Profesorado técnico de FP: até un 53% do funcionariado de carreira e un 39% do persoal interino de quen non ten Grao terían titulación de FP

Coa aprobación final da LOMLOE no Senado ábrese un futuro incerto para o profesorado de FP que non teña Grao ou titulación equivalente a efectos de acceso á función pública. A extinción do corpo de PTFP entrará en vigor 20 días tras a publicación da Lei

Así o indica a Consellaría en resposta á solicitude feita pola CIG-Ensino para coñecer a posíbel incidencia no colectivo que ten como única titulación un Título Superior de FP. A Administración  remitiu un correo electrónico a un grupo de 185 docentes de FP, do que non lle consta titulación universitaria equivalente a Grao para que, se así o desexan, a incorporen aos seus DATOS PERSOAIS e poder ter información máis fiábel da futura incidencia  da extinción do corpo de PTFP.

Os datos porcentuais proporcionados pola Consellaría de Educación, pendentes dunha maior concreción tras ter remitido un correo a unhas 185 persoas do corpo de PTFP das que a Administración non ten información sobre titulación actualizada, céntranse, como lle solicitou a CIG-Ensino na Mesa Sectorial, no profesorado que non ten ningunha titulación universitaria e que sería o máis directamente afectado pola aplicación do cambio introducido na LOMLOE, que se prevé será aprobada mañá no Senado sen modificación ningunha do texto saído do Congreso. Como é sabido, existen dúbidas sobre o profesorado con titulación de Diplomatura ou similar pois haberá que agardar ao desenvolvemento da Lei para saber exactamente que se considera por parte do MEFP como equivalente a Grao. Mais onde todas as olladas e preocupacións coinciden é no profesorado con titulación de FP. 

Especial preocupación do profesorado con titulación de FP 

Ante este novo horizonte, a CIG-Ensino pediulle expresamente á Consellaría de Educación que fixera públicos os datos do profesorado afectado nestes momentos polo cambio de normativa. A maiores da desagregación por especialidades facilitada na Mesa Sectorial na que se tratou a ampliación da OPE no corpo de PTFP, na que non se diferenciaba entre quen tiña unha titulación universitaria de nivel medio (diplomatura, etc) de que ten FP, a administración vén de concretar máis estas cifras. Segundos os datos proporcionados en resposta á CIG-Ensino a incidencia deste profesorado con titulación de FP sería a seguinte: 

PROFESORADO QUE NON TEN TITULACIÓN DE GRAO NOS SEUS DATOS PERSOAIS: 

Profesorado interino con titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica: 61%.

Profesorado interino con titulación de FP: 39% 

Funcionariado de carreira con titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica: 47%

Funcionariado de carreira con titulación de FP: 53% 

Nestes momentos a administración está recabando información sobre estes docentes porque, sobre todo quen aprobou hai bastantes anos, pode ter outra titulación superior e non tela presentado. 

Queda por determinar se o funcionariado de carreira que ten diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica se pode acabar integrando ou non no corpo de PES. Neste caso a disposición adicional 11ª da Lei, lonxe de despexar esta incógnita, semella que introduce varias limitacións. Por un lado recolle que é preciso contar con titulación de grao ou equivalente a efectos de acceso á función pública, o cal implica derivar a determinación de que titulacións serán equivalentes á aprobación do Real Decreto correspondente. E, por outro, indica que é preciso ter este requisito no momento de entrada en vigor da Lei polo que, de novo, obstaculiza que calquera persoa que obteña o Grao a partir de agora se poida beneficiar da integración no grupo A1. 

O profesorado interino e substituto, entre o martelo e mais a bigornia” 

Mais sen dúbida o colectivo máis afectado é o funcionariado temporal que non ten titulación universitaria. Se nos sucesivos Reais Decretos que desenvolvan a LOMLOE, como o Real Decreto de Especialidades docentes ou o de acceso á función pública docente, ou mesmo na tan anunciada nova Lei de FP por parte do Ministerio, non se salvan as limitacións da redacción da LOMLOE, este profesorado só poderá ser contratado como especialista e queda no aire a posibilidade de que poidan volver presentarse a unhas oposicións. A  figura de profesorado especialista, que até o momento se empregou en moi poucas ocasións en Galiza, dá pé a que se introduza aínda máis o mundo da empresa e a privatización na FP, dado que está enfocada a que profesionais dos distintos sectores produtivos impartan módulos prácticos nos ciclos formativos, ademais de implicar unha perda considerábel de dereitos laborais con respecto á categoría funcionarial. A falta dunha nova regulación desta modalidade contractual, nestes momentos o máximo tempo de relación laboral coa administración é de tres anos, ademais de non existir posibilidade de acadar unha praza de funcionariado público. 

Tampouco está claro que pasará co persoal interino e substituto que non teñen Grao ou equivalente. Nestes momentos, a única seguridade que teñen ambos colectivos é que as oposicións previstas para xuño configúranse como a última oportunidade de acadar un posto de funcionariado de carreira e o que pase a partir de entón segue a ser unha incógnita. A maiores, o feito de que a Consellaría optara por convocar a práctica totalidade das vacantes temporais estruturais introduce aínda máis presión nun profesorado que se non aproba se verá abocado ao desemprego cando menos durante os próximos anos. 

Todo isto sen que se negocie unha cláusula de estabilidade para o colectivo que foi obxecto de contratacións fraudulentas en longos períodos, con sentenzas do Tribunal Supremo que supoñen un grave problema para dar unha solución ao abuso na contratación temporal e con novo ruído sobre cambios lexislativos que, segundo apuntan fontes do Goberno, non van supoñer ningunha novidade relevante na liña da demandada vía diferenciada que defende desde hai moito tempo a CIG-Ensino (convocatorias de prazas estruturais ocupadas por un lado e taxa de reposición -xubilacións- por outro).  

Desde a CIG-Ensino todas as xestións que fixemos até o momento van na liña de igualar as condicións laborais de todo o profesorado de FP, sen deixar ninguén atrás, así como dos dous corpos que prestan servizos nas Escolas de Deseño e Artes Plásticas e dos mestres que imparten no 1º Ciclo da ESO co profesorado de Secundaria, como primeiro paso para acadar un corpo único docente. Un obxectivo polo que seguiremos loitando na tramitación de toda a normativa posterior á LOMLOE na que, cando menos, a liña vermella que trazaremos é que ninguén saia perdendo dereitos. 

Volver