Queremos Galego chama a toda a sociedade a continuar “coa loita cívica polo galego” malia o rexeitamento do Parlamento a tomar en consideración o texto da ILP pola garantía dos dereitos lingüísticos

A plataforma cidadá lamenta “a oportunidade perdida” polo Goberno e o Partido Popular para reestabelecer os consensos básicos arredor da nosa lingua propia e que prefiran “continuar coa inxustiza dos ataques contra o galego”

A Plataforma Cidadá Queremos Galego - da que é membro á CIG- chama ao conxunto da sociedade a continuar “coa loita cívica polo dereito a poder vivir en galego na nosa propia terra” logo de que o pleno do Parlamento de Galiza rexeitase este mediodía, cos votos en contra do Partido Popular, a toma en consideración da Proposición de Lei sobre o uso do galego polas Administracións de Galiza e no ámbito do ensino impulsada ao longo dos últimos meses pola plataforma mediante o procedemento de iniciativa lexislativa popular (ILP).

Queremos Galego seguirá a reclamar dos diferentes poderes públicos "medidas específicas" para dar cumprimento ao que estabelecen "por activa e por pasiva" os tratados internacionais existentes sobre dereitos lingüísticos, nomeadamente a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, á que o Estado español adheriu en 2001 e que "hoxe, como corroboran os diferentes informes emitidos polo Consello de Europa, continúa ser sen aplicada".

A plataforma cidadá impulsada e coordinada pola Mesa, da que fan parte máis de 700 entidades e máis de 6.500 cidadás e cidadáns individualmente adheridos a través dun total de 24 estruturas comarcais, agradece o voto favorábel á toma en consideración da proposición de lei –e, consecuentemente, do inicio de tramitación –dos grupos parlamentarios do BNG e do PSdG-PSOE. Así mesmo, pon en destaque "o apoio decisivo do BNG para que o texto literal da ILP puidese chegar a ser debatido no Parlamento", grazas a que o grupo parlamentario nacionalista decidiu rexistralo como Proposición de Lei propia e renunciar logo á súa defensa para dar lectura a un texto elaborado pola propia plataforma, como así fixo o deputado Bieito Lobeira durante a súa intervención.

Queremos Galego lamenta "o histrionismo dialéctico" do Partido Popular, ben como "certos excesos verbais" que, na opinión da plataforma, "só tiñan por obxectivo tentar ensuxar o debate".

A Agustín Baamonde, deputado do grupo popular que defendeu o rexeitamento á ILP logo de citar o célebre poema de Rosalía de Castro Castellanos de Castilla traducíndoo ao castelán, recórdalle Queremos Galego que "a ignorancia como mellor se pode sandar é lendo" e por iso recoméndalle que "procure ler mellor os clásicos". Para iso, a plataforma cidadá suxírelle ao deputado popular "que comece, por exemplo, por Rosalía de Castro" para así descubrir como a máis universal dos nosos referentes literarios xa denunciaba a través dos seus versos "sentirse unha estranxeira na súa propia patria". "Xustamente como nos sentimos, tantas veces, todas as galegas e todos os galegos que queremos exercer plenamente os nosos dereitos lingüísticos", engaden.

Unha representación da comisión promotora da iniciativa lexislativa popular encabezada polo Presidente da Mesa e portavoz nacional de Queremos Galego, Carlos Callón, seguiu desde a tribuna de público o desenvolvemento do debate. Entre os membros da Comisióne estaba Teresa Moure, Anxo Louzao, Xosé Lois "O Carrabouxo", Iria Aboi, Montse Prado, Marcos Maceira, Fran Rei, etc. Para el a decisión do Partido Popular de votar en contra "supón outra oportunidade perdida do goberno e do partido que o sustenta". "Prefiren continuar coa inxustiza que supón atacar a nosa lingua propia que reestabelecer os consensos básicos arredor do galego", engadiu.

O portavoz de Queremos Galego salientou tamén que cos "argumentos" escoitados ao representante do Partido Popular "evidénciase que o PP só apoia a lexislación vixente en materia lingüística, desde o Estatuto á Carta europea das linguas pasando pola Lei de normalización ou o Plan xeral de normalización da lingua galega, coa condición de que non se apliquen".

Volver