Publicamos o vídeo da asemblea online sobre a situación do profesorado técnico de FP tras a aprobación da LOMLOE e a reunión co Ministerio

Agradecemos o interese suscitado, con máis de 240 asistentes, e continuaremos informando nos centros educativos das novidades que se produzan nas negociacións que se prevé que se inicien en breve.

A intervención inicial do secretario nacional da CIG-Ensino organizouse en bloques segundo o colectivo afectado: funcionariado de carreira con e sen titulación universitaria e funcionariado interino, substituto e aspirante a docente de FP con titulación universitaria ou con titulación de Ciclo Superior e ao final intentouse dar resposta ás preguntas trasladadas polas persoas asistentes.

A continuación incluímos ligazóns ao momento no que se trata cada un dos apartados.

Ante a preocupación e o interese suscitado coa situación na que queda o profesorado técnico de FP tras a aprobación da LOMLOE e a nosa reunión do día 25 de xaneiro coa secretaria xeral de FP do Ministerio, Clara Sanz, desde a CIG-Ensino consideramos pertinente informar ao profesorado galego das últimas xestións realizadas sobre este asunto. Tendo en conta a situación sanitaria crítica e as restricións impostas o formato elixido foi unha asemblea online que contou cunha alta participación, máis de 240 persoas das 350 que se anotaron inicialmente. Durante a intervención inicial do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, abordáronse por bloques temáticos os aspectos máis relevantes do articulado da LOMLOE, o marco de negociación que se abre a partir de agora e as perspectivas que se prevén para cada un dos colectivos afectados. Neste sentido, deuse conta da intención que puxo de manifesto a responsábel ministerial Clara Sanz de emendar algún dos aspectos máis preocupantes que recolle a Lei Orgánica, aínda que de momento non hai ningunha certeza ao respecto, polo que Suso Bermello chamou o profesorado a estar alerta e a mobilizarse se é preciso ante calquera situación que implique perda de dereitos ou discriminacións entre profesorado que imparte no mesmo nivel educativo. O obxectivo destes cambios, tal e como sinalou, teñen que ser a valorización do profesorado de Formación Profesional e a mellora da calidade educativa nestas ensinanzas.

Na asemblea abordouse a situación na que quedaría, segundo as intencións manifestadas polo Ministerio, o funcionariado de carreira, o persoal interino e substituto e o persoal opositor con titulación universitaria, por un lado, e o funcionariado de carreira, persoal interino e substituto e opositor por outro con titulación de Ciclo Superior de FP. Tamén se deixou claro o posicionamento que vai manter a CIG-Ensino nas negociacións que se leven a cabo tanto na Mesa Sectorial de Educación en Madrid, como no Consello Escolar do Estado, como na Mesa Sectorial galega. Na parte final intentouse dar resposta ás múltiples preguntas e intervencións que realizaron as persoas asistentes. En calquera caso, a CIG-Ensino vai seguir informando de calquera novidade que se produza, tanto nos centros de ensino como por calquera outra vía de ser necesario, tanto das negociacións que se prevén que se inicien en breve como de calquera outro movemento que se produza neste sentido.

Volver