Publicada a adxudicación definitiva de prazas do concurso extraordinario de méritos

Hoxe tamén se fixo pública a resolución provisional de prazas do grupo de CCAA do acordo estatal, o que facilitará os procesos de renuncia e a cobertura das vacantes que queden en Galiza.

Na listaxe de persoas propostas para acadar praza xa están eliminadas as duplicidades, é dicir, só aparecen as adxudicacións nunha especialidade dentro de cada corpo docente.
A Consellaría informou esta mañá, nunha reunión técnica celebrada cos sindicatos da Mesa Sectorial, de que a resolución publicada hoxe aínda se vai poder ver modificada froito das renuncias que se produzan tanto en Galiza como no resto de CCAA do acordo do Estado.
Así mesmo, indicou que todas as persoas que aparecen na resolución definitiva publicada hoxe xa non poderán participar no concurso-oposición do mes de xuño polo mesmo corpo polo que obtiveron praza.
O prazo para formular renuncia abranguerá desde o día 30 de maio de 2023 ata o día 5 de xuño de 2023.
  • Galiza: adxudicación definitiva  

Nesta adxudicación xa non aparecen duplicidades, é dicir, persoas con máis dunha especialidade no mesmo corpo.

Na resolución indícase que quen figure no anexo de persoas propostas para obter praza e resultase tamén seleccionada, provisional ou definitivamente, nunha ou en máis de unha especialidade do mesmo corpo na resolución do concurso extraordinario de estabilización doutra ou doutras comunidades autónomas deberá renunciar, no prazo de 5 días, se desexa obter praza nunha administración distinta á da comunidade autónoma de Galiza.

Sen prexuízo do prazo anterior, o persoal poderá presentar renuncias con posterioridade por outras causas xustificadas. Esta medida está pensada, especialmente, para persoas que non obteñan inicialmente praza noutras comunidades e si a acaden posteriormente froito das renuncias e da eliminación de duplicidades.  

Posteriormente, a Consellaría publicará unha nova adxudicación definitiva de persoas propostas para obter praza. Faríase, por tanto, despois da adxudicación definitiva do Estado (prevista para o 15 de xuño).  

Nesta última adxudicación definitiva non acadarían unha nova praza as persoas que xa tivesen unha praza definitiva en calquera ámbito territorial. 

De se produciren renuncias con anterioridade ao envío da proposta de nomeamento de funcionariado de carreira ao Ministerio, a Consellaría daríalle praza á seguinte persoa en listaxe de agarda da especialidade, aínda que a resolución de proposta de persoas seleccionadas xa estivese publicada no DOG. 

A resolución aos recursos presentados contra a baremación definitiva ou contra a adxudicación provisional resolveranse posteriormente á publicación da proposta da Consellaría de nomeamento como funcionariado de carreira, do mesmo xeito que en todos os procesos selectivos. A aceptación deses recursos implicará o aumento de prazas sen afectar a quen xa figura nesa publicación.

  • Grupo de Estado: adxudicación provisional 

As persoas que nesta adxudicación provisional obtiveron dúas ou máis prazas no mesmo corpo terán 5 días hábiles para optar, presentando escrito na administración da praza á que renuncie, non tendo porque coincidir coa comunidade autónoma desde a que participou.


Exemplo: unha persoa participa en Asturias e obtén destino tanto en Asturias como en Castela-León. Se non quere a praza de Castela-León debe presentar nesta a súa renuncia. No suposto de que non presente renuncia entenderase que opta pola que ten maior puntuación ou no seu defecto na que acredite maior experiencia en centros públicos como persoal interino.


Se algunha das persoas aspirantes resultase seleccionada en resolución ditada nos mesmos prazos (como é o caso das comunidades do grupo do Estado e Galiza), obtendo praza na mesma ou en diferentes especialidades do mesmo corpodeberá en cinco días hábiles formular opción por unha das prazas, presentando escrito na administración do grupo do Estado na que obtén praza, indicando se acepta esa praza ou renuncia a ela, entendéndose que se non fai nada renuncia á praza obtida fóra de Galiza.

Transcorrido dito prazo de renuncias, no grupo do Estado publicarase a súa resolución definitiva (prevista para o 15 de xuño). A renuncia dunha persoa aspirante a unha praza definitiva (con carácter voluntario ou obrigatorio por obter máis de unha) non xerará un novo acto de adxudicación global. As duplicidades de prazas no mesmo corpo nas comunidades do grupo do Estado serán xestionadas por cada comunidade autónoma.


Exemplos:

Persoa que obtén praza fóra de Galiza e en Galiza nun mesmo corpo:

a) Se opta pola praza de Galiza non é preciso que faga nada. 

b) Se quere quedarse coa praza de fóra debe renunciar en Galiza. A Consellaría interpretará que quen acepte no Estado e non renuncie en Galiza fará de facto unha renuncia tácita a Galiza. 


As persoas que poidan ter unha praza na convocatoria estatal e tamén na galega deben prestar especial atención: se unha persoa renuncia en Galiza porque ten intención de aceptar unha praza do Estado mais finalmente non formaliza esa aceptación, quedaría sen ningunha delas.

Tendo en conta todo o anterior así como os problemas que poden provocar as interpretacións entre distintas administracións, a CIG-Ensino recomenda actuar coa maior claridade posíbel e, se así se desexa, optar expresamente pola praza acadada no ámbito das comunidades autónomas do grupo do Estado se non se ten interese na praza galega, ao tempo que se renuncia expresamente a esta.

Resolución definitiva de Galiza. Ligazón

Corpo 590 - Secundaria. Ligazón
Corpo 592 - Escola de Idiomas. Ligazón

Corpo 593 - Catedráticas de música e artes escénicas. Ligazón

Corpo 594 - Profesoras de música e artes escénicas. Ligazón

Corpo 595 - Profesoras de artes plásticas e deseño. Ligazón

Corpo 596 - Mestras de taller de artes plásticas e deseño. Ligazón

Corpo 597 - Mestras. Ligazón

Corpo 598 - Profesorado especialista en sectores singulares de FP. Ligazón

Adxudicación provisional das administracións firmantes do acordo estatal

Ligazón a toda a información de listados ordenados por corpo, especialidade, quenda, idioma e puntuación, así como ao listado de persoas que obtiveron praza en dúas ou máis especialidades do mesmo corpo.

Participación de quen supere o concurso de méritos no concurso oposición extraordinario de xuño 

A Consellaría traslada a interpretación que se fai tanto por parte do Ministerio como da propia Consellaría sobre as persoas que sexan propostas, no concurso de méritos, para ser nomeadas funcionarias de carreira. 

O artigo 12.1.e)  do RD 276/2007 (ingreso nos corpos docentes) fixa como requisito non ser funcionariado de carreira ou en prácticas ou estar pendente do correspondente nomeamento. Por tanto, figurar nunha adxudicación definitiva do concurso de méritos implica estar proposto para o nomeamento nun corpo e, polo tanto, (ao non existir convocatoria de cambio de especialidade) non poderá presentarse ao concurso oposición deste verán no mesmo corpo.

Volver