Proseguen na Mesa de Universidades as reunións do Estatuto do PDI

A CIG participou o pasado venres 30 de setembro nunha segunda reunión da rolda de negociacións do Estatuto do PDI, que ten lugar no seo da Mesa sectorial de universidades

A CIG entende que a redacción do Estatuto é unha oportunidade para abordar certos problemas endémicos do Sistema Universitario de Galiza, así como para garantir os dereitos do profesorado máis novo e precarizado.

Nesta segunda xuntanza, aprobouse o regulamento da mesa, así como o capítulo relativo a dereitos e deberes do PDI universitario. As propostas da CIG, no que fai ao regulamento da mesa, buscaban facilitar a súa convocatoria sen maiorías de bloqueo. Sorprendentemente UXT, CCOO e CSIF esixiron que a convocatoria a petición dos sindicatos requerira unha maioría moi ampla destes, coa finalidade de limitar a acción sindical das forzas como a CIG que, sendo maioritarias nunha parte do Estado non se presentan no conxunto e que, na práctica, deixa en mans do Ministerio decidir cando e para que se convoca.

En canto á negociación do apartado de Dereitos e deberes do PDI, a intención da CIG é, por unha banda, fortalecer a posición do profesorado máis novo e precarizado e, por outra, abordar problemas propios do SUG. En tal sentido, as propostas da CIG visaban a que no texto do Estatuto se recollesen os dereitos do PDI a obter financiamento para a súa progresión académica, ao alixeiramento da actividade administrativa do PDI e á garantía de participación nos equipos de investigación e no reparto da docencia. Todas estas propostas foron rexeitadas por parte da secretaría xeral de universidades, con argumentos que a CIG non comparte. Si está previsto que se recollan no Estatuto propostas nosas que consideramos moi relevantes, como o dereito á desconexión dixital e ao uso da lingua galega na investigación e ensino universitarios.

Na seguinte xuntanza, a finais de outubro, abordaranse o réxime de PDI contratado e funcionario, as incompatibilidades e as situacións administrativas do PDI.

CIG

Se queres remitirnos algunha proposta sobre estes temas, podes facelo mandando un correo a galiza@cig-ensino.gal

Volver