Quinta reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3

A CIG-Ensino non foi chamada á xuntanza da parte social, para facer unha contraproposta á patronal tal e como se acordara no 4º SIMA, por decisión “interesada e unánime” dos catro sindicatos estatais

A CIG-Ensino rexeitou a contraproposta presentada polos catro sindicatos estatais, do mesmo xeito que fixera no cuarto SIMA coa presentada pola patronal, ao entender que non se respecta, e polo tanto se traizoa, o mandato das traballadoras e traballadores do sector: de acadar melloras laborais e sociais significativas, non perder poder adquisitivo e garantir o IPC, manifestado nas mobilizacións, folgas e recollido na campaña de sinaturas feitas na Galiza.

A 5ª reunión no SIMA do XIII convenio de Infantil 0-3, que rematou cunha nova ACTA DE APRAZAMENTO para o 13 de xuño, veu precedida da exclusión da CIG-Ensino  a participar na contraproposta social a presentar ás patronais (tal e como se quedara no anterior SIMA) por decisión “interesada e unánime” das catro OO.SS estatais. Decisión que a propia CIG-Ensino teria tomado igualmente por non compartir a proposta dos demais, tal e como xa se fixera na proposta dos atrasos para 2023 ( feita no 3º SIMA).

Na reunión do 5º SIMA exponse a contraproposta feita polos catro sindicatos estatais, sendo portavoz CCOO (xa unido ao trío asinante do XI convenio), que previamente fixo unha petición ao árbitro do SIMA de “que se manteña a total confidencialidade nestas reunións mentres non haxa acordos, polo ben das mesmas” e que se recolleu na acta de aprazamento nestes termos:

Se recuerda a todas las partes el compromiso de mantener en la estricta confidencialidad los documentos, las conversaciones y deliberaciones que se lleven a cabo en el SIMA.

A CIG-Ensino como parte do proceso de mediación e que asinou dita acta para seguir no proceso, vaino respectar como non pode ser doutra maneira, aínda que defendeu no SIMA non compartir este silencio e peche informativo público das negociacións nesta mediación.

“A boa entendedora, poucas palabras”, a situación é: Neste 5º SIMA a CIG-Ensino rexeitou a contraproposta presentada polos catro sindicatos estatais, do mesmo xeito que fixera no cuarto SIMA coa proposta presentada pola patronal, por inasumible, inxusta e inxustificable. Ademais mantívose nas súas propostas en solitario, respectando o mandato do persoal traballador do sector, ao que se debe e defende, de acadar melloras laborais e sociais significativas, retroactividade (atrasos), non perder poder adquisitivo e garantir o IPC, manifestado nas mobilizacións, folgas e recollido na campaña de sinaturas feitas na Galiza.

A CIG-Ensino como sempre afirmou defenderá os intereses do persoal traballador no marco estatal até que este se peche, pero se, como é previsible, non se acadan os obxectivos, tratará de facelo nun marco galego de negociación co fin de loitarmos por un convenio digno e xusto na Galiza. Para isto o que precisamos é maiorías sindicais e que o sector en cada centro de traballo se organice facendo as eleccións sindicais en torno ao modelo sindical da CIG-Ensino: reivindicativo, combativo e asembleario, renunciando ao pactista e entreguista que impoñen os sindicatos estatais, dende as súas cúpulas, en conivencia coas patronais (inmobilistas e involucionistas, cun bloqueo de máis de 2 anos), como levan facendo convenio tras convenio.

Volver