Profesorado concéntrase nos centros de ensino para esixir diminución das ratios e distancia de seguridade en todas as etapas educativas

Esta mañá leváronse a cabo concentracións ás portas dos centros de ensino de todo o país para reclamar máis seguridade nas aulas

As etapas de educación infantil, primaria e educación especial seguen á marxe da medida de distanciamento de metro e medio entre o alumnado con aulas a tope de ratio. No caso dos IES moitos centros non viron atendidas as súas demandas de máis profesorado para a realización de desdobres malia ter espazos dispoñíbeis e víronse obrigados a recorrer á semipresencialidade e/ou ao uso de anteparos.

Segue o malestar nos centros de ensino do País, por un lado ante o inmobilismo da Consellaría con respecto ás etapas de educación infantil, primaria e educación especial que seguen con topes de 25 alumnas nas aulas, e por outro nos IES e Centros Integrados de FP nos que a Xunta actuou de forma irregular á hora de conceder maior profesorado. Neste sentido, non se coñece cales foron os criterios empregados para dotar algúns centros dos reforzos que se pedían, total ou parcialmente, e noutros se lles cominase a recorrer á semipresencialidade ou ao uso de anteparos, malia ter espazos dispoñíbeis para levar a cabo desdobres alí onde non se podía cumprir o metro e medio de distancia.

A CIG-Ensino critica estas desigualdades entre centros e etapas educativas que só responden á adecuación das contas da Consellaría e que deixa un panorama no que non existe igual seguridade para todo o alumnado e profesorado de Galiza. Así mesmo, desde o sindicato instamos á administración a especificar cal é a situación nas Escolas de Artes, Escolas de Idiomas e Conservatorios porque tamén quedan á marxe do cumprimento da distancia do metro e medio e nin sequera se mencionan as súas especificidades nas diferentes instrucións e no último protocolo publicados recentemente. Estamos tamén á espera de que se coñeza o plan especial para a atención á diversidade nesta situación COVID e o dos comedores escolares avanzados polo conselleiro Román Rodríguez e que están causando problemas de xestión nos centros.

Hai outras cuestións que nestes momentos están provocando confusión como a xestión dos casos positivos, as corentenas e os contaxios, a falta de formación específica sobre este asunto para todo o profesorado e para o equipo Covid, a asunción de responsabilidades fóra do estritamente educativo para os membros deste equipo, a ausencia de resposta administrativa ás persoas que pediron ser consideradas de risco por cuestións de saúde ou embarazo, a falta de dotación de persoal de limpeza necesario… Por todo isto, esta mañá en moitos colexios e institutos de Galiza se levaron a cabo concentracións do persoal docente e non docente que segue chamado a participar na folga do próximo día 23 de setembro, malia os servizos mínimos, unha vez máis abusivos, impostos pola Consellaría de Educación.

 

Volver