Recomendacións para a reactivación da actividade no sector da ensinanza concertada: guía da desescalada

A CIG-Ensino non subscribiu esta guía por ser un texto “creado e imposto” pola patronal do sector que só recompila o regulado e establecido na normativa actual.

Aínda que dende a CIG-Ensino podemos compartir a práctica totalidade desta guía ou protocolo de desescalada decidimos non asinala, pois limítase a unha mera recompilación de toda a normativa legal tanto estatal como autonómica. A proposta da patronal xa fora presentada tarde, o 10 de xuño, co único fin de xustificarse e que os asinantes puidesen vender algo aos traballadores/as, sen importar nin as formas( unha única mesa “negociadora” por video-conferencia o 11 de xuño), nin os contidos e moito menos as melloras ou recoñecementos para a parte social. Se a comparamos co documento final asinado “Guía Desescalada”, só varía en pequenos cambios propostos pola parte social de expresión ou matización, algúns cambios normativos obrigados pola rapidez con que cambia todo nestas datas de "desfase", outros cambios meramente formais (corrixir expresións sexistas), e algunhas propostas sanitarias, hixiénicas, sociais e organizativas (algunhas nosas) que por suposto melloran e reforzan o protocolo ou guía, pero que non supoñen avances nin melloras sobre o regulado polas normativas legais decretadas (por exemplo non se garanten os TEST para os traballadores/as, Epis para usuarios...). Outras modificacións da parte social aceptadas foron: cambiar a normativa legal para o final (era máis estético!!), engadir o procedemento de actuación con traballadores/as sensibles ou vulnerables e introducir un novo punto: 12.- Nivel de Educación Infantil (un copia-pega do protocolo de desescalada do convenio estatal sector infantil para a etapa 0-3).

Pero noutros temas non se recolleu nin unha soa mellora: permisos retribuídos por coidados obrigados para conciliar menores ou maiores a cargo, recoñecemento con compensacións ao teletraballo ou proporcionar medios, plus perigosidade e toxicidade, bonificacións aos Erte, evitar as modificacións substanciais das condicións de traballo indiscriminadas, non permitir a recuperación das xornadas ou horas laborais do permiso retribuído da 2ª quincena sobrecargando o traballo logo do EA (estado de alarma), non a recuperación de horas durante o confinamento polas non traballadas... sendo a CIG-Ensino a única OO.SS que as reivindicou en solitario e a patronal botou abaixo.

A única mellora sobre a normativa legal establecida, favorable á clase traballadora, foi a mesma acadada pola CIG-Ensino no sector da discapacidade co apoio das demais OO.SS, consistente en que unha persoa traballadora vulnerable ou sensible ao Covid-19 (diabete, doenza cardiovascular, hipertensión, doenzas crónicas, cancros, inmunodeficiencias, mulleres grávidas, maiores de 60 anos…), non teña que incorporarse ao seu posto de traballo, gozando dunha dispensa, mentres non teña a resolución do Servizo de Prevención de Riscos Laborais que mandaría ou a súa incorporación, ou adaptación do posto de traballo (por exemplo con teletraballo) ou o paso a IT (baixa laboral).

Esta guía de desescalada é trasladable a outros ámbitos, mais debe adaptarse en cada CCAA por ter competencias propias e logo nos centros de traballo segundo o tipo dos mesmos e as súas características. Por todo isto loitamos por uns ámbitos de negociación propios na Galiza e non só estatais, e foi unha das razóns polas que non o asinamos, pois limitaríanos ante calquera negociación autonómica ou de empresa.

Como sempre estamos a defender dende a CIG-Ensino un ámbito de Relacións Laborais Galego, como única vía de dignificar as condicións laborais, salariais dos traballadores/as galegos/as. Á vista está que nas mesas estatais non hai negociacións reais, impoñéndose as patronais ante a submisión constante das OO.SS estatais.

Volver