Reforma da profesión docente: CIG-Ensino traslada ao Ministerio a súa total desconfianza sobre a dinámica de grupos de traballo

O sindicato participará nos grupos aos que sexa convocado mais considera que, sen priorizar os temas que máis preocupan ao profesorado e fixando como posíbel remate do proceso o ano 2027, non se avanza na dirección correcta

Na Mesa Docente estatal do pasado 14 de xaneiro, o Ministerio presentaba ás organizacións sindicais unha proposta de grupos de traballo para a reforma da profesión docente. Esa proposta foi matizada polo propio Ministero na reunión da Mesa que tivo lugar hoxe, 27 de febreiro, mais só desde unha perspectiva de ordenación e maior simplicidade dos grupos (pasando de 7 a 4) e non, como defendía a CIG-Ensino, dando prioridade a aquelas cuestións que están no centro das demandas do profesorado, comezando pola consideración dos corpos docentes como parte do subgrupo A1, a fixación por lei dunha ratio máxima que afecte a todas as ensinanzas ou a determinación dun horario máximo de docencia directa que permita a recuperación das 18 sesións lectivas en secundaria e de 21 en primaria. Para o sindicato, aspectos relacionados coa xubilación do profesorado e o sistema de ingreso tamén deben ser prioritarios, sen descoidar outros como a saúde laboral.

Finalmente o Ministerio vai crear catro grupos de traballo coa intención de que non emanen directamente da Mesa Docente en exclusiva senón que conten tamén coa participación das CC.AA., algo que se debaterá con elas mañá venres 28 na Comisión de Persoal.

Estes son os grupos de traballo:

  1. Marco de Competencias Profesionais Docentes e Formación inicial do profesorado (documento marco; graos e másteres en educación).
  1. Sistemas selectivos e ingreso na función docente (modelos de ingreso; titorización de prácticas e iniciación á docencia; temarios.)
  1. Formación permanente do profesorado, sistemas e procedementos para o seu desenvolvemento profesional docente.
  1. Condiciones do desempeño docente (xornada; ratios, apoios para necesidades específicas, desburocratización).

Para o Ministerio os traballos dos grupos deben ter unha secuenciación, de tal maneira que non se aborden os traballos nos demais grupos mentres non se traten os temas do grupo 1. Neste caso existe un documento marco que presenta o Ministerio e que pretende servir de base para o debate. A CIG-Ensino cualificou este texto como un exemplo burocratizador e estandarizador do profesorado.

Froito do debate, o Ministerio chegou a afirmar que os temas a tratar no grupo 4, no que tamén se incluiría a saúde laboral, poderían ter un carácter simultáneo con outros grupos mais non se concretou nada en firme.

Canto ao futuro dos corpos docentes (se será posíbel a integración de todos no subgrupo A1 ou non) o Ministerio non se moveu do guión previsto e limitouse a reiterar que é un tema que está aberto ao debate mais sen darlle entidade propia nun grupo de traballo específico.

Máxima desconfianza da CIG-Ensino pola dinámica e os prazos

A CIG-Ensino apelou á experiencia previa, tanto deste Ministerio como doutros, para amosar a máxima desconfianza sobre dinámicas de traballo nas que non se fixan prazos asumíbeis e breves. En resposta ao sindicato, o Ministerio limitouse a comentar que a lexislatura remataría no 2027 e ese é o horizonte que se fixan para chegar a textos normativos como resultado do que se debata nos grupos de traballo e se negocie posteriormente na Mesa Docente estatal.

A CIG-Ensino non considera que se estea a dar resposta ás verdadeiras demandas profesionais do profesorado cando se acepta un marco temporal tan amplo. Neste sentido, o sindicato afeoulle ao Ministerio que pretenda levar tamén ao 2027 a aprobación dos novos corpos docentes que imparten as ensinanzas artísticas (o que pode levar a que até 2028 non sexa efectiva en Galiza), cando para a CIG-Ensino a nova ordenación destes corpos debería estar vixente para o ano 2026.

O sindicato tamén alertou sobre o marco competencial da negociación ao existir aspectos que ou ben se cambian en leis estatais do máximo nivel (algo que se negou a a facer o actual goberno coa LOMLOE) ou dependen das competencias exclusivas das CC.AA. e das súas respectivas mesas de negociación. Neste sentido, a CIG-Ensino lembrou que as ratios máximas de puideron aprobar na LOMLOE e que o horario máximo do profesorado se puido fixar na Lei 4/2019, o que tampouco se fixo. Ao tempo, o sindicato volveu criticar que non exista control sobre os fondos finalistas (europeos ou ministeriais) que son empregados indebidamente por administracións como a galega, que colle fondos para a inclusión educativa e os deriva ao nomeamento de postos ordinarios de profesorado, aforrando deste xeito dos seus propios fondos.

Volver