIG-Ensino apuntamos que dado que neste momento está pechado a aplicación de datos persoais, as persoas que queiran alegar a datos non poderán facelo polo que non se lle recoñecerán os méritos para o CXT deste ano. Ante a non resposta da Administración a este problema, suxerimos que as persoas afectadas concursen ao concurso de Adultos/as que é o que está aberto neste momento a efectos de alegar os méritos que consideren en Datos persoais (recordade renunciar no prazo se só concursades con esta intención).

  • 197 solicitudes foron desestimadas porque non eran obxecto desta convocatoria por exemplo a formación non recoñecida.
  • Entregáronse 37 solicitudes de acreditación por titulacións das que se recoñeceron 18 que ían acompañadas, como indica a convocatoria, dos correspondentes certificados das Universidades. Ante a nosa insistencia en que é moi difícil que as universidades emitan eses certificados e ante a posibilidade de que o fagan as universidades privadas fundamentalmente, a administración indicou que nesta convocatoria destacou na emisión de certificados da Universidade de Vigo.
  • Recibíronse 305 peticións a través da aula virtual para o recoñecemento de evidencias das que finalmente houbo persoas que desistiron xa que completaron o proceso 202 e delas foron recoñecidas 109.

Desde a CIG-Ensino solicitamos aclaración dos criterios aplicados e a administración aclarou que para o C1 tívose en conta a orientación, dirección, impulso, e coordinación con respecto ao centro educativo e compañeiras/os de traballo, o que pode resumirse como “líder de centro educativo”.

En canto ao nivel C2 , tívose en conta o nivel de investigación e profesional máis alá do centro educativo e que pode repercutir na mellora educativa.

Desde a CIG-Ensino intervimos solicitando información e incidindo nos seguintes aspectos:

  • Sobre o recoñecemento de actividades formativas noutras Comunidades Autónomas, recoñécense as actividades que ser realicen nelas pero non o nivel de CDD agás que se presente un certificado da CCAA correspondente acreditándoo. O mesmo ocorrerá co desempeño de roles e postos. Sobre este aspecto hai un acordo entre as CCAA para obrar da mesma maneira.
  • Solicitamos que se recoñecesen os cursos a distancia impartidos sobre CDD non só desde PLATEGA senón de todas as actividades homologadas pola Consellería. A resposta foi positiva malia que recoñeceu que de momento non están incorporados este datos en “Acreditacións” de FPROFE como si o están os das persoas asistentes. Polo que recomendamos ás persoas afectadas aleguen en datos persoais se non o teñen recoñecido (neste momento só pode facerse participando no concurso de adultos/as).
  • Insistimos en que para a CIG-Ensino é moi grave que non se recoñezan de oficio o nivel B2 do desempeño das especialidades enumeradas no anexo I da convocatoria xa que hai moitas persoas que as imparten como afíns sen ser titulares destas especialidades. A Administración comprometeuse a revisar este aspecto malia que recoñeceu que as persoas que traballan en centros concertados non teñen recoñecidas especialidades e polo tanto non lle van recoñecer a mera impartición o cal nos fai pensar que non terán en conta a nosa petición con respecto ás persoas que imparten afíns en centros públicos.
  • Solicitamos información sobre a proba específica que de momento non se aplicou para o recoñecemento de CDD, contestáronnos que, de momento, están traballando niso.
  • Desde a CIG-Ensino solicitamos maior concreción nos criterios aplicados para o recoñecemento de formación impartida ao que a administración respondeu que seguindo os indicadores do Marco de Referencia da CDD e segundo o nivel de impacto: de centro con recoñecemento C1  e de fóra del un C1 ou C2 segundo os indicadores.

Antes de rematar a reunión, a CIG-Ensino insistiu en que se atendesen as nosas peticións nomeadamente en canto ao persoal que imparte especialidades como afíns e á inclusión das especialidades mencionadas no anexo I tendo en conta que a convocatoria deste proceso non pasou pola Mesa Sectorial Docente onde teriamos feito as nosas achegas de ser convocadas.

Volver