Queremos Galego valora como un "exitazo" a manifestación do pasado domingo e anuncia novas accións en defensa do galego

A plataforma continúa a recoller sinaturas a favor do manifesto “Queremos galego na escola”, que xa foi asinado por persoeiros como Manuel Rivas, Luís Iglesia, Comba Campoy, Mónica Caamaño, Agustín Fernández Paz ou Xosé Lois “O Carrabouxo”

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades sociais de todos os ámbitos, valorou hoxe a manifestación celebrada o pasado domingo 27 de xaneiro como un “exitazo da sociedade galega” a favor da súa lingua. Para a plataforma cidadá, o enorme apoio mostrado nas rúas de Compostela é unha mostra máis da ampla adhesión social á lingua galega, que se une ás masivas manifestacións dos últimos catro anos, que foron as maiores mobilizacións da historia de Galiza en defensa do seu idioma.

A respecto do anuncio do goberno de Núñez Feijóo de recorrer ao Tribunal Supremo as sucesivas sentenzas do TSXG que deixan fóra da lei o núcleo central do mal chamado decreto do plurilingüismo, a plataforma sinala en primeiro lugar “como a mentira ten as pernas curtas”. Segundo declara o portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, “se Núñez Feijóo comezou dicindo que as sentenzas do TSXG lle daban a razón á Xunta, como é recorre unhas sentenzas que lle son favorábeis? É que nos toman por parvos?”

Ademais, segundo explica Callón, “é a primeira vez na historia da democracia, en todo o Estado español, que un goberno recorre aos tribunais en contra da súa propia lingua”. O portavoz de Queremos Galego tamén lembra que “o goberno de Núñez Feijóo vai malgastar diñeiro público nos tribunais en plena crise económica para atacar xustamente o que debería defender”. Ademais, salienta que “ataca o noso idioma, factor esencial da cohesión social, cando o precisamos tantísimo nestes tempos convulsos”.

A este malgasto de diñeiro público nos tribunais hai que lle sumar os millóns de euros que a Xunta queimou en libros de texto polo simple feito de estaren en galego e a intención do Goberno central de obrigar á Administración a pagar a educación privada do alumnado cuxos pais queiran garantir o suposto dereito á ignorancia na propia lingua, a través do proxecto de LOMCE, máis coñecida como Lei da Wertgoña.

Queremos Galego lembra tamén o estudo realizado pola Mesa pola Normalización Lingüística que sinala que nas cidades galegas o 95% da educación infantil se imparte exclusivamente en castelán, amparado polo decretazo contra o galego.

Despois do amplo respaldo social mostrado na manifestación do domingo, a plataforma cidadá continuará as accións en defensa do galego e está xa a traballar nun calendario de mobilizacións que inclúen a recollida de sinaturas a favor do manifesto Queremos Galego na Escola e actos en todas as comarcas de Galiza. Estas actividades culmirán coa convocatoria a toda a sociedade galega a participar o 17 de maio, precisamente o día no que se festexa o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, primeiro libro escrito integramente en galego e que marca un fito “na recuperación da identidade de Galiza”.

O manifesto “Queremos galego na escola” conta xa con 4.500 sinaturas na súa adhesión en liña, que inclúen persoeiros destacados da cultura e sociedade galega, como a actriz Mónica Caamaño, a actriz e xornalista Comba Campoy, o escritor e crego Xaquín Campo Freire, a directora e dramaturga María Armesto, os escritores Antón Riveiro Coello, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Xesús Rábade Paredes, Xosé Lois García, Manuel Rivas, Lois Diéguez, as escritoras Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre, o humorista Xosé Lois González, os músicos Magín Blanco, ou a cineasta Margarita Ledo. Este manifesto pódese descargar da web queremosgalego.org ou asinar on-line.

Volver