Recursos didácticos arredor do día do Orgullo LGTBIQA+
Traballemos a diversidade na aula
A CIG-Ensino edita cada curso unha serie de propostas didácticas relacionadas coa coeducación e co respecto pola diversidade de xénero e afectivo-sexual e nestas datas próximas ao 28 de xuño, pon á disposición do profesorado a entrevista realizada a Nee Barros Fernández, @Neeumatiko
Nee Barros, preséntase como unha persoa de xénero non binario. Ten publicada a obra de teatro: Identidade, A normalidade do non-común no 2021, na editorial Galaxia, arredor da realidade trans e é coñecido nas redes como @Neeumatiko
Diríxese ao profesorado, pero sobre todo ao alumnado, os seus iguais, xa que Nee ten 19 anos. Reivindica a importancia da conmemoración do día do orgullo LGTBIQA+ nas aulas, posto que a diversidade de xénero e afectivo-sexual é a única conmemoración do calendario escolar sen data, como xa ten denunciado a CIG-Ensino.
Reflexiona sobre a banalización dos insultos e burlas que semellan bromas e acaban facendo dano, fronte ao xeito respectuoso de comunicación. Propón estratexias para sensibilizar ao alumnado e facelo consciente do dano e das consecuencias que provocan estas formas de tratarse e sobre cal é o noso papel como docentes á hora de fomentar aulas coeducativas e inclusivas.
A maior parte da súa intervención xira arredor da linguaxe inclusiva: modelo que propón, uso de pronomes neutros, coa reivindicaión da forma Elu. Orientacións sobre como comezar a utilizala e a súa importancia, así como de que xeito dirixirse ás persoas ás que lles custe máis o emprego desta linguaxe dun xeito asertivo.
Na CIG-Ensino animámosvos a poñer o vídeo nas aulas e reflexionar xunto a Nee!
Coas nosas publicacións queremos contribuír a encher o baleiro que deixa a administración educativa que dende o curso 2019/20 obriga aos centros a elaborar un Plan de Igualdade, pero se despreocupa de facer apoio e seguimento na súa aplicación. Denunciamos que non estea establecido que a persoa coordinadora da área dispoña de liberación horaria, orzamento propio para realizar actividades e non perciba complemento algún, dependendo asumir esta responsabilidade da voluntariedade do profesorado.
Xunto con outros recursos para traballar os feminismos nas aulas, recentemente publicamos Ax(e)itar a lingua, un manual de orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino. Este libro que se está a distribuír polos centros, recolle as accións necesarias á hora de abordar a linguaxe inclusiva, nomeadamente o verbo axitar no sentido de espertar conciencias e facer un chamamento ao profesorado sobre o cuestionamento do sistema establecido. Neste caso sobre a linguaxe inclusiva e a coeducación, pero en xeral para amosar unha postura crítica ante o sistema dado que o ensino é onde se forxa a sociedade do futuro.