Resposta da CIG-Ensino ante o protocolo Covid-19 para alumnado con NEE

A CIG-Ensino traslada á Consellaría de Educación a súa preocupación pola decisión de afondar na unilateralidade na toma de decisións

Para a CIG-Ensino é significativo que dúas semanas despois de que se iniciara o curso na etapa de educación infantil e primaria, a Consellaría publique un protocolo de prevención da transmisión da COVID-19 no alumnado con necesidades educativas especiais, nunha mostra máis da nula planificación da Consellaría e da desprotección que provoca tanto a alumnado como a profesorado. Mais que as “medidas” que se plasman por escrito no documento nazan da unilateralidade da Consellaría aínda é máis preocupante, xa que non fai máis que reforzar unha liña de actuación que foxe do debate e o contraste de opinións. Se este comportamento foi “marca da casa” con anterioridade mantelo na situación actual é unha mostra do nulo interese da Consellaría pola negociación e un desprezo por aqueles que poden non coincidir coas súas decisións.

O protocolo do ANEE resulta contraditorio nos seus argumentos, falto de contido, moi xenérico, non aporta solucións e unicamente serve para incrementar o desconcerto nos centros con respecto á maneira de actuar. Documentos coma este poñen de manifesto a falta de criterio, a pouca conciencia e a nula responsabilidade e consideración por parte de quen nos goberna ante un colectivo relegado, unha vez máis, a  un segundo plano.

A xuízo da CIG-ensino este documento demostra, unha vez máis, que eluden responsabilidades e deixa en evidencia a cara máis reaccionaria da Consellería de Educación, que non diferencia a extensión do dereito á educación, do carácter asistencial que tiña no século pasado o sistema educativo.

Cómpre en todo caso apuntar as seguintes cuestións sobre o protocolo:

  • Obrigan ao uso de máscaras transparentes nas sesións de Audición e Linguaxe. Séguese xerando inquedanza entre o profesorado responsábel destas sesións que non ten garantida a dispoñibilidade dunhas máscaras seguras e homologadas que reduzan os riscos.
  • A Consellaría non pode dar como solución “extremar as precaucións” diante de todas as dificultades que o profesorado se atopa no proceso de ensino-aprendizaxe, particularmente con este alumnado.
  • Son máis necesarios que nunca orzamentos específicos para poder atender cos recursos materiais e humanos precisos a este colectivo especialmente desfavorecido no momento actual.
  • É imprescindíbel que a administración se preocupe por coñecer e fornecer as adaptacións que nos equipos informáticos necesita o alumnado con necesidades educativas especiais para, desta maneira, garantir o dereito á educación ante un posíbel contaxio ou confinamento.
  • O protocolo di que se manterá unha distancia de 1,5 metros de forma xenérica con este alumnado. Xa sabiamos, e despois de dúas semanas nas aulas constatamos, que esta medida é imposíbel de levar a cabo nos centros de infantil e primaria co alumnado en xeral, sen diminuír ratios e aumentar profesorado, por iso se “inventaron” os grupos estábeis de convivencia, pero é que este distanciamento, nas condicións actuais tamén é especialmente inviábel co alumnado con necesidades educativas especiais.  A Consellaría pretende que nos centros se cren “burbullas” individuais que impidan as interaccións con alumnado que, en moitos casos, son imprescindíbeis como medio de aprendizaxe .
  • Propóñense anteparos de separación entre escritorios no caso de non poder manter a distancia de 1,5 metros como “complemento”. Isto só reflicte o descoñecemento, por parte de quen fai esta proposta, do traballo que día a día fai o profesorado.
  • Fálase da posterior limpeza dos elementos educativos que poida utilizar o alumnado, diferentes dos pupitres. Non se sinala de quen é a responsabilidade desta limpeza e desinfección logo de que cada alumno/a faga uso de multitude de materiais presentes nunha aula ordinaria ou específica mais é obvio que non pode ser do profesorado e que a negativa a incrementar o persoal de limpeza fai que sexa imposíbel cumprir o que se indica.
  • Presumen dunha inclusión que botan por terra no propio protocolo. Xuntan a posibilidade de crear Unidades de Educación Especial en Centros Ordinarios neste momento do curso, “vendendo” unha aposta pola inclusión deixando que este mesmo alumnado comparta espazos co seu grupo de convivencia estábel, o que coñecemos como grupo de referencia e, contradíse co protocolo xeral, que na súa páxina 46 especifica que temos que limitar as interaccións do alumnado con necesidades cos grupos citados.
  • O protocolo posibilita a creación de aulas específicas cun número de ANEE superior a 5, cando a propia normativa (Orde do 27 de decembro de 2002) establece no seu artigo 42º que o número máximo de alumnos que se poden escolarizar nunha aula específica será de cinco, nun novo exemplo de que quen redactou a norma nin sequera reparou na normativa vixente nin na realidade dos centros.
  • Fálase de garantir ao ANEE un Sistema Aumentativo e Alternativo de Comunicación, cando estas garantías non se poden vincular á situación de pandemia excepcional; o que precisa son os medios para poder desenvolver ese traballo dunha forma segura.
  • Fálase no punto 9 dun “documento de adaptación específico” elaborado no “inicio de curso” polo departamento de Orientación en colaboración coa pediatra de referencia do alumno ou alumna. Ademais de demostrar que se descoñece o nivel de saturación neste momento da atención primaria e, en concreto, do servizo de pediatría, nin sequera se indica con claridade se o “consello” que se dá é para o total do alumnado ou para aquel que así o considere o departamento de orientación. En calquera caso, o que profesorado agarda dunha administración seria non é que lle dea consellos que finalmente se converten en decisións que deben tomar as e os orientadores dos centros senón indicación claras dun marco de actuación.
  • No punto 10 deste protocolo de prevención recóllese que o persoal do centro acompañará ao ANEE nas entradas e saídas, sen precisar a que persoal se refire.
  • Cando se produce o acompañamento, na sala COVID, a un alumno ou alumna con síntomas compatíbeis coa enfermidade e sen máscara teremos que levar unha máscara FFP2 sen válvula (KN95) ademais dunha pantalla facial e unha bata desbotá O problema é que na actualidade non todo o profesorado conta con estes equipos de protección nos centros, pero a consellaría no canto de proporcionalos establece que no caso de que non haxa dispoñibilidade empregarase unha máscara cirúrxica. O que debe garantir é unha correcta distribución e garantías de stock de material para que non se careza en ningún momento dese material. Desde o noso punto de vista a permanencia nunha sala COVID sempre debería ser con FFP2, con independencia do uso de máscara por parte do alumno ou alumna. 

Por todo o sinalado, desde a CIG-ensino, solicitamos que se  revise en profundidade o protocolo co fin de dotar aos centros, profesorado e alumnado, tanto con carácter xeral como ao que presenta NEE, dunhas pautas e medios que na actualidade aínda non foron proporcionados pola única responsábel de facelo, a Consellaría de Educación.

Volver