Recollida de Sinaturas en contra da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa

O profesorado esixe a retirada do Anteproxecto de Lei de Convivencia e Participación da Comunidade educativa

Temos que desenmascarar, máis unha vez, esta burla e exixir medidas reais para atender a diversidade escolar, mellorar a convivencias nos centros e valorar, na súa xusta medida, o noso traballo como docentes. Para iso, é preciso unha nova lei e por iso propomos a retirada deste proxecto de lei, que se abra un amplo debate no ámbito do ensino e se convoque a Mesa Sectorial. A partir de aí, elabórese unha verdadeira Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega

Podes asinar aquí.

Texto da recollida de sinaturas.

1. A súa motivación real é reducir, aínda máis, o ensino en galego, xa que pretende darlles cobertura legal ás consultas das familias para este fin, logo do informe en contra do Consello Consultivo, cando a ordenación e programación xeral do sistema educativo é competencia única dos poderes públicos, como representantes do conxunto da vontade dos cidadáns e das cidadás, e a procura da normalización é obriga das institucións galegas.

2. A Consellaría fai uso, máis unha vez, da súa conduta antidemocrática, ao agardar ás vacacións de Nadal para presentar un anteproxecto, impedindo así calquera debate e participación do profesorado e evitando a Mesa Sectorial Docente, único órgano lexítimo de negociación dos docentes.

3. Lexíslase e actúase en función dos intereses dunha minoría reaccionaria e non representativa, en vez de lexislar a favor de mellorar a calidade do ensino público.

4. É un proxecto de lei importado de Madrid, de costas á realidade social e educativa de Galiza, que non procura máis profesorado, recursos e medios para mellorar a convivencia nos centros, atender a diversidade escolar e facer fronte ao fracaso escolar.

5. Continúa sen ser valorizado o noso traballo como docentes, ao termos que impartir materias das que non somos especialistas, realizar funcións e traballos que non nos corresponden, recargarnos de numerosas tarefas burocráticas, prohibirnos impartir aulas en galego, recortarnos os nosos salarios, negar as peticións de profesorado para centros, etc.

6. Os problemas de convivencia son abordados desde unha perspectiva exclusivamente coercitiva e represiva, desbotando a educativa e formativa, e pretendendo xudicializar a vida escolar e non a formación integral da persoa.

7. O que realmente precisamos é unha Lei do Sistema Educativo Galego que dea resposta satisfactoria ás necesidades da educación pública galega que pasan, entre outras, por derrogar o Decreto 79/2010, dotar os centros públicos de profesorado suficiente, reducir o número de alumnado por aula, incrementar o investimento no ensino público até o 7% do PIB, dotar os centros de persoal administrativo, facilitar a formación do profesorado tamén en horario lectivo, autorizar os desdobres necesarios, reforzar a titoría con redución horaria, estender e ampliar o servizo de orientación, dotar os centros doutros perfís profesionais onde sexan necesarios, garantir a xubilación anticipada, mellorar as nosas retribucións, reducir o horario lectivo aos maiores de 55 anos, incrementar os recursos para a atención á diversidade e á educación personalizada e restituír os nosos salarios. Estas medidas xunto cun Estatuto do Docente Galego si que darían prestixio á función docente e autoridade ao profesorado.

Podedes asinar aquí

Volver