Queremos Galego esixe a destitución do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación e convoca concentracións esta semana

A plataforma chama a toda a sociedade a esixir o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación pola censura ao libro de texto que sinala que o galego é a lingua propia de Galiza

A plataforma cidadá Queremos Galego presentou esta mañá en conferencia de imprensa diferentes accións reivindicativas nas que convida a participar o conxunto da sociedade para exixir o cesamento inmediato do Valedor do Pobo, Benigno López, e do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, pola censura do libro de texto escolar da materia de Coñecemento do Medio que sinala que o galego é a lingua propia de Galiza, reproducindo literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de autonomía.

 

En concreto, a plataforma cívica da que fan parte máis de 700 entidades sociais de todo tipo, convoca para mañá xoves, día 15, unha concentración ás 11.30 da mañá diante da sede do Valedor do Pobo e outra concentración para o sábado 17 de decembro ás 17 horas 

na Praza do Toural de Compostela. Ao finalizar a concentración de mañá frente á sede do Valedor, representantes da plataforma entregarán un escrito dirixido a Benigno López e tamén escritos dirixidos aos grupos con representación no Parlamento de Galiza. Queremos Galego anunciou que a través destes escritos instará os grupos da cámara a que acorden o cesamento do Valedor.  

Paralelamente, a plataforma cidadá anunciou que vén de iniciar unha campaña social de envío masivo de correos electrónicos a  Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galiza, e ao propio Alberto Núñez Feijóo. No primeiro caso, para instar a institución que nomea a figura do Valedor a proceder á destitución inmediata de Benigno López; e no segundo caso, para instar o Presidente da Xunta ao cesamento inmediato do Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, logo de que este anunciase publicamente que vai ordenar a editora do manual escolar a corrección do contido, malia este axustarse literalmente ao artigo 5.1 do Estatuto de autonomía.

Neste sentido, na páxina web de Queremos Galego, pódese acceder aos modelos de correo electrónico que se propón enviar masivamente.  

O portavoz nacional da plataforma, Carlos Callón, reiterou na comparecencia de hoxe, acompañado de membros da comisión xestora de Queremos Galego, que o acontecido co libro de texto de Coñecemento do Medio “é un auténtico acto de censura”, proposto “xa non só polo Valedor, senón co concurso entusiasta do Conselleiro de Educación, que de novo se retrata perante o conxunto da sociedade”.  

Callón denunciou “a sistemática caza de bruxas” que o actual goberno autonómico está a exercer contra a lingua e a cultura do país; unha situación, afirmou, “que non pode ser boa para ninguén”.

Para o portavoz de Queremos Galego resolucións como a do Valedor, co concurso do conselleiro, “rompen unilateralmente a convivencia e a cohesión social arredor da lingua propia” ao cuestionaren o cerne mesmo do estatuto xurídico vixente para a lingua galega: o que sinala que o galego é a lingua propia de Galiza, “con todas as implicacións concretas que iso ten e coas obrigas que supón para os poderes públicos”.

Volver