QUEREMOS GALEGO chama a unha participación masiva da cidadanía a prol “da lingua de todas e todos” na manifestación deste vindeiro domingo en Compostela

18 de outubro

Máis de 400 entidades sociais dos máis diversos ámbitos e máis de 3.000 persoas a título individual adheriron xa á plataforma cívica convocante da mobilización O humorista gráfico Kiko da Silva, director da revista Retranca, e o actor Xesús Ron, integrante de Chévere, fixeron un chamamento a “moverse” polo noso idioma e a nosa cultura en representación dun grupo amplo de artistas e intelectuais de diferentes eidos da vida pública

QUEREMOS GALEGO chama a unha participación masiva da cidadanía a prol "da lingua de todas e todos" na manifestación deste vindeiro domingo en Compostela

 

Máis de 400 entidades sociais dos máis diversos ámbitos e máis de 3.000 persoas a título individual adheriron xa á plataforma cívica convocante da mobilización

 

O humorista gráfico Kiko da Silva, director da revista Retranca, e o actor Xesús Ron, integrante de Chévere, fixeron un chamamento a "moverse" polo noso idioma e a nosa cultura en representación dun grupo amplo de artistas e intelectuais de diferentes eidos da vida pública

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2009.- A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO compareceu na mañá de hoxe perante os medios de comunicación para dar conta de diferentes previsións organizativas a respecto da manifestación en defensa da lingua propia de Galiza que terá lugar este vindeiro domingo 18 de outubro entre a Alameda e a Praza da Quintana de Santiago de Compostela a partir das 12 da mañá.

Fran Rei, no nome da comisión xestora de QUEREMOS GALEGO, agradeceu os numerosos apoios individuais e colectivos, "cuantitativa e cualitativamente fundamentais como pezas chaves na defensa da nosa lingua e cultura", que polo de agora foron chegando á plataforma. Segundo expuxo, un total de 447 entidades dos máis diversos ámbitos da sociedade, desde partidos políticos, institucións e organizacións sindicais até entidades xuvenís, culturais, veciñais ou comunidades de montes, así como máis de 3.000 persoas a título particular. "Mesmo está a producirse un apoio impresionante a través das redes sociais na internet, como os máis de 2.000 amigos e amigas que QUEREMOS GALEGO ten xa en facebook, ou os máis de 10.000 apoios que suman neste momento os diferentes eventos coa convocatoria da manifestación do domingo que andan a circular por tuenti, a rede social da xente máis nova por antonomasia", engadiu o representante da plataforma.

Rei explicou tamén que haberá autobuses para facilitar todo o posíbel a asistencia á manifestación desde as 22 comarcas nas que a plataforma está estruturada neste momento, "para evitar no posíbel que Compostela sexa un caos de tránsito o domingo". Así, están confirmados neste momento autobuses desde un total de 67 localidades diferentes, "ben máis do duplo que na anterior manifestación en defensa do idioma do pasado 17 de maio", así como comitivas de vehículos particulares que partirán desde puntos do exterior como a comarca do Bierzo, que terá un protagonismo especial na cabeceira da manifestación "porque alí tamén queren galego", Madrid ou Barcelona.

A respecto dos múltiplos apoios que están a chegar tamén desde as comunidades galegas na emigración, o representante da xestora da plataforma indicou que se están a desenvolver xa accións a prol da lingua e de adhesión á plataforma e á manifestación e puxo como exemplos a reunión aberta que o domingo ás 12 organizará a comunidade galega de Bruxelas na libraría galego-portuguesa Orfeu desa cidade ou o acto público que hoxe mesmo se desenvolveu en Madrid, no Círculo de Bellas Artes, para dar a coñecer as iniciativas que promove QUEREMOS GALEGO.

Na comparecencia pública desta mañá interviron tamén o humorista gráfico e director da revista Retranca Kiko da Silva e o actor Xesús Ron, integrante da compañía teatral Chévere. Ambos fixeron unha chamada ao conxunto da sociedade "para que a do domingo sexa unha manifestación multitudinaria en defensa do galego, a lingua de todas e todos" no nome do amplo grupo de artistas, intelectuais e persoeiros significativos en diferentes ámbitos sociais e culturais que colaboran con QUEREMOS GALEGO. Neste colectivo figuran, alén dos xa referidos, nomes como os de Xurxo Souto, Yolanda Castaño, Manuel Lourenzo, Margarita Ledo, Manuel Rivas, Andrés Torres Queiruga, Marica Campo, Patricia Vázquez, Teresa Moure, Federico Pérez, Guadi Galego, Susana Seivane, Sonia Lebedinski, Celso Parada, Xosé Lois "O Carrabouxo, Mini e Mero da Quenlla, Quico Cadaval, Isabel Risco, Bernardino Graña ou Avelino Pousa Antelo.

Kiko da Silva evocou na súa intervención a vixencia das estampas de Castelao nas que o rianxeiro denunciaba as agresións contra o noso idioma e cultura, así como os tópicos e prexuízos que contra o galego circulaban xa naquela altura desde as instancias de maior poder e prestixio. Tamén indicou que a lingua é "o soporte a través do que construímos a nosa arte e cultura" e puxo como exemplo o seu propio labor como humorista gráfico, a retranca: "sería imposíbel de entender sendo noutro idioma que non fose o galego". Kiko da Silva pediu, por último, "que deixen de manipular a realidade aqueles que pretenden distorsionala para dividir a sociedade ou tirar proveito" e lamentou "demagoxias interesadas" como a que asocia sempre "uso do galego con subvención".

O actor Xesús Ron considerou que a manifestación do vindeiro domingo é un acto reivindicativo na defensa do galego, mais debe ser entendida tamén como "unha chamada cívica á construción dunha sociedade máis tolerante". O integrante de Chévere afirmou que historicamente no noso país "o compromiso coa lingua foi consubstancial coa defensa de valores como a liberdade, a igualdade ou a tolerancia" e lamentou que "en pleno século XXI, cando debíamos estar falando doutros retos, veña unha institución tan senlleira como o goberno galego querer quitarnos da Historia e nos obrigue a voltar ás trincheiras". Con todo, Ron aclarou que é "o actual goberno o que vai a contracorrente, atacando a nosa lingua e a nosa cultura, e non ao revés, a sociedade civil que a quere, a promove e a normaliza". O actor cómico e teatral reclamou "responsabilidade" aos actuais gobernantes e que, "no canto de confrontar e propor retrocesos, fagan como fai o goberno español promocionando internacionalmente o idioma estatal a través do Instituto Cervantes".

Volver