Queremos Galego pide ao PP que retire a PNL contra a pluralidade lingüística na LOMLOE
Bermello asegura que depende de Feixóo atender as demandas de normalización ou loitar contra o galego
Queremos Galego concentrouse esta mañá fronte á Sede autonómica do PP, en Santiago de Compostela, para pedirlle ao partido que sustenta o goberno da Xunta de Galiza que retire a Proposición Non de Lei contra o recoñecemento da pluralidade lingüística do Estado que recolle a LOMLOE, coñecida como Lei Celaá. Unha concentración á que se sumou unha representación da CIG-Ensino e na que o seu secretario nacional, Suso Bermello, responsabilizou ao propio presidente da Xunta de, ou ben atender as demandas de colectivos sociais, sindicais ou educativos a prol da normalización lingüística, ou ben manter a loita contra o noso idioma.
"Trátase dunha iniciativa contra o galego", afirmou o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, no decurso da concentración. Unha iniciativa que ademais "obvia o feito de que a situación da lingua galega no ensino depende da xestión do Goberno de Feixoó", advertiu.
Neste sentido engadiu que "Feixoo sabe que diga o que dixer a lei estatal, quen pode regular o uso do galego é a Xunta e el mesmo decidiu unilateralmente impor por decreto graves restricións ao seu uso, contra todas as entidades do ensino, a sociedade e múltiples e masivas manifestacións e mesmo o Consello de Europa, a última vez en decembro do ano pasado".
Por iso Maceira instou ao Conselleiro de Educación a aceptar a proposta de bases para a normalización do ensino feita en xuño pola representación maioritaria do profesorado, as ANPAS Galegas, os movementos de renovación pedagóxica e a propia Mesa.
O voceiro de Queremos Galego adiantou ademais que haberá mobilizacións se a PNL do PP prosegue coa súa tramitación parlamentaria.
Feixóo restrinxe o galego en ámbitos educativos.
No mesmo sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que tamén interveu ao remate da concentración, lembrou que con anterioridade á LOMCE non existía ningunha referencia a que o castelán fose lingua unilateral. “Iso foi unha oposición unilateral do PP para españolizar Catalunya, na época de Wert, aplaudida polo goberno de Feixóo”, lembrou.
Por iso denunciou a aprobación, no ano 2010, do Decreto de Plurilingüismo que restrinxe o galego en ámbitos educativos e prohibe o seu uso en materias científico-técnicas, o que implica que “a modificación que se acaba de pactar para o texto da LOMLOE, e que supón na práctica unha volta ao texto anterior á LOMCE, non ten por que conlevar unha mellora no sistema educativo nas aulas”.
Para Bermello, “estará nas mans do goberno galego facer caso do que se lle di desde o ámbito sindical, asociativo e de renovación pedagóxica para reverter a situación actual ou manter a súa loita contra o idioma”.