Publicada no DOG a orde que regula o calendario escolar
Hoxe publícase a orde que regula o calendario escolar do curso 2025/2026 sen practicamente ningunha modificación con respecto ao borrador presentado na mesa
Desde a CIG-Ensino propoñíamos comezar as clases o día 10 de setembro, ao entender que non deberíamos pasar dos 175 días lectivos que fixa a LOMLOE e non seguir cos 176 que a Consellaría leva impoñendo os últimos anos, e retirando o día non lectivo que viña marcado para o 5 de decembro. Non só non atenderon esta petición da CIG que foi apoiada polo resto de sindicatos da Mesa Sectorial senón que mudaron eses día que pasa para o 3 de novembro sen ser tratado este cambio en ningún momento.
Datas a ter en conta |
|
Inicio de curso |
O 8 setembro para todas as ensinanzas. Nas de réxime poderá flexibilizarse até o 15 de setembro |
Remate do curso |
O 19 de xuño para todas as ensinanzas, agás para os segundos cursos dos ciclos de FP que será o 15 de xuño |
Nadal |
Do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos incluídos |
Entroido |
Os días 16, 17 e 18 de febreiro |
Semana Santa |
Do 30 de marzo ao 6 de abril, ambos incluídos |
Día do ensino |
O 31 de outubro |
Día non lectivo |
O 3 de novembro |
Entrega de programacións |
Antes de finais de setembro a inspección |
Avaliación inicia |
Até o 17 de outubro |
Avaliación final de 1º BAC e 1º FP Básica |
A partir do 8 de xuño |
Avaliación final extraordinaria 1º BAC e 1º FP Básica |
A partir do 19 de xuño |
Avaliación final 2º BAC |
A partir do 12 de maio |
Avaliación final extraordinaria 2º BAC |
A partir do 10 de xuño |
Avaliación final EI, EP, ESO, 1º FP grao medio e grao superior |
A partir do 19 de xuño |
Avaliación final 2º FP Básica, grao medio e grao superior |
O 15 e 16 de xuño |
Avaliación final grao elemental e profesional de música e danza |
A partir do 3 de xuño |
Avaliación final 6º grao profesional |
A partir do 11 de maio |
Tampouco aceptaron flexibilizar o comezo de curso até o 15 de setembro en todas aquelas ensinanzas non obrigatorias, ao igual que se permite coas ensinanzas de réxime especial. Desde a CIG-Ensino manifestamos que cinco días non son suficientes para preparar o comezo do curso, pero no caso da Formación Profesional aínda se fai máis complicado xa que a maiores de todos os trámites precisos a realizar antes de comezar as clases tamén se xunta a avaliación dual de setembro.
A única petición que aceptaron desde a Consellaría e que foi proposta pola CIG-Ensino foi a de adiantar a avaliación diagnóstico de secundaria, ao considerar que facela a finais de abril, como foi este curso, supoñía unha complicación ao xuntarse as correccións desta coas probas finais de 2º de Bacharelato. As datas finais son: entre o 13 e o 17 de abril as de Secundaria e entre o 20 e o 24 de abril as de Primaria.
Outras propostas da CIG-ensino foron:
- Permitir que sexan os centros e as mestras de infantil as que determinen cal é o período de adaptación nesta etapa, sen que supere o mes de setembro como marca o Decreto que regula o currículo de infantil
- Permitir a xornada reducida no mes de xuño e setembro eliminado nun acordo dos demais sindicatos coa Consellaría
- Recoñecer o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, como conmemoración no calendario escolar.
- Estipular especificamente as funcións e tarefas que se poden desenvolver polos cambios de horario do profesorado unha vez que quedan sen alumnado, non deixando a decisión na man da dirección.
- Vincular as conmemoracións sobre a visibilidade e integración da diversidade afectivo-sexual cunha data ou semana concreta.