Profesorado vulnerábel á COVID-19: a Consellaría obriga a todo o persoal a acudir ao centro e elimina do protocolo “definitivo” toda a información sobre a xestión de peticións de vulnerabilidade

A administración mantén o cambio introducido na versión do protocolo do 22 de xullo, totalmente contraria ao aprobado para este profesorado vulnerábel no último trimestre co curso 2020/21, cando podía manter o traballo docente desde a casa

A improvisación coa que se vén comportando a Consellaría de Educación en todo o relativo a xestión do protocolo para a adaptación dos centros educativos á covid-19 neste curso escolar e que, movida pola convocatoria de folga no ensino convocada pola CIG-Ensino, xunto con CCOO, STEG e CSIF, levou a un adianto na publicación a última e, presuntamente, definitiva versión do texto legal, o que desde a CIG-Ensino xa valoramos no propio día, cualificando os cambios como “insuficientes e desiguais”.

No que garda relación cun dos puntos de conflito do actual protocolo, o tratamento que se lle dá ao profesorado vulnerábel, o texto publicado o 31 de agosto reduce a un parágrafo o que antes eran 5 páxinas, con toda a información da tramitación das peticións nos supostos de vulnerabilidade. Toda esa información desaparece e o novo texto limítase ao que parece ser que é o único que lle importa á Xunta: que todas as mulleres embarazadas, persoas con enfermidades cardiovasculares, cancro activo ou con inmunodepresión, entre outras, se incorporen a traballar con “normalidade”.

A saúde é o primeiro.

Por que a Consellaría optou en maio por autorizar a que o profesorado vulnerábel[1] a seguir a traballar con teledocencia e agora toma a decisión contraria? Só a data do 12 de xullo, día das eleccións autonómicas, parece dar sentido a unha decisión totalmente contraditorio porque desde logo a ninguén lle debe pasar pola cabeza que unha decisión con fortes implicacións sanitarias e para a saúde garde relación co número de persoas afectadas (a incorporación e maio afectaba só ao profesorado que impartía Bacharelato e FP).

A saúde e a coherencia nas medidas de protección da saúde deberían guiar todas as actuacións da Xunta de Galiza na incorporación de todo o persoal, docente e non docente, así como do alumando, algo que xa vemos que non se fai, evitando a redución de ratios por cuestións puramente economicistas, a boa xestión dos recursos humanos tamén debería acompañar as medidas de protección da saúde. 

A eliminación na versión “definitiva” do protocolo de todo o articulado referente á tramitación das xestións para supostos de vulnerabilidade implica, en todo caso, unha nova mostra da falta de consideración e interese pola cuestións de saúde laboral desta Consellaría e un novo desprezo ao profesorado.


[1] Persoas con enfermidade cardiovascular, incluída hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, diabetes, insuficiencia renal crónica, inmunodepresión, cancro en fase de tratamento activo, enfermidade hepática crónica severa, obesidade mórbida ( IMC>40), embarazo e maiores de 60 anos

Volver