Retribucións docentes: remata a vixencia do “acordo de homologación docente” e estamos igual que antes

O argumento empregado pola Consellaría e os sindicatos asinantes do acordo de 2018 foi a homologación salarial do profesorado galego co resto do Estado. 2 anos e medio despois, estamos exactamente como a CIG-Ensino advertiu: igual

Nunca un acordo retributivo suscitou tan escaso apoio entre a representación do profesorado galego como o asinado no verán de 2018. Naquel momento a CIG-Ensino criticou tanto as formas como o fondo do acordo acadado. Nas formas porque se urdiu finalmente por fóra da Mesa de negociación e co apoio unicamente dunha exigua minoría sindical do 26% de delegadas e delegados (CCOO e UGT). No fondo porque a negociación foi desde o comezo unha fraude, negándose a Consellaría coa complicidade sindical habitual, a introducir na negociación cuestións fundamentais como eran: abrir a negociación á redución do horario lectivo, xa daquela a principal demanda laboral docente xunto coa redución de ratios, incorporar no “debe” da Consellaría os máis de 6.000€ de media que nos roubou a Xunta nas pagas extras desde 2013 a 2017 ou estabelecer uns criterios de negociación para computar a diferenza salarial con outras CC.AA. nas que todas as partes estiveramos de acordo.

O resultado está á vista de todo o mundo: a escusa montada pola administración e os sindicatos asinantes non se sostén. Supostamente o acordo ía colocarnos nunha mellor posición que a que tiñamos. Para que lle cadraran as contas excluíron conceptos retributivos dalgunhas comunidades.

Pois ben, as cifras que a CIG-Ensino puxo enriba da mesa, vaticinando como quedariamos a comezos de 2021, son hoxe o mellor exemplo da foto final daquel acordo. Sen ter en conta calquera posíbel mellora noutras CC.AA. o diferencial do persoal docente galego segue como estaba. Gañamos unha media de 532€ menos que en Ceuta e Melilla, 285€ menos que en Euskadi ou 216€ que en Navarra. Comunidades como Castela A Mancha ou Cantabria seguen tamén por riba, como estaban daquela. Mais se algunha dúbida pode crear a opinión da CIG-Ensino abonda con revisar algunha publicación dun dos sindicatos asinantes, na que se indica que o profesorado galego segue sendo dos peor pagados.

A suba xeral do 0,9%: as contas desde o 2010 ao 2021 mantén nos nosos petos unha perda do 9,25%

A maiores da suba do acordo do 2018 as nóminas do profesorado galego incorporan neste 2021 a suba xeral para todas as empregadas e empregados públicos: o 0.9%. Toda comparativa salarial que fagamos de como evoluciona as nosas retribucións debe partir de non esquecer o que se nos arrebatou e non se devolveu, desde o momento en que o goberno do PSOE no Estado español, no ano 2010, decidiu cumprir fielmente os ditados da Unión Europea e meteu unha tallada dunha media do 5% dos nosos salarios, ao tempo que non debemos esquecer os recortes que viñeron a posteriori da man do PP, tanto en Madrid como en Galiza.

Segundo datos oficiais do INE a evolución dos prezos entre o ano 2010 e o 2020 supuxo un incremento do prezo da vida do 13,27%. É dicir, para falar de recuperación do poder adquisitivo teríamos que ter unha suba salarial superior a este 13,27% desde o 2010, e esta subida só foi dun 4,02%, o cal quere dicir que levamos perdido nos nosos petos un 9,25% de poder adquisitivo nesta década.

Volver