Publican no DOG as últimas modificacións do acordo do persoal interino
O texto incorpora os últimos cambios presentados pola Consellaría na Mesa Sectorial do 2 de xullo
A Consellaría vén de publicar no DOG do 12 de agosto unha nova modificación do texto refundido que recolle as condicións de acceso e traballo do persoal interino e substituto da Consellaría de Educación. O texto, malia non recoller a recuperación do pago de verán para quen traballara durante cinco meses e medio durante o curso escolar, contou novamente co apoio das demais organizacións sindicais con representación na mesa de negociación. A CIG-Ensino xa ten afirmado por activa e por pasiva que para contar co seu apoio a un texto destas características debe recollerse a recuperación dese pagamento retirado polo goberno Feijóo no 2012 e incorporarse unha cláusula sobre estabilidade para o persoal interino. Todo o demais é poñer parches e buscando amaños a problemas de xestión das listas por parte da propia Consellaría.
Así o afirmamos na última negociación e mantemos como demanda para mellorar tanto as condicións de traballo do persoal substituto e interino como a propia estabilidade nos postos de traballo deste persoal nun momento no que o elevado número de docentes en idade próxima á xubilación fan pensar en ofertas que non deben ser inferiores ás destes dous últimos cursos.
Texto actualizado con todas as novidades
A CIG-Ensino pon a disposición de todo o profesorado interino e substituto un documento que, partindo do texto refundido de 2017, incorpora todas as novas modificacións. Pódese acceder a el nesta ligazón
Cambio nos chamamentos
O texto publicado no DOG incorpora cambios no sistema de chamamentos. O argumento da Consellaría para proceder a este cambio está en que pretenden axilizar as chamadas, adiantando a comunicación mediante SMS e email logo dunha primeira chamada (agora é na segunda) e aclarando que só chamarán de novo unha hora despois se existen vacantes (o que de feito xa é así). A penalización de 7 días no caso de non atender ningunha das dúas chamadas mantense, na práctica, igual.
O certo é que a Consellaría alega que hai moita fraude e picaresca de xente que non quere traballar e desde a CIG-Ensino lembrámoslle que non pode pagar por esa xente a maioría das persoas das listas que están pendentes das chamadas. Nun país con déficit de cobertura móbil estase provocando unha discriminación.
Como xa fixemos no 2017 cando se modificaron os chamamentos cremos que a acumulación de penalizacións debe levar como sanción pasar ao final da lista ou unha exclusión temporal mais non a exclusión definitiva.
Sen exclusións nas listas por erros na sede electrónica
Na Mesa celebrada o 6 de xuño a CIG-Ensino propuxo que a excepción acordada o ano pasado coas 58 persoas que non presentaron correctamente a matrícula na sede electrónica se aplicase a aquelas que non o fixeron este ano. A Consellaría xa afirmou naquela reunión que, diante da unanimidade sindical, estaba disposta a asumir a proposta. Este ano a cifra é de 48 persoas.
Cremos que esta medida é, por tanto, positiva e conta co noso apoio.
Novas listaxes de Inglés de EOI e previsión de creación no futuro de Galego e Francés
O texto tamén incorpora outros cambios negociados nunha Mesa anterior unha vez que se coñeceu que habería oposicións de Inglés de EOI. A CIG-Ensino propuxo naquela reunión, sen oposición dos demais sindicatos e coa aceptación da Consellaría, que se fixese o mesmo con Francés e Galego, xa que nestas especialidades tamén podería haber oposicións para as EOI e se debería proceder do mesmo xeito, respectando os postos consolidados de quen estea a traballar nas listas de Galego e Francés de PES.