Regulamento de organización e funcionamento dos Consellos Sociais dos Centros Integrado de FP.

Mesa Sectorial. CIFP

Regulamento de organización e funcionamento dos Consellos Sociais dos Centros Integrado de FP.
Regulamento de organización e funcionamento dos Consellos Sociais dos Centros Integrado de FP.
 
A administración trouxo á Mesa Sectorial do 21-11-08 a orde que regulará os consellos sociais dos Centros Integrados de Formaciòn Profesional, destacando a súa importancia e xustificando o retraso da mesma. Desde a CIG-Ensino destacamos en primeiro lugar o baleiro nestes centros ao non estar funcionando ningún órgano de representación, habendo incluso centros que impediron o funcionamento dos consellos escolares. Esta situación levou a que a CIG-Ensino reclamase que mentres non estivese regulado o funcionamento dos consellos sociais, se mantiveses os consellos escolares. 
A CIG-Ensino ten presentado un contencioso administrativo ante o Tribunal Supremo contra o Real Decreto porque evidentemente hai cuestións básicas das que estamos radicalmente en contra como son a elección por libre designación do director ou directora, que mesmo pode non ser membro do claustro do centro, que non respecta as competencias da Consellaría ao ser excesivamente centralista, que o alumnado non pode participar nos órganos de goberno do centro, que o claustro deixa de ser un órgano colexiado e perde competencias e, ademais,  que estes centros non teñen, exclusivamente, carácter público. Polo tanto, facer propostas a este decreto faise un pouco difícil, xa que as posicións da CIG-Ensino son antagónicas, mais imos facer algunhas propostas, tentando mellorar, se é posíbel, este Regulamento.  Trátase de cuestións que, desde a CIG-Ensino, consideramos imprescindibles e que deberían cumprir os Centros Integrados.
Estas cuestión foron tamén presentadas pola CIG no Consello Galego de FP.
 
Entrando no articulado do borrador, fixemos as seguintes propostas (en cursiva o texto do borrador):

Artigo 4.1d) Tres profesores/as do claustro do centro ou equivalente, elixidos/as de entre o profesorado que, preferentemente, teña destino definitivo no centro segundo se establece no artigo 9 da presente orde, ou tres profesores/as da Xunta de Profesores/as elixidos/as de entre o profesorado que, preferentemente, teña destino definitivo no centro segundo se establece no artigo 10.
Para a CIG-Ensino deben escollerse entre todo o profesorado e non só os que teñan destino definitivo no centro.  
Aceptaron parcialmente estas propostas e comunicaron que van recoller que se elixirán 3 profesores ou profesoras do claustro, de acordo co recollido no artigo 9, ou 3 expertos docentes, de acordo co recollido no artigo 10. Admitiron esta modificación, pois non só quedaban fóra os de comúns, senón tamén o profesorado de FOL e os orientadores.

Artigo 4.1.e) Dous/Dúas membros designados/as polas organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para a CIG-Ensino deberan ser as tres organización sindicais máis representativas, pero que se use en todas os órganos os mesmos criterios. Estamos en desacordo con que as OOSS e as empresas teñan presenza nestes órganos. O Real decreto xa é centralista, até marca o número de representantes neste órgano.

Artigo 5) 4.c)
Abrir e levantar as sesións, dirixir a deliberación, conceder e denegar a palabra, determinar, se é o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de empate
Parta a CIG-Ensino debe desaparecer que o presidente teña voto de calidade.

Artigo 7.2.d)
 
Artigo 9.3 Serán elixibles os/as membros do claustro que impartan docencia asociada ao catálogo nacional das cualificacións, preferentemente, con destino definitivo no centro integrado, e que se presenten como candidatos/as.
En contra, deben ser todos o membros do claustro e non só os que teñen destino definitivo (profesorado de BAC, profesorado interino, …). Aceptado.

Artigo 10.3. O/a profesor/a da Consellería de Educación que imparta docencia no Centro Integrado de Formación Profesional dependente da Consellería de Traballo, será nomeado directamente pola Xunta de Profesorado como representante da mesma no Consello Social, procedéndose á elección dos outros dous, tendo preferencia para ser elixidos aqueles que teñan destino definitivo no centro.
Desde a CIG-Ensino pedimos a supresión deste apartado. Aceptado, pasa a ser a letra a) do artigo 4.

Artigo 10.4) 4. Serán elixibles:
                        Os profesores/as que teñan destino definitivo no centro.
                        Os profesores/as que impartan accións formativas no centro cunha duración mínima de 50 horas no último ano.
Desde a CIG-Ensino  pedimos que se redacte doutra maneira:
a) O profesorado da Consellaría de educación que imparta docencia nos CIFP dependente da Consellaría de traballo.
b) Os profesore/as que teñan destinos defintivo no centro.
c)  Os profesores/as que impartan acción formativas no centro cunha duración mínima de 50 horas no último ano.
 
Artigo 13.2. Reunirase con carácter ordinario polo menos tres veces ao ano. As reunións convocaraas o/a presidente/a mediante comunicación escrita ou telemática, segundo o caso, que dirixirá a todos/as os/as vogais e cunha antelación de polo menos sete días hábiles á celebración da sesión e con indicación da orde do día. Cando algún/unha dos/as seus membros queira incluír algún punto na orde do día, deberá facelo ante o/a presidente/a cunha antelación, como mínimo, de 48 horas, respecto da data preceptiva para a súa convocatoria. 
No caso de urxencia ou gravidade, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas. 
O/A presidente/a tamén convocará unha reunión, cando se lle presente solicitude por escrito e asinada por 2/3 dos seus/súas membros, solicitude na que se fará constar os motivos da sesión extraordinaria que se solicita e os asuntos que se desexen incluír na orde do día. Neste caso o/a presidente/a deberá convocar o Pleno nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.
Desde a CIG-Ensino pedimos que se substitúa ao final do primeiro parágrafo “concocatoria” por “celebración”. Aceptan que hai que modificalo. Van recoller que as propostas para a orde do día poderán realizarse con 72 horas de antelación respecto da data preceptiva da celebración (non da convocatoria)

Artigo 15.4 4. A presidencia do Consello Social, por iniciativa propia ou, se é o caso, por instancia dalgún/unha membro do consello, pode invitar para asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz pero sen voto, a persoas expertas e membros do ámbito do centro integrado de formación profesional, de acordo coa natureza dos asuntos que se vaian tratar.
Desde a CIG-Ensino demandamos que os expertos sexan propostos e aceptados polo órgano e non que esta potestade sexa exclusiva do presidente.

Disposición adicional primeira
No prazo máximo de un mes desde a entrada en vigor deste regulamento, as autoridades, entidades e institucións sinaladas no artigo 4, designarán aos seus/súas representantes no Consello Social. No mes seguinte, comunicaránselle ditos nomeamentos ao Consello Galego de Formación Profesional. Para as seguintes renovacións, as pertinentes comunicacións -aos diferentes órganos da administración- dos/as novos/as compoñentes da cada un dos Consellos Sociais, faranse ao longo do mes seguinte ás respectivas eleccións.
Para a CIG-ensino o prazo dun mes é un prazo moi curto.
Gardar segredo sobre as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas. 
Desde a CIG-Ensino estamos en contra, xa que se alguén que está no consello social é representando a un colectivo, polo que o normal é que poida informar ó colectivo ó cal está representando.

Volver