Queres saber canto se depreciou o teu salario no que levamos de ano?

O diferencial co que deberiamos cobrar en novembro é o mellor exemplo do que implica ver medrar os salarios por debaixo do IPC

O IPC internanual do mes de novembro, o que se emprega para o cálculo das pensións, queda finalmente no 8,5%, cifra inicialmente prevista polo Goberno. Este é o índice que, seguindo as propostas da CIG, se lle debería aplicar aos nosos salarios co pago dunha cláusula de revisión salarial. 

Esa cláusula de revisión garantiría que os salarios das e dos empregados públicos non sufriran unha depreciación ao respecto da carestía da vida. Pola contra, o pacto sindical asinado polo Goberno e os sindicatos de sempre deixou a suba deste ano no 3,5%: un 2% que cobramos mes a mes desde xaneiro e o 1,5% que teremos nesta nómina que acabamos de recibir nos nosos correos.

Nunha análise divulgada pola CIG-Ensino o pasado día 24 os cálculos que fixemos públicos quedaron curtos. Cifrabamos naquel momento a perda de poder adquisitivo no 7,5%, xa que aínda non se coñecía a cifra de novembro e preferimos actuar con cautela sen tomar como referencia o 9% de setembro. Pois ben, as cifras feitas públicas no día de hoxe, malia a baixada continuada do IPC nos últimos meses, sitúan o interanual no 8,5%. A depreciación do noso salario fica entón no 5%. 

Se o outro día botabamos contas en bruto do que perdiamos nas nóminas para afrontar o día a día das nosas vidas, a chegada das nosas nóminas permite ver agora en líquido en canto consiste a perda de poder. Os cálculos que se poden ver nesta gráfica están feitos con casos concretos. Agás nun caso, todos son exemplos sen cargos. As perdas en docentes en cargos directivos ou do corpo de cátedras dispararíanse aínda máis. 

Así, unha mestra con 9 anos de antigüidade percibe nesta nómina de novembro, en concepto de atrasos vinculados co 1,5%, un total de 322,65€ netos. Se a suba a aplicar fose como a das pensións e como defendeu a CIG-Ensino, o pago dos atrasos elevaríase a 1.398,15€, o que deixa ver con claridade que, no que levamos de ano, esta docente ten unha depreciación de 1.075,50% no seu salario. Noutro caso, temos a unha profesora de secundaria, neste caso cunha xefatura de departamento e 33 anos de servizo que percibe uns atrasos de 451,49€ en vez de cobrar 1.956,46% (o equivalente ao 8,5%), polo que a perda de poder adquisitivo neste caso supera os 1.500 euros. No caso intermedio de actual profesorado técnico de FP as cifras tamén confirman esa perda: de 1.113,70€ dunha PTFP cun trienio a 1.413,47€ noutro PTFP con 36 anos de antigüidade.

As contas son claras e non permiten estafas nin contos: o que nos soben perpetúa unha deriva de perda de poder adquisitivo que se mantén inalterada desde 2010 e que se estenderá até 2024. 

Con este 5% por cento deste 2022, a perda desde o inicio da anterior crise elévase por riba do 22% de depreciación salarial. Polo medio destes 12 anos pasaron dous acordos salariais con sindicatos estatais. Ningún deles puxo freo ao que se nos arrebata, senón que dispararon aínda máis a perda das nosas nóminas para facer fronte á carestía da vida. Se é unha vergoña que un goberno trate así ás persoas que traballamos no sector público aínda o é máis que o faga co beneplácito dos sindicatos de sempre. 

A depreciación do noso salario até novembro de 2022

 

suba do 1,5% (total 3,5% anual)

diferenza co IPC internanual do 5%

contía total que deberiamos cobrar para igualar o salario anual ao IPC do 8,5%

MESTRA 9 

322,65

-1.075,50

1.398,15

MESTRE 24

368,80

-1.229,33

1.598,13

MESTRA 36

424,61

-1.415,37

1.839,98

PTFP 3

334,11

-1.113,70

1.447,81

PTFP 36

424,04

-1.413,47

1.837,51

PES 12

349,25

-1.164,17

1.513,42

PES 21

407,02

-1.356,73

1.763,75

PES 33

451,49

-1.504,97

1.956,46

Volver