Próxima convocatoria da Mesa Sectorial para tratar asuntos relacionados co persoal interino e substituto

Unha vez que se publicou no BOE o Real Decreto Lei de medidas urxentes no ámbito educativo, a CIG-Ensino púxose en contacto coa Consellaría que nos adiantou que previsiblemente haberá unha Mesa Sectorial a semana que vén.

Ademais de para tratar os cambios que se poidan producir no sistema de acceso a interinidades e substitucións a través da apertura extraordinaria de listaxes de contratación tamén se abordará, previsiblemente, o borrador da convocatoria do Concurso Xeral de Traslados.

Despois de que onte saíra publicado no BOE o Real Decreto Lei de medidas urxentes no ámbito educativo que abre a posibilidade a modificar os criterios de acceso ás listaxes de interinidades e substitucións docentes por parte das Comunidades Autónomas, a CIG-Ensino fixo xestións coa Consellaría de Educación para coñecer se se ía negociar este asunto. Previsiblemente a próxima semana terá lugar unha Mesa Sectorial na que se tratará esta cuestión, que ten causado certa polémica por permitir a contratación de profesorado de secundaria e FP sen o requisito do Mestrado de Formación do Profesorado, así como a situación actual das listaxes de substitución, pola que se interesará o sindicato, xa que hai casos nos que están próximas a esgotarse e aínda están por resolver as que se abriron a finais do curso pasado. 

Así mesmo, e toda vez que o Ministerio de Educación xa lle enviou ás organizacións sindicais o texto do Acordo Marco polo que se establecen as normas procedementais  aplicables aos concursos de traslados de ámbito estatal que se convocarán este curso, está previsto que na Mesa tamén se debata a proposta de borrador do CXT ou cando menos se aborde este asunto. 

A CIG-Ensino aproveitará a que será a primeira convocatoria da Mesa Sectorial desde o pasado mes de xullo para preguntar por todos os asuntos que están pendentes de resposta e todo o que ten que ver coa incorporación aos centros educativos desde comezos de curso. Concretamente fará referencia ás medidas de prevención e protección de profesorado e alumnado, ás solicitudes de persoal vulnerábel fronte á Covid-19, á xestión dos contaxios e das corentenas e ao acceso a esa información e, por suposto, a todo o relacionado coa contratación de docentes para garantir a distancia mínima de seguridade a diminución de ratios das aulas que temos demandado insistentemente incluso coa convocatoria de dúas xornada de folga e que, finalmente froito da presión, tan só se produciu en secundaria, FP e bacharelato pero non na dimensión que se pedía desde os centros educativos.

Volver