Profesorado de Música
Sentenza do TSXG sobre a adxudicación noutro corpo
Actuacións da CIG-Ensino para resolver este conflito.
Desde hai seis anos, a CIG-Ensino estalle esixindo á Consellaría de Educación que resolva este conflito. Considera que se chegou a esta situación porque a Consellaría de Educación non atendeu os reiterados requirimentos da CIG-Ensino e do propio profesorado.
Esta situación remóntase ao curso 2010-2011 e xa naquel momento a CIG-Ensino alertou da problemática que podería xurdir como consecuencia da decisión da Consellaría de permitir, na adxudicación de Destinos provisionais, que o profesorado de secundaria puidese acceder a prazas do corpo de Música e Artes Escénicas.
A CIG-Ensino sempre considerou que o problema de fondo son os continuos recortes que afectan ao ensino público e, ademais, neste caso, á desvalorización das ensinanzas musicais, ás que se lle recortou a carga lectiva, e á pouca atención que con elas ten a Administración educativa. Mentres existan diferentes corpos, a Consellaría debe ofertar prazas suficientes en cada corpo e non impor un criterio economicista de redución de postos de traballo, creando unha situación conflitiva entre colectivos de profesorado que, finalmente, rematou no xulgado.
Desde 2011, a CIG-Ensino reuniuse co profesorado dos conservatorios, fixo varios CIG-Informa, realizou, no curso 2011/12, unha campaña de recollida de sinaturas entre o profesorado afectado para denunciar a situación perante a Consellaría, reclamou reiteradamente que se lle ofertase ao profesorado de secundaria prazas da súa especialidade e do seu corpo e que as dos conservatorios fosen ofertadas exclusivamente ao profesorado do corpo de profesores de Música e Artes Escénicas. A CIG-Ensino tamén recorreu a adxudicación definitiva dos destinos provisionais do curso 2011-2012 (Achéganse dous CIG-Informa)
Reproducimos as intervencións da CIG-Ensino nas mesas sectoriais dos tres últimos cursos para resolver de vez este conflito:
Mesa do 29 de outubro de 2014:
“Hoxe, 29 de outubro de 2014, celebrouse a Mesa Sectorial Docente de Ensino non universitario que tiña como punto único da orde do día a convocatoria do Concurso Xeral de Traslados. No punto de Rogos e Preguntas, a CIG-Ensino manifestou a súa desconformidade coa decisión da Consellaría de adxudicar prazas dos conservatorios de Música, de tal xeito que o profesorado interino queda sen contrato, ao tempo que se amortizan prazas de música en secundaria.
A decisión da Consellaría de permitir o acceso de profesorado de secundaria con destino definitivo a prazas que corresponden a profesorado de Música e Artes Escénicas a través do concurso de provisionais está comportando a perda de traballo para o profesorado interino dos conservatorios e a amortización de prazas en secundaria. Por iso, en relación con este tema, retomamos a nosa posición xa exposta cando se tratou a convocatoria de destinos provisionais e reclamamos que se deben respectar os corpos e, por tanto, non darse transvases de PES aos conservatorios. A falta de prazas en secundaria resólvese con maior carga horaria nas ensinanzas de música e a redución da carga horaria do profesorado.
A Consellaría respondeu que adopta esta medida polos recortes realizados na oferta da área de música de secundaria. As prazas que ofertan non poden superar o persoal docente do corpo de profesores de ensino secundario, da especialidade de música, que en virtude do número de vacantes non poida obter praza nun instituto de educación secundaria ou nun centro público integrado.
A CIG-Ensino manifestou a súa desconformidade e seguirá reclamando que non se poña en perigo o traballo do profesorado interino dos Conservatorios nin se utilice esta vía para amortizar prazas en secundaria.”
Mesa do 10 de febreiro de 2015:
“A CIG-Ensino reclama que se resolva a problemática xerada coa asignación de destinos provisionais en corpos diferentes ao de procedencia (Conservatorios). Cómpre dar saída á problemática xurdida en certos corpos ao seren asignadas vacantes propias dese corpo a outro corpo (profesorado de música). Mentres existan os corpos, cada colectivo debe obter destino no seu corpo para que non haxa un profesorado obrigado a ir aos conservatorios e nos conservatorios interinos sen traballo.”
Mesa do 2 de xuño de 2015:
“A CIG-Ensino reclama que se oferten prazas suficientes en todos os corpos para que o profesorado non teña que ir a outros corpos, como así acontece no caso de música en que se adxudican prazas nos conservatorios a PES, de aí que propoñamos que o profesorado vaia ao corpo que lle corresponde. A Consellaría responde que só lle afecta a Música de PES e Debuxo artístico.”
Mesa do 31 de maio de 2016:
“A CIG-Ensino reclama que se oferten prazas suficientes en todos os corpos para que o profesorado non teña que ir a outros corpos. Volven aparecer prazas de conservatorios para PES, isto xa non é extraordinario como se pretender recoller aí. Reclamamos prazas suficientes en todos os corpos para que o profesorado non teña que ir a outros corpos. A Consellaría responde que continuará ofertando prazas de PES nos conservatorios se é necesario, e que esta posición foi avalada polos tribunais.
A CIG-Ensino agarda que, no futuro e ante as novidades xurídicas existentes, a Consellaría atenda a demanda que viñemos realizando até hoxe de que o profesorado conte con prazas e horario suficiente no corpo ao que pertence.
A CIG-Ensino seguirá reclamando unha oferta de prazas suficientes, tanto nos conservatorios como nas escolas e institutos, e considerando que, mentres existan distintos corpos docentes, cadaquén debe impartir as materias que lle corresponden no seu corpo.