Propostas da CIG-ENSINO ao Proxecto de Decreto, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros de ensino non universitario na Comunidade Autónoma de Galicia

Mesa Sectorial (Diversidade)

Propostas da CIG-ENSINO ao Proxecto de Decreto, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros de ensino non universitario na Comunidade Autónoma de Galicia
Propostas da CIG-ENSINO ao Proxecto de Decreto, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros de ensino non universitario na Comunidade Autónoma de Galiza
En primeiro lugar a CIG-ensino manifesta, en contestación ás palabras da Directora Xeral, que este decreto non só afecta aos centros, senón tamén ao profesorado, e por tanto estamos ante un punto que non pode ser simplemente informativo e ante un tema que debe pasar por esta Mesa Sectorial pois este é o lugar da negociación. Por outro lado este Decreto é ademais o marco legal do que logo emanarán as ordes que concretarán a súa aplicación nos centros. As normas deben ser negociadas e desgrazadamente temos experiencias anteriores negativas (en referencia a documentos que non pasaron pola Mesa ou que se pasaron non se lle recolleron ningunha das modificacións propostas).
O primeiro que temos que dicir é que este proxecto de Decreto é moi xenérico e indefinido. Non se fixan recursos, nin medios, nin cadros de persoal, nin rateos... Un Decreto non ten que baixar ás particularidades, mais debe de recoller referencias básicas sobre determinados aspectos.
Cuestións como a escolarización preferente en centros específicos e aulas específicas para estender e ampliar este servizo, deben ser excepcionais. A Consellaría debe dotar todos os centros cos recursos necesarios para poder integrar o alumnado no centro que lle corresponda. Por tanto, é urxente dotar todos os centros. Ademais é urxente que se aplique o catálogo de orientación e que todos os centros con 12 unidades (de Primaria, ou de Infantil e Primaria) conten cun departamento de orientación completo, así como que se incremente o profesorado de PT e AL, nos centro en que estea catalogado e nos que non, atendendo ás necesidades dos centros.
Botamos en falta que non se recolla a comarcalización das equipas específicas, o que sería moito máis racional, pois unha distribución provincial non é axeitada, hoxe son iguais os equipos de Lugo, Ourense e Pontevedra e a Coruña, cando o número de centros e de alumnos e alumnas é moi diferente.
Botamos en falta tamén que non se recollan cales son os criterios que se van seguir para establecer cales son os centros de escolarización preferente e as aulas específicas, é dicir, a rede de centros de escolarización preferente.
Substituír a denominación de centros sostidos con fondos públicos, pola máis clara de centros públicos e centros privados concertados.
Debe establecerse un cadro mínimo de persoal, aínda que logo haxa variacións en relación ao alumnado e os casos escolarizados, mais o lóxico sería contar cun posto máis de PT cando se escolarizan alumnos con trastornos motóricos, psíquicos, e personalidade e conduta e un máis de AL cando hai casos de trastornos sensoriais. Os centros que conten con aulas específicas deben contar co Departamento de Orientación, reforzado co profesorado de PT e AL, que sexa necesario, a tempo completo. Tamén se debe establecer a existencia doutros especialistas, cando son necesarios (por exemplo intérprete de linguaxe de signos) e doutro persoal como coidadores.
Deben establecerse as rateos. Neste documento nin sequera aparece a disposición a reducir as rateos das aulas que escolaricen alumnos con necesidades educativas. Tamén se deberían fixar criterios para a avaliación deste alumnado.
Pedimos que se aclare cando se fala de permanecer até os 21 anos escolarizado, a que nivel se refire.
Por outro lado entendemos que no caso de Educación Primaria falta recoller que nalgún caso terá como referencia o currículo de infantil.
Algunhas alegacións presentadas (recóllese en cursiva o texto do borrador):
 
Artigo 1º.- Obxecto e ámbito.
O obxecto do presente Decreto é establecer a ordenación e organización xeral para a atención á diversidade do alumnado escolarizado en centros de ensino non universitario, sostidos con fondos públicos, da Comunidade Autónoma de Galicia.
Que se modifique centros sostidos con fondos públicos por “centros públicos e centros privados concertados”
 
Artigo 3º.- Condicións xerais.
3.3. Todos os centros educativos sostidos con fondos públicos escolarizarán o alumnado con necesidades específica de apoio educativo que lle corresponda, contando coa reserva de prazas establecida a tal efecto na normativa. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá unha distribución equilibrada do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, cunha rateo que permita de maneira eficaz a atención á diversidade.
Debe especificarse a rateo
 
3.6.A escolarización referida no punto anterior realizarase de acordo co procedemento que ao efecto determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. En todo caso requirirá dun ditame específico que así o aconselle.
Debe especificarse quen emite o ditame
 
Proposta de novos apartados para este artigo:
3.8. Definir a redución da rateo nas aulas que escolaricen alumnado con necesidades educativas.
3.9. Establecer cadros mínimos de persoal.
3.10. Recoller que outros profesionais terán os centros.
 
Artigo 4º.- Centros para a escolarización.
Deben fixarse as ratios das aulas específicas, establecendo coidadores, un máis de PT e un máis de AL neses centros.
 
4.5. A Administración educativa elaborará a oferta dunha rede de centros ordinarios de escolarización preferente, centros de educación especial e/ou aulas específicas de educación especial en centros ordinarios de educación primaria e de educación secundaria para dar resposta ás necesidades do alumnado da Comunidade Autónoma de Galicia. Sen pretender unha clasificación exhaustiva e pechada dado que na realidade as necesidades específicas poden presentarse combinadas, a fin de facilitar a planificación dos recursos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terá en conta nesta rede, centros con necesidades sensoriais, motoras, psíquicas e de personalidade e conduta.
Deben coñecerse os criterios que se van seguir, tamén as rateos e os cadors de persoal.
 
Artigo 6º.- Organización das ensinanzas.
6.5. Excepcionalmente, as alumnas e alumnos do segundo ciclo de educación infantil, e só cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade nos centros ordinarios, cumprindo cos requisitos que se establezan a tal efecto, poderán ser escolarizados nun centro de educación especial, en aulas específicas de educación especial ou en escolarización combinada sempre e cando exista dispoñibilidade de prazas.
Tal e como está recollido estase condicionando esta escolarización combinada á que haxa dispoñibilidade de prazas, cando esta posibilidade debe existir si hai casos que o requiran.
 
Artigo 7º.- Consideracións xerais.
Propoñemos un novo apartado, pois non se recolle nada respecto dos recursos:
7.5. Debe recollerse a responsabilidade da Consellaría en canto a garantir que os centros contarán cos recursos necesarios: “A Administración educativa garantirá que todos os centros conten con recursos e medidas para a atención á diversidade.”
 
Artigo 8º.- Medidas xerais.
8.e) A planificación de estratexias de avaliación inicial, formativa e contínua, tendo en conta que os instrumentos estean asociados ás actividades realizadas no dia a dia nas aulas, que permitan verificar o grao de desenvolvemento das competencias básicas e que se adecúen ás características de cada persoa. Estratexias que propicien a autoavaliación de cara á potenciación de aprender a aprender. Non só será avaliado o progreso do alumnado senón tamén a práctica docente.
Estamos en desacordo con que se recolla “avaliación da práctica docente” . Non se especifica nada e isto préstase a múltiples interpretacións.
 
Artigo 9º.- Medidas específicas.
9.g) Apoios:
Dentro da aula compartindo profesorado e/ou profesionais específicos.
Fóra da aula, a tempo parcial.
Dentro do centro, fóra do horario escolar
Externos ao centro escolar: noutros servizos e institucións.
Propoñemos a supresión dos dous últimos parágrafos do apartado.

Artigo 10º.- Recursos.
Debe recollerse claramente que a atención ás necesidades específicas debe abranguer a todos os centros.

Artigo 13º.- Ensino básico obrigatorio. 
13.3. Na etapa de educación secundaria farase fincapé nas medidas organizativas e curriculares para atender o alumnado que o precise en canto se detecten as necesidades: Reforzos, apoios, agrupamentos flexibles, integración de materias por ámbitos, adaptacións curriculares ou programas específicos como os programas de diversificación curricular, programas de cualificación profesional inicial, entre outros tal como establece o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Neste apartado botamos en falta os desdobres, que si se recollen noutras partes do proxecto.

13.6.
Tanto para a educación primaria como para a educación secundaria obrigatoria o currículo será o establecido para cada unha destas etapas.
Hai que engadir “e o currículo de Educación Infantil para o alumnado do primeiro ciclo de Primaria.”

13.7. Non haberá exención en ningunha das áreas curriculares agás da lingua galega nos termos establecidos no artigo 15º do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo así como da segunda lingua estranxeira de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria de acordo co establecido no decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 6º.4 pero se contemplará a adecuación das mesmas ás necesidades específicas do alumnado. 
Hai que recoller tamén a exención en lingua castelá. Non ten sentido recollelo así. Parece que cando pensamos en exención só poidamos pensar en exención de galego. En todo caso o idóneo é a retirada deste punto.

Artigo 16º.- Ensinanzas de idiomas e Artigo 17º.- Ensinanzas artísticas.
Deberían recollerse, ademais das adaptacións curriculares, adaptacións organizativas e medios e recursos. 

Artigo 19º.- Educación de persoas adultas.
19.6. Nos centros penitenciarios garantirase á poboación interna o acceso ás ensinanzas para persoas adultas.
Non nos parece axeitada esta redacción, en todo caso deberá ser que se garantirá a atención ao alumnado con necesidades educativas.

Estas propostas serán presentadas por escrito. Por outro lado demandamos que o tema volva á Mesa Sectorial. A Consellaría comprometeuse a traelo de novo, indicando, ademais, que propostas das presentadas se aceptan.

Volver