Recurso da CIG-Ensino contra a segregación de alumnado por razóns de sexo

Coeducación

A CIG-Ensino presenta contencioso administrativo ante o tribunal superior de Galiza en contra da concesión de concertos educativos a centros que segregan o alumnado por razóns de sexo
A CIG-Ensino presenta contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Galiza en contra da concesión de concertos educativos a centros que segregan o alumnado por razóns de sexo
 
A CIG-Ensino vén de presentar contencioso administrativo en contra da Orde, publicada no DOG o 27 de agosto de 2008, pola Consellaría de Educación, pola que se subscriben e se modifican os concertos educativos cos centros docentes privados, limitando este contencioso a centros que segregan o alumnado, impedindo a escolarización mixta (Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo; Montespiño e Peñarredonda na Coruña, etc).
 
Para a CIG-Ensino, é totalmente incomprensíbel e inaceptábel que a Consellaría de Educación subvencione, ao cen por cen, con diñeiro público centros que incumpren  flagrantemente a lexislación, imposibilitando un ensino coeducativo, cuxo obxectivo está recollido en todas as etapas e niveis educativos. A LOE estabeleceu no seu artigo 84 que “En ningún caso poderá haber discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, afinidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal” á hora de admitir o alumnado tanto en centros públicos como privados concertados.
 
Así mesmo, a LOE, na disposición adicional vixésimo quinta, recolle que “Co fin de favorecer a igualdade de dereitos e oportunidades e fomentar a igualdade efectiva entre homes e mulleres, os centros que desenvolven o principio de coeducación en todas as etapas educativas, serán obxecto de atención preferente e prioritaria na aplicación de previsións recollidas na Lei”
 
É preocupante que a Consellaría ceda á presión de centros vinculados a posicións retrógradas e con idearios ultraconservadores e reaccionarios e continúe concertando diferentes niveis educativos nestes centros.
 
Isto é un exemplo máis a considerar na falta de vontade política da Consellaría de Educación de restrinxir os concertos educativos, polo menos, naqueles centros que incumpren a normativa que, dito de paso, é demasiado laxa para facilitar os concertos educativos.

Volver