Representantes da CIG-Ensino e do resto de sindicatos do ensino concertado entregan na Consellaría máis de 5.600 sinaturas para esixir melloras laborais

Máis de 200 delegados e delegadas de toda Galiza das cinco OO.SS. máis representativas do ensino concertado concentráronse hoxe ante o edificio da Consellaría de Educación para reivindicar melloras salariais e laborais

Os representantes da CIG-Ensino e de todos os demais sindicatos do Ensino Concertado (FSIE, FeSP-UGT, CCOO Ensino e FEUSO) continúan coas súas accións reivindicativas ante a falta de resposta por parte da Xunta ás súas peticións. Hoxe concentráronse ante a Consellería de Educación e entregaron por rexistro 5.620 sinaturas recollidas entre o persoal docente para esixir unha negociación sobre as súas condicións laborais. Ademais fixeron entrega dun escrito solicitándolle unha reunión ao conselleiro de Educación coa finalidade de desatascar o inmobilismo do seu departamento e de buscar solucións para o sector.

O día 4 deste mes xa se solicitou por escrito no rexistro da Consellería a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado (CTEPC) e o silencio segue sendo a única resposta da  administración até o de agora. Por iso, os sindicatos volven á rúa para facer escoitar as peticións dos máis de 7.000 traballadores e traballadoras deste sector en Galiza, que levan 8 anos perdendo salario e dereitos.

Entre os principais temas que se queren tratar na mesa de negociación están as seguintes:

  • Acordo Mantemento de Emprego (non existe un AME desde setembro de 2009), o cal entendemos indispensábel para o mantemento dos postos de traballo ante unha situación de perda de unidades. Á Consellaría non lle suporía incremento no gasto, ou este sería mínimo.
  • A (PEA), Paga Extraordinaria de Antigüidade de 25 anos na empresa non é aboada desde o derradeiro acordo en novembro de 2010, sendo Galiza a única comunidade autónoma do Estado que non a paga, dereito recoñecido por xurisprudencia reiterada.
  • Negociación da revitalización do Acordo Plurianual de 24 de abril de 2008 sobre condicións laborais e de calidade do ensino, suspendido en 2010 co inicio dos recortes, quedando pendente unha revalorización do 2% do Complemento Retributivo Autonómico e de 45 € por xornada completa. Este acordo foi asinado co bipartito, aprobado en Consello da Xunta e publicado no DOG o 30 de maio de 2008.
  • Recorte 5% no salario realizada en 2011 vía Lei de Orzamentos que se consolidou nas nóminas das traballadoras e traballadores do ensino concertado afectando á súa base de cotización. Posteriormente outro recorte do 4,5% en 2012, que tamén se consolidou rebaixando as bases de cotización cando o RD 20/2012 recollía claramente que non podía afectar ás bases. Non é o mesmo quitar unha paga extra que facer unha rebaixa do salario con efectos retroactivos consolidándose en nómina e afectando á base de cotización do/a traballador/a. Posterior recorte do Complemento Retributivo Autonómico en 2013.
  • A Consellería só paga dous complementos de cargo, a dirección e a xefatura de estudos, incumprindo a súa propia lexislación porque non aboa o complemento por ser coordinador/a do equipo de dinamización lingüística, dereito económico recollido no RD 79/2010 do Plurilingüismo tanto para o persoal do ensino público como para o persoal da concertada. 

 

Tendo en conta esta situación, cunha recuperación macroeconómica da que tanto fala o goberno da Xunta de Galiza, que non perciben aínda as traballadoras e os traballadores, entendemos que é o momento de abordar desde a responsabilidade estas cuestións, empezando por eliminar na próxima Lei de Orzamentos para o ano 2019 o parágrafo terceiro do artigo 53.2 e a disposición adicional novena. Esta eliminación posibilitaría empezar a negociar un acordo de abono da PEA ou un calendario de recuperación e de equiparación salarial, así como un novo Acordo de Mantemento do Emprego e o abono do complemento de coordinador/a do equipo de dinamización lingüística, sen esquecer a posibilidade de facer unha modificación do regulamento de funcionamento da CTEPC para que sexa unha verdadeira mesa de negociación.

Se non se conseguen avances significativos, as OOSS teñen previstas outras accións máis contundentes, sen descartar a posibilidade de paros no sector.

CIG Informa sobre a entrega de sinaturas do persoal da concertada para reclamar unha negociación laboral

Documento


Volver