Receitas electrónicas e tramitación de baixas por Incapacidade Temporal

Ante as dúbidas xurdidas sobre a expedición de receitas e a presentación de partes de baixa mentres dure esta situación de confinamento derivada do estado de alarma achegamos unha breve información que pode ser de interese.

Que facer se estamos enfermos e precisamos un parte de baixa e o noso médico non nos pode atender?

A efectos de docencia debemos comunicarllo á dirección do noso centro para unha correcta organización do traballo, xa que a Consellaría indicou que non vai cubrir as baixas e o traballo será responsabilidade do teu departamento se estás en ensinanzas diferentes a Infantil ou Primaria e de quen designe a dirección nestes últimos centros. Isto xa foi denunciado pola CIG-Ensino

A efectos legais debemos poñernos en contacto coa Xefatura Territorial (XT) enviando un email ao servizo provincial de persoal (podes acceder ao listado na web da Consellaría) e indicando que neste momento non podemos achegar o parte de baixa. No momento no que o consigamos, temos que proceder coma sempre a través da aplicación datos persoais.  Lembremos que se somos de MUFACE o parte de baixa oficial podemos descargalo nesta ligazón

O inicio da nosa Incapacidade Temporal (IT) pode comezar o día que comezou a enfermidade, aínda que o parte médico sexa posterior, sempre e cando así o acredite a XT. 

E-receitas no SERGAS para mutualistas de MUFACE 

Está en marcha xa a receita electrónica con carácter experimental para mutualistas de MUFACE coa prestación sanitaria no SERGAS. Nos centros de saúde o persoal médico recibiu xa unha circular na que se lles informa de que non é necesario que os doentes acudan ao centro médico e que deben emitirlles receitas electrónicas. Estas e-receitas non substitúen as de papel senón que axilizan o trámite e evitan o noso desprazamento físico até o centro médico. Debemos levar connosco á farmacia o receitario de papel de MUFACE. Alí verán que temos unha e-receita vinculada e cobrarannos o que corresponde. 

Para o profesorado que non ten a prestación no SERGAS non hai cambios. Se non é posíbel contactar co noso médico ou médica para cubrir as receitas aconsellamos xestionar na farmacia o pago por adiantado e poder recuperar a parte exenta en canto dispoñamos da receita en papel. Debemos ter un informe médico onde se recolla a medicación que necesitamos. 

No caso de que MUFACE arbitre algunha medida nova informaremos puntualmente. 

Como actuamos cos partes de continuidade de baixa se xa estamos nunha IT neste momento? 

Do mesmo xeito que cos iniciais. Comunicándollo á XT por correo electrónico e remitíndolle despois o parte de confirmación, neste caso preferentemente a través de datos persoais

Non é preciso visar receitas 

Debido ao estado de alarma aprobouse no ámbito MUFACE a exención de visado daquelas receitas que así o requirían, polo que non é necesario ir ás oficinas da mutualidade para selalas. 

Non quedemos sen receitas, xa nolas traen a casa 

MUFACE ten desde hai xa tempo habilitada a posibilidade de pedir o talonario de receitas a través da súa sede electrónica ou na app para móbiles de MUFACE. Tamén o podemos xestionar telefonicamente en horario de oficina chamando ao 060 ou por correo electrónico ou por teléfono nos Servizos Provinciais de MUFACE

Como actuar se o paciente non debe acudir á farmacia do hospital?

Se os pacientes non poden acudir ao hospital por ser persoas de idade con patoloxía previa, o que supón un risco elevado de infección, pode facer a recollida un familiar ou calquera persoa cunha autorización do/da doente e presentala na farmacia do hospital que corresponda, xunto coa orde de dispensación ou o informe médico.

Volver