Profesorado de FP: rigor e claridade fronte ao ruído e aos enfoques errados. O que vai facer a CIG-Ensino
Análise da situación do profesorado do corpo, para extinguir, de PTFP que non se integra no corpo de PES ou ao que lle limitan algúns dereitos no actual procedemento de integración e respostas da CIG-Ensino
A estas alturas do proceso de integración non é preciso botar a ollada atrás para testemuñar os traballos da CIG-Ensino para procurar que ningún colectivo quedase fóra no proceso de integración do corpo de PTFP no de PES. Esa foi a nosa máxima desde o momento en que tivemos coñecemento da medida até a fase final de negociación da actual orde de integración na Mesa Sectorial galega, pasando polas reunións mantidas coas máximas responsábeis ministeriais e a negociación na Mesa estatal, así como as nosas intervencións noutros foros como o Consello Xeral de FP.
Na seguinte ligazón pódese acceder a un resumo de todo o esforzo realizado, sempre baixo unha premisa clara: sen obstaculizar o proceso conseguir os mesmos dereitos para todo o profesorado de FP. Neste camiño acadamos claras melloras, porén recibimos o non rotundo dos gobernos a outras propostas, mais iso non nos vai deter no rumbo trazado.
Accede a toda información sobre o proceso de negociación.
Unha vez posto en marcha o procedemento para as compañeiras e compañeiros que cumpren os requisitos, evidénciase o que denunciamos, tanto nas reunións das mesas de Madrid como na Sectorial galega, e constátase como quedan colectivos discriminados, en maior ou menor medida, nunha integración que debería ter alcance para todo o profesorado da Formación Profesional de Galiza. Esta é a situación, tal e como a analizamos desde a CIG-Ensino, e estas son as medidas que como sindicato tomaremos.
PROFESORADO DA OPOSICIÓN DE 2021.
A CIG-Ensino presentará recurso contra a negativa a recoñecer os efectos da integración deste profesorado desde que comezaron a traballar en prácticas.
A CIG-Ensino, como sindicato, vai presentar un recurso de reposición en vía administrativa como última posibilidade para que a Consellaría rectifique antes de optar pola vía xudicial.
Se no prazo legal posterior non obtemos unha rectificación da Consellaría a este recurso, a CIG-Ensino presentará un recurso contencioso administrativo. Este recurso terá un carácter colectivo e demandará a rectificación da base 16.3 para estender todos os efectos á data na que se comezou a fase de prácticas (setembro 2021). En ningún caso cuestionará a continuidade do procedemento e o obxectivo será acadar o cobro duns 2.000€ por persoa para aquelas compañeiras e compañeiros, de entre as 603 que aprobaron no 2021, que se integren no corpo de PES. Deste xeito evitamos obrigar o profesorado a recorrer pola súa conta, cos riscos de custas que implica no caso de perder a demanda nos xulgados.
Con todo, e en paralelo, desde a CIG-Ensino presentaremos varias demandas individuais en vía xudicial, seleccionadas e dirixidas polos servizos xurídicos do sindicato. Farémolo como medida alternativa ante unha improbábel desestimación a trámite do recurso do sindicato. Esta foi sempre a nosa práctica no ámbito xudicial e así a mantemos, lonxe das campañas sen control nin rigor promovidas por outras organizacións sindicais neste e noutros temas que alentan a reclamar sen ter en conta as consecuencias.
O sistema que empregaremos é o mesmo que vimos usando na CIG desde hai anos para casos que afectan a un colectivo grande de profesorado: así gañamos o dereito ao cobro das vacacións non gozadas e o cobro de trienios e de sexenios para o persoal interino). Presentaremos unicamente un recurso individual en cada ámbito xudicial do contencioso. No caso de gañar conseguimos un beneficio para todo o profesorado na mesma situación pola vía da extensión de efectos das sentenza individuais. No caso de perder minimizamos os efectos de pagar as custas.
PROFESORADO INTERINO
O sindicato vai promover neste momento unha serie de reclamacións para o recoñecemento ao profesorado interino do tempo traballado desde xaneiro de 2021 como docente do corpo de PES, no caso daquelas especialidades que se integran neste corpo e unha vez que sexa efectiva a integración do funcionariado de carreira. Estas solicitudes, de contar cunha resposta denegatoria da Consellaría, serán un primeiro paso de cara á presentación dos respectivos recursos xudiciais, exclusivamente no caso de que se peche definitivamente a vía da negociación.
Estas solicitudes non gardan ningunha relación co procedemento aberto para a integración, xa que consideramos un erro reclamar contra a exclusión dun proceso no que non se cumpran os requisitos para se presentar. Sería como reclamar nunha oposición para cambio de corpo de A2 a A1 que se exclúa o persoal interino para acceder ás probas. Neste caso, como no proceso de integración actual é condición necesaria ser funcionariado de carreira o profesorado interino non pode participar.
Se a Consellaría de Educación non atende as nosas demandas e, confirmada a integración do funcionariado de carreira, non lle recoñece os efectos retroactivos desde xaneiro de 2021 a este colectivo, a CIG-Ensino levará o tema ao ámbito xudicial. Todo o profesorado interino debe ter en conta que non hai problemas de prazo para reclamar ao non existir, de momento, un acto expreso da Consellaría negando ese carácter retroactivo.
No caso das especialidades que non se integran no corpo de PES (as dez que quedan no corpo de PESSFP) non existe vía xudicial neste momento e a estratexia irá da man da acción sindical cara á reclamación da equiparación salarial de todo o profesorado funcionario de carreira.
PROFESORADO QUE QUEDA PARA EXTINGUIR
Temos claro que hai unha responsabilidade de partida do Ministerio pola súa negativa a atender a solicitude da CIG-Ensino para tratar de consensuar coas CC.AA. un acordo no seo da Conferencia Sectorial de Educación (onde están presentes a ministra e os conselleiros e conselleiras de Educación) que recoñecese o pago dun complemento de equiparación salarial a todo o profesorado de FP. Unha negativa que, como sabedes, reitera de novo en resposta á campaña da CIG-Ensino para promover a integración de todo o profesorado do subgrupo A2 no A1 e da que informamos recentemente.
Mais agora, todo o profesorado de FP debe ter claro que a decisión de crear un COMPLEMENTO DE EQUIPARACIÓN só lle corresponde á Xunta e ten plena capacidade normativa para aprobalo e garantir así o mesmo salario para o mesmo traballo a todas e todos os docentes de FP. No proxecto das contas públicas da Xunta para o ano 2023, tal e como denunciamos desde a CIG-Ensino, non hai incremento de orzamento para atender esta necesidade. Para a CIG-Ensino é un obxectivo principal de cara aos próximos meses sentar á Consellaría a negociar este recoñecemento, mais como sempre isto require do apoio do profesorado (non só do afectado senón de todo o de FP) nas campañas que emprendamos.
PROFESORADO SEN TITULACIÓN E DE LISTAXES NAS QUE NON SE PODEN CONVOCAR OPOSICIÓNS
Existen neste momento algúns compañeiros e compañeiras que, superadas as catro convocatorias reguladas na normativa estatal para poder presentarse a procesos selectivos con titulación de FP, non poden optar a unha praza fixa no ensino público por carecer de titulación universitaria. Son persoas cunha dilatada experiencia como docentes que, baixo ningún concepto, debe ser desprezada. Para a CIG-Ensino, debe protexerse a estabilidade nas listas deste profesorado, impedindo a súa exclusión.
Tamén debe ser motivo de negociación a estabilidade nas listas do profesorado que forma parte de especialidades que non poden ser obxecto de oposición (profesorado especialista nomeadamente). Igualmente deben ter o mesmo recoñecemento retributivo que o profesorado das listas de especialidades “oficiais”.
PROFESORADO XUBILADO
Como no caso do profesorado interino, o profesorado xa xubilado non pode participar no procedemento de integración polo que recorrer a convocatoria ou a exclusión dela sería un erro. No caso de quen xa non está en activo o camiño da reclamación só poderá vir, de ser o caso, de solicitudes de carácter individual que orientaremos desde o sindicato e para as que non hai un prazo estabelecido e suficiente marxe temporal para realizalo.