Queremos Galego ateiga a Quintana en demanda de medidas que garantan o futuro da nosa lingua

Milleiros de persoas percorreron as rúas da capital de Galiza baixo o lema “Polas fillas dos nosos fillos”

Milleiros de persoas –máis de 25.000- ateigaron este domingo a Praza da Quintana para reclamar o dereito a vivir en galego, denunciar os ataques do PP á nosa lingua e exixir medidas que garantan o seu futuro. A manifestación da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forma parte a CIG, foi convocada baixo o lema “Polas fillas dos nosos fillos” e percorreu as rúas compostelás encabezada por un grupo de rapazas e rapaces que portaban unha pancarta na que se lía “Por nós”.

Galería de imaxes

Foron precisamente eses rapaces e rapazas os encargados de ler o manifesto no que se lembra que os datos da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre a situación do galego amosan que cada vez hai menos xente que fala galego a consecuencia das políticas lingüísticas do PP e dunha Xunta de Galiza que demostra “un total desleixo e desprezo pola lingua” e que fai imposíbel “vivirmos en galego con normalidade”.

De feito Queremos Galego denuncia que o maior descenso de falantes do galego coincide co lustro “máis agresivo e lesivo” para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, “non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou”.

A plataforma cidadá entende que a lingua precisa xa de compromisos reais materializados en accións concretas e que “é urxente actuar tomar medidas normalizadoras e pór todos os medios e remedios para pararmos esta desfeita”.

Salienta que son moitas as persoas que seguen educando ás fillas e fillos en galego, aínda que se atopen con dificultades permanentes, ás que lle ha que engadir “o insulto e o desprezo mostrado polo presidente da Xunta na súa busca permanente de culpábeis da súa propia política”.

Queremos Galego denuncia que a nosa lingua “continúa perseguida e proscrita” de diferentes ámbitos e usos. “Impúxose un decreto para evitar o ensino en galego. Esta política lingüística ten responsábeis e cómplices. Precisase unha mudanza total . Hai que lles dar ferramentas ás xeracións novas. A televisión pública galega non emite debuxos animados de moda en galego. As mozas e mozos non poden escoller xogos, filmes e revistas xuvenís na nosa lingua, a moitos e moitas impídeselles a escolarización en galego”.

Ante esta situación a plataforma demanda que se promova o galego, “lingua propia e común que nos une a todos e todas” porque “lingua, identidade e futuro de Galiza camiñan da man” e porque “defender o futuro dunha lingua é defender o futuro dun pobo”. 

Para CIG-Ensino, despois desta multitudinaria manifestación, imponse a derrogación do Decreto do Plurilingüismo e a aplicación dun Plan Xeral de Normalización Lingüística que leve consigo a impartición, como mínimo, do 50% de todas as materias en lingua galega -incluíndo as Matemáticas,- e a educación infantil nos ámbitos urbanos, no camiño de conseguir un ensino en galego e a normalización do noso idioma.

Volver