Queremos Galego acusa a Xunta de aplicar o 155 lingüístico e anima a participar na manifestación do 17 de maio

A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anunciou hoxe a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”.

O voceiro da plataforma Queremos Galego -da que forma parte a CIG-Ensino-, Marcos Maceira, presentou esta mañá a convocatoria da manifestación do 17 de maio e aproveitou para anunciar que se levarán a cabo diversos actos nas comarcas galegas co obxectivo de informar e de mobilizar a poboación de cara a esta convocatoria. Este ano a manifestación xirará arrredor do lema En galego día a día, co que se pretende recoñecer as persoas que empregan a nosa lingua a diario aínda que nalgúns contextos teñan que facer un esforzo inxente para poder usala. Unha situación que Marcos Maceira atribuíu "á aplicación de facto dun artigo 155 lingüístico por parte da propia Xunta de Galiza, a institución que tiña que velar polo cumprimento da lei e por salvagardar o dereito que nos asiste a todos os galegos e galegas a empregar o noso idioma".

Maceira lembrou que “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e que carece de apoio da súa propia administración” á vez que contrastou a situación de protección que si teñen o euskera e o catalán por parte dos seus gobernos.  Neste sentido, indicou que "en Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego, mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”. “Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos” e que estarán representados como todos os anos no acto final da manifestación. Como exemplo dos avances rexistrados por este activismo social citou as compañías de seguros que comezan a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego; compañías de telefonía móbil que se viron obrigadas a rectificar anuncios de desaparición das opcións en galego; ou transnacionais que modificaron regulamentos internos que impedían o uso do galego, non porque actúe a administración senón por acción da sociedade. 

Plans que son mera propaganda

Porén por parte da Xunta a única actuación é a propaganda co anuncio dun novo Plan de fomento do galego esta vez dirixido á mocidade. Maceira instou á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao presidente Feixó a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego no ensino, onde ten a mesma consideración que unha lingua estranxeira. 

No ensino o galego ten a mesma presenza, apenas un 30%, que unha lingua estranxeira."

Neste sentido suliñou que o galego apenas conta co 33% de presenza horaria no ensino obrigatorio fronte ao 75% do que goza o catalán, aínda nestes intres con sentenzas contrarias ao seu fomento. "No caso do ensino infantil, por exemplo, os materiais didácticos editados en galego son inferiores aos existentes en inglés. En xeral, a edición en galego reduciuse moitísimo nos últimos anos, un dato que cómpre destacar precisamente na data de hoxe, en que se conmemora o día do libro", incidiu. 

Á vista desta situación de perda de falantes e de acoso e derribo por parte da administración, Maceira instou á Xunta a aplicar o Plan Xeral de normalización lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento galego e a deixar as accións que son mera propaganda.

Servizo de transporte para acudir á manifestación

A plataforma Queremos Galego confía en que este 17 de maio se ateiguen as rúas de Compostela nunha mobilización multitudinaria en defensa do dereito a vivir na nosa lingua. Na súa web aparecen os horarios e os prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexen asistir á manifestación, así como información sobre as reunións preparatorias que terán lugar nas distintas comarcas do país. 

CIG Informa sobre a presentación de Queremos Galego da manifestación do 17 de maio

Documento


Volver