
Resume da entrevista mantida coa Conselleira de Educación
Entrevista
ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN
- Novos criterios que faciliten a implantación da xornada única nos centros de Infantil e Primaria, a proposta da CIG é que a participación teña que ser do 50% do censo co voto favorábel dos 2/3 dos participantes na votación, e que en ningún caso estea condicionada polo transpote escolar. Este tema comprométense a negocialo de inmediato neste trimestre, estano estudando e van consultar ás anpas.
- Remate inmediato da negociación das condicións de traballo do profesorado itinerante, trasladándolle que as máximas diferencias na negociación están, entre outras, no cómputo de quilometraxe máxima a realizar e no baremo de redución horaria a aplicar en función da distancia percorrida.
- Incremento das gratificacións por xubilación, negociación do Estatuto galego do profesorado (para o que agardarán a que estea negociado o Estatuto docente a nivel do Estado), Lei de Universidades e a Lei Galega de Educación, temas a negociar antes de rematar a lexislatura.
- Novos ROCs, queren negocialos de cara á súa implantación no vindeiro curso.
- Redución das rateos máximas en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil, tal e como está recollido no acordo de goberno, que estabelece que sexa de quince alumnos/as como máximo. A Conselleira aceptou revisar o tema, especialmente no relativo ao cómputo de repetidores e alumnado con necesidades educativas especiais para configurar os grupos en todos os niveis educativos.
- Adaptación ao ensino das modificacións da nova Lei da Función Pública galega, para facer factíbeis os novos dereitos recollidos nesta. Adquiriron o compromiso de facer esta adaptación e levarán o tema á Mesa. Neste caso insistimos novamente na demanda de que se amplíe a acumulación do permiso de lactación a cinco semanas, de acordo coa ampliación do dereito até os doce meses. Confirmaron que o profesorado non terá impedimento para gozar o permiso nas datas que estabeleza.
- Dotación dos centros con persoal administrativo, coidador e de linguaxe de signos. Foron receptivos á dotación de persoal administrativo e de linguaxe de signos, mais non para o ano que vén tal e como lle demandamos.
- Elaboración dun novo mapa de Formación Profesional e de Orientación Escolar, e mellora da Escola rural.
- Regulación da redución horaria para maiores de 55 anos.
- Creación dunha Subdirección Xeral de Normalización que coordine todo o relativo coa normalización lingüística, así como o incremento e a mellora da formación do profesorado en materia lingüística.
- No relativo ás retribucións, lembrámoslle a necesidade de revisalas, unha vez que remate a aplicación do actual acordo, en xaneiro de 2009, e tamén lles trasladamos que se retribúa cunha cantidade equiparábel ao complemento de penosidade nos laborais, ao profesorado dos centros de Educación Especial, e que se lle retribúa o complemento por impartir en adultos ao profesorado que imparte nesta etapa en centros non específicos.
- Convocatorias de emprego público suficientemente amplas, compaxinándoas coa estabilidade do profesorado interino. Comparten a nosa proposta. Tamén lles trasladamos a necesidade de retomar a negociación da estabilidade e as condicións retributivas e de traballo do profesorado interino.
- Mellora de todo o relativo a saúde laboral, pois é un capítulo que está indo especialmente lento. Recoñecen que é un servizo que está infradotado.
Por outro lado, a CIG-Ensino trasladoulle o seu rexeitamento ás dificultades que algúns centros tiveron e teñen, aínda hoxe, para facer efectiva a xornada de vinte e cinco horas de permanencia, tal e como se recolle no acordo de 8 de xuño, por mor de non contar con profesorado suficiente apesar de o ter demandado en tempo e forma. Comprometéronse a estudar cada un dos casos que se dan en cada Delegación. Tamén insistimos na crítica xa realizada á modificación que se introduciu en varios Departamentos de Orientación a través da corrección de erros ao catálogo, aceptaron a nosa proposta e quedaron de revisar o tema.
Porén a Consellaría non se mostrou partidaria de negociar temas como o restabelecemento da xornada reducida en xuño e setembro, un tema amplamente demandado polo profesorado, mesmo a través dunha folga maioritaria, cunha actitude preocupante pola súa parte, pois o primeiro xesto foi reunirse coa comisión de seguimento do acordo asinado con outras organizacións sindicais en abril para provocar a desconvocatoria da folga, que só mantivo a CIG. Tampouco se mostraron partidarios de iniciar a negociación sobre un acordo de estabilidade para o profesorado interino, aínda que manifestan que procurarán que o profesorado con menor oferta de prazas non quede sen posto de traballo. Esta actitude respecto de temas de tanta trascendencia é preocupante para a CIG-ENSINO, pois con ela a Consellaría de Educación desoe algunha das demandas máis sentidas do profesorado o que conlevará a que sexan conflitos permanentes até a súa resolución.
Finalmente indicar que nos trasladou que a vindeira semana vai haber unha reunión a nivel de Estado onde se vai falar dos temarios das oposicións (a nivel de Estado están constituídas cinco comisións para revisar temarios de cinco materias). A posición de Galicia vai ser que se se realizan modificacións se fagan inmediatamente, neste ano 2007, e que se fagan en todas as materias.