Redúcense nun 0,9% os orzamentos destinados ao ensino público en Galiza mentres que medran os destinados á privada-concertada

Materialízase a política contra o galego tamén no orzamento

A CIG-Ensino vén de manifestar, en rolda de prensa, a súa desconformidade co proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2010. Uns orzamentos de 2.376 millóns de euros que supoñen un redución de 23 millóns, o 0,9% menos que o ano pasado. “Por primeira vez na súa historia, redúcense considerabelmente os orzamentos da Consellaría, o que comportará que se resinta o sistema público do ensino; que se reduza a súa calidade e a equidade educativa; que non se tomen as medidas necesarias para previr o fracaso escolar; que non se atendan as demandas educativas e que non se dote de profesorado suficiente os centros” asegurou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino.

Materialízase a política contra o galego cunha diminución do 20% das partidas destinadas a normalización lingüística

Redúcense nun 0,9% os orzamentos destinados ao ensino público en
Galiza mentres que medran os destinados á privada-concertada

Rolda de prensa orzamentos from cig-ensino on Vimeo.

A CIG-Ensino vén de manifestar, en rolda de prensa, a súa desconformidade co proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2010. Uns orzamentos de 2.376 millóns de euros que supoñen un redución de 23 millóns, o 0,9% menos que o ano pasado. “Por primeira vez na súa historia, redúcense considerabelmente os orzamentos da Consellaría, o que comportará que se resinta o sistema público do ensino; que se reduza a súa calidade e a equidade educativa; que non se tomen as medidas necesarias para previr o fracaso escolar; que non se atendan as demandas educativas e que non se dote de profesorado suficiente os centros” asegurou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino.
A consellaría ten previsto destinar máis diñeiro público a subvencionar o ensino privado concertado (259,50 millóns €) que á suma do que orzamenta para comedores escolares, gastos de funcionamento de todos os centros públicos, formación do profesorado, prevención do abandono escolar, gratuidade dos libros de texto, política lingüística ou bibliotecas escolares.
Así o explicaba Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, quen engadiu que o gasto educativo público galego se
sitúa preto de 1 punto por debaixo do PIB destinado a Educación polos países da UE ( 5,2%) fronte ao 4,3% de gasto público que Galiza dedica a Educación, polo que “cada vez afastámonos máis do investimento mínimo necesario en educación”.
Nunha análise polo miúdo Louzao subliñou, respecto do capítulo I, referido a gasto de persoal, (1.430 millóns) -que supón o 60% do total do orzamento da Consellaría- que hai un incremento do 1,4% para o ano 2010. Porén, no capítulo II, referido aos gastos por reparacións, mantemento e conservación dos centros escolares hai unha diminución do 15.66%, malia que no ano 2009 xa diminuíran un 8.97%. Pásase de 660.000 euros de 2009 a 556.617 no ano 2010.
A partida destinada a transporte escolar só se incrementa nun 1’75 en relación aos orzamentos do ano 2009, “polo que o transporte escolar seguirá condicionando os horarios dos centros”, asegurou lamentando que a partida destinada para o gasto de funcionamento dos centros educativos de Educación Infantil, Primaria e ESO medre menos ca do 2009 ( 7%) fronte ao 6% previsto para o 2010.


Ensino Concertado

Para a CIG-Ensino é especialmente rechamante a grande cantidade destinada, no capítulo IV, á subvención do ensino concertado: 259.504.675 euros. “Increméntase nun 1,06, mentres que a Consellaría reduce o seu orzamento. Esta partida supón o 11% do orzamento total da Consellaría”, lembrou Anxo Louzao, quen matizou que, “isto contrasta coa redución nun 9,02% do orzamento previsto para a universidade, que pasa dos 336.273.138 euros de 2009 aos 305.927.472”.

O secretario nacional de CIG-Ensino cualificou de “inxustificábel e sorprendente” a contemplación da subvención de 25.543 euros que se recolle para a “Real Academia Española, mentres se reducen nun 20% as destinadas á potenciación do noso idioma”. Ao igual que considerou inxustificábel que se subvencione a fundación Camilo José Cela con 154.360 euros.

Formación e perfeccionamento do profesorado

Os investimentos destinados á formación e perfeccionamento do profesorado, recollidos no capítulo VI, pasan de 3.325.767 euros do ano 2009 aos 2.523.831 euros do 2010, o que supón unha redución do 22’11%, cando xa no ano 2009 se viran reducidos nun 13% en relación ao ano 2008.


Tamén dentro deste capítulo, os orzamentos destinados á reparación, ampliación e mellora dos centros educativos, así como á adquisición de novo equipamento ou construcións experimenta unha queda importante. “Redúcese nun 6.15 % para Infantil, Primaria e ESO e nun 34.18% para Bacharelato e FP. Sobresae a redución en equipamentos para o Bacharelato, FP e Educación Especial que se reduce nun 27,89%. Sorprende a redución tan acusada desta partida, cando hai moitos centros educativos que, debido aos moitos anos que levan funcionando, necesitan unha mellora significativa”, advertiu.

Anxo Louzao salientou tamén que van máis de 14 anos da promulgación da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Porén “destínanse unicamente 21.000 euros para esta materia, reducíndose en 9.000 euros respecto aos do ano 2009, é dicir, un 42,80%, para un colectivo de 32.000 docentes, o que significa que o profesorado galego continuará a ser o único colectivo sen dereito a ter unha revisión médica anual, malia estar recollido na Lei de Prevención de Riscos Laborais”.

Respecto dos programas previstos para previr o abandono escolar temperá, o fracaso escolar e a mellora do éxito escolar, destacou que pasa de 24 millóns de euros a 23’34 millóns para o ano 2010. “Tórnase insuficiente a todas luces, tendo en conta que o 24% do alumnado non acada nin sequera o graduado en Educación Secundaria escolar” lamentou.

Un 30% menos para fomento da lectura e liquidación definitiva da gratuidade dos libros de texto

Do mesmo xeito, lamentou a redución das xa cativas partidas para as bibliotecas e para o fomento da lectura. No ano 2009 destináronse 585. 000 euros para fondos e atención a bibliotecas escolares. Para o ano 2010 está previsto un orzamento de 475.000 euros. Un 19% menos. O investimento previsto para fomento da lectura pasa de 70.000 euros orzamentados o ano 2009 a unha partida de 49.000 para o 2010. É dicir un 30% menos.

Para a CIG-Ensino é especialmente preocupante que non se recupera a gratuidade dos libros de texto. “A liquidación desta conquista faise aínda máis inxustificábel canso se orzamenta unha partida de 11.520.000 fronte a de 14.400.000 do ano 2009, un 20% menos e, porén, da gratuidade soamente se beneficiará aproximadamente o 25% do alumnado” explicou o secretario nacional.

Política antinormalizadora

A continuación da política antinormalizadora da Consellaría evidenciase, segundo a CIG-Ensino, “moi claramente” na redución dos orzamentos nun 20% con respecto aos orzamentos de 2009. Pasase de 19.830.934 a 15.573.633. Do mesmo xeito, a partida destinada a proxectos de fomento e formación dos cetros educativos redúcese tamén nun 20% pasando de 1.000.000 a 800.000.

Diante destes datos, Anxo Louzao concluíu que “con estes orzamentos, a educación deixa se ser unha prioridade para a Xunta. As carencias de profesorado non se verán cubertas e os cadros de persoal dos centros continuarán sendo insuficientes” e sinalou que se bota en falla que os orzamentos non contemplen “ningunha partida para poder iniciar ou ampliar a dotación doutros/as profesionais necesarios/as nos centros”: educadores/as sociais, técnicos en linguaxe de signos, coidadores/as, etc. “Non será factíbel atender a diversidade co profesorado necesario, non se mellorará a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais, non será posíbel un ensino máis personalizado e as ratios continuaran sen reducirse ( segue habendo aulas con máis de 25 alumnos/as)” matizou.
Tamén asegurou que “é
inaceptábel que os orzamentos non contemplen ningunha partida para as necesidades máis urxentes que padecen os centros educativos e o ensino en Galiza” sinalando especialmente a dotación de administrativos/as nos centros de Infantil e Primaria ou a redución das rateos en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil.

 

Para CIG-Ensino estamos ante un orzamento que non atenderá a demanda de incrementar as gratificacións para que o profesorado se poida xubilar anticipadamente ou reducir o horario lectivo aos maiores de 55 anos, malia estar recollido na propia LOE, que leva máis de tres anos en vixencia. Medidas todas que crearían emprego. A Consellaría elude a súa responsabilidade de promover e financiar actividades extraescolares, provocando unha desigualdade baseada no poder adquisitivo da familia; non se contempla un plan de actuación para previr e reducir o fracaso escolar para o conxunto de alumnado e centros, cando hoxe o 24% do alumnado non acada o graduado en educación secundaria, nin para aplicar o plano integral de convivencia escolar, aprobado xa hai dous cursos;

Anxo Louzao considera que estes orzamentos, que alcumou de “privatizadores” por favorecer o ensino privado fronte ao público “afástanse, aínda máis, de dedicar á educación o 7% do PIB, cuestión que sen lugar a dúbidas repercutirá máis negativamente nas clases populares e non teñen en conta que o investimento en Educación é o máis rendíbel socialmente”.
Ao tempo, fan
inviábel unha Lei Galega de Educación que universalice os servizos complementarios, amplíe a oferta pública de prazas de 0 a 3 anos, dote de profesorado suficiente os centros, reduza as ratios e dote de administrativos/as todos os centros e non recoñecen o labor docente. “Decrece a partida destinada á formación nun 20%, cando está pendente o plano de formación previsto no Decreto 124/2007. Os nosos salarios só se incrementan nun 0,3%, cando a perda de poder adquisitivo foi permanente e os maiores de 55 anos seguen sen reducirlles a xornada docente”.

Estamos diante duns orzamentos que se desentenden da normalización lingüística, nesta nova etapa de persecución do noso idioma, ao reducirse un 20%, malia a que están sen desenvolver o Plano Xeral de Normalización Lingüística e o Decreto 124/2007. En definitiva, agrandáronse as carencias do sistema educativo, pois, ao tratarse dun servizo básico, os máis prexudicados serán as clases populares. En momentos de crise, o investimento educativo público tería que se incrementar para diminuír as desigualdades sociais, pero estes orzamentos fano imposíbel, máxime se temos en conta que o 11% corresponde a subvencións do ensino privado”.

Volver