
Publicada con meses de atraso e sen efecto retroactivo a actualización das indemnizacións por dietas e quilometraxe
A CIG-Ensino critica o retraso inxustificado na publicación desta Resolución cando a nivel estatal está vixente desde xullo nin que se aplique con efectos retroactivos, o que prexudica sobre todo ao profesorado itinerante
O DOG de hoxe venres, 1 de decembro de 2023, publica a Resolución pola que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta. A CIG foi crítica cando se abordou este tema na Mesa Xeral de Función Pública dado que as indemnizacións por dietas e aloxamentos manteñen unha clara discriminación entre os altos cargos e outras categorías de persoal da administración.
Case 5 meses despois da publicación da Orde do Ministerio de Facenda, a Xunta publica hoxe a normativa pola que se actualiza a indemnización por uso de vehículo particular, que pasa a 0,26 euros/km, para os e as empregadas públicas. A CIG-Ensino criticou na última Mesa Xeral de Función Pública que esta medida non se aplique desde comezos de curso con efectos retroactivos, dado que o principal colectivo que se está vendo prexudicado polo atraso na súa aplicación é o profesorado itinerante.
Así mesmo, tamén criticou que se manteña unha estratificación por categorías ou cargos nas indemnizacións en materia de dietas e aloxamento que quedan como segue:
Grupo | Persoal | Por aloxamento | Por manutención | Axuda de custo enteira |
1º | Altos cargos, subdireccións xerais e asimilados | 120,92 € | 53,34 € | 174,26 € |
2º | Funcionariado subgrupo A1 e A2 e asimilados | 77,78 € | 44,09 € | 121,87 € |
3º | Funcionariado subgrupo C1 e asimilados | 57,68 € | 33,26 € | 90,94 € |
4º | Persoal non incluído dentros dos anteriores | 57,68 € | 33,26 € | 90,94 € |