Representantes da CIG-Ensino e persoal da Escola Municipal de Música péchanse no concello de Santiago

Á espera dunha solución á súa situación laboral

Despois de que esta mañá se abriran os sobres de contratación e a única empresa que se presentou ao concurso non incluíra a subrogación dos 24 traballadores e traballadoras que actualmente prestan servizo neste centro, celebrouse unha asemblea de urxencia na que se decidiu iniciar un peche e convocar folga á espera de que o goberno municipal garanta a continuidade dos postos de traballo actuais.

Delegados e delegadas da CIG-Ensino, xunto co persoal da Escola Municipal de Música de Santiago, acaban de iniciar un peche nas dependencias do Pazo de Raxoi tras coñecer que a única empresa que optaba ao concurso para xestionar este centro non incluíu no seu expediente a subrogación dos 24 empregados e empregadas actuais. Confírmanse pois os temores do profesorado e do persoal de administración e servizos que nas últimas semanas viñan manifestando a súa preocupación polas consecuencias que podería traer para o seu futuro laboral a nova adxudicación do contrato deste servizo. A CIG-Ensino, como sindicato que ten a representación sindical neste centro, mantivo varias reunións co concelleiro de Educación Manuel Dios por este motivo, nas cales se comprometeu por escrito a garantir a subrogación de todos os postos de traballo nas mesmas condicións e convenio actuais.

 hai persoas, algunhas cunha antigüidade de 15 anos neste centro, que non saben que vai pasar coa súa situación laboral

Porén, esta mañá cando se abriu o sobre correspondente á proposta da única empresa que se presentou ao concurso non aparecía recollida esta cláusula. Cómpre ter en conta que o vindeiro mes de xullo iniciaríase este novo contrato polo que, en palabras do secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Fernández, “hai persoas, algunhas cunha antigüidade de 15 anos neste centro, que non saben que vai pasar coa súa situación laboral a dous meses vista”. Fernández agarda que o Concello de Santiago atope unha solución que permita desbloquear este conflito na maior brevidade posíbel “porque hai 24 familias que non poden ser reféns dunha situación da que non son para nada culpábeis e que se ten que resolver canto antes pola vía da negociación entre o goberno municipal e a nova empresa adxudicataria”.

Os traballadores e traballadores tamén aprazaron indefinidamente o festival de música e movemento que tiñan previsto celebrar hoxe e mañá no Auditorio Abanca.

As traballadoras e traballadoras da escola de música foron recibidas polo Alcalde de Compostela, Martiño Noriega.

Nesa reunión as traballadoras e traballadores, acompañados por membros da CIG Ensino, trasladaron o malestar por todo o proceso de subrogación, partindo do momento elixido, tarde, a como se desenvolveu, e sobre todo como finalizou, co único concurso dunha empresa que non garante a subrogación do persoal e pon en perigo o proxecto pedagóxico da Escola Municipal de Música de Compostela.

O Alcalde comprometeuse coas traballadoras a que faría todo o posíbel legalmente para que todos as traballadoras continuaran nos seus postos de traballo e o proxecto non se vira afectado.

As traballadoras manteñen as medidas adoptadas (futura convocatoria de folga e aprazamento indefinido dos festivais de música e movemento que tiñan previsto celebrar hoxe e mañá no Auditorio Abanca) pero teñen en conta o expresado por Martiño Noriega e trasladan a Alcaldía toda a responsabilidade na solución do conflito coa que se volverán a reunir o mércores que vén.

Volver