Primeira semana do Correlingua 2024 con paradas en Narón, Bueu e Lugo e coa participación de centos de rapaces e rapazas

Nestas tres localidades participaron un total de 46 centros nunha edición que leva por título "Desde aquí até acolá, GALEGO XA!"

Esta actividade, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino, aposta por actividades lúdicas para concienciar o alumnado e profesorado dos centros educativos galegos na defensa da nosa lingua. A próxima semana o Correlingua fará parada en Ourense o mércores, 15 de maio.

Arrancou esta semana a vixésimo cuarta edición do Correlingua, unha iniciativa que naceu baseada sobre todo en carreiras pola lingua espalladas por todo o País no ano 2001, e que foi sumando nestes últimos anos múltiples actividades como concertos, concursos, regueifas e obradoiros co mesmo obxectivo: concienciar de forma lúdica o alumnado dos centros educativos do ensino obrigatorio no uso da nosa lingua tanto dentro como fóra das aulas. Precisamente o lema escollido para este ano "Dende aquí até acolá, GALEGO XA!" afonda na necesidade de ensanchar o número de falantes en galego e na urxencia de facelo entre as franxas de idade máis novas. As entidades organizadoras, a Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino lamentan que sexa máis necesario ca nunca este proxecto ante os ataques que precisamente recibe o galego no ensino a partir sobre todo da publicación do Decreto de Plurilingüismo. 

O Pazo da Cultura de Narón, cheo en dúas quendas para festexar a nosa lingua

O pasado luns, 6 de maio, Narón acolleu a primeira das festas do Correlingua co participación de 14 centros educativos da comarca: CEIP CRUCEIRO DE CANIDO - CEIP ESTEIRO - CEIP PONZOS CEIP VIRXE DO MAR - CEIP PIÑEIROS - CEIP A SOLAINA - CEIP SAN ISIDRO - SEMENTE DE TRASANCOS - CEIP ISAAC PERAL - CEE TERRA DE FERROL - CEIP PONTE XUVIA - CEIP MACIÑEIRA - CEIP OS CASAIS e o CRA DE NARÓN. 

A festa decorreu no Pazo da Cultura de Narón e contou coa actuación do grupo A Gramola Gominola e animación da actriz Isabel Risco quen foi a encargada de presentar o acto e ler o manifesto. Un manifesto que foi o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2023 nos que participaron alumnas e alumnos do IES de Foz (Foz), IES Santa Irene (Vigo), IES Xunqueira 1 (Pontevedra) , IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Xoán Montes (Lugo), CPI O Cruce (Cerceda), IES de Becerreá (Becerreá), IES Muralla Romana (Lugo). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao. 

Para a celebración deste acto contouse coa participación dos Concellos de Narón, Ferrol e Fene e da Deputación da Coruña.

Bueu, epicentro este ano das actividades do Correlingua no Morrazo

O bo tempo permitiu que o martes, 7 de maio, alumnado de 16 centros dos concellos de Cangas, Moaña e Bueu percorrera as rúas desta última vila e participara na festa final conducida de novo por Isabel Risco e que tamén contou coa actuación da Gramola Gominola na praza Massó. Neste caso, ademais da carreira, prepáronse xogos e actividades para o alumnado de Infantil que estivo acompañado polo alumnado do IES Johan Carballeira. A Asociación Correidores forneceu dos xogos populares e a actividade contou coa colaboración dos Concellos de Bueu, Cangas e Moaña, así como da Deputación de Pontevedra. 

Os centros participantes foron os seguintes: IES de Rodeira - IES Monte Carrasco - CEIP do Hío - CEIP Plurilingüe da Espiñeira - CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo - CEIP A Rúa – IES María Soliño - CEIP A Pedra - Ceip da Torre Cela – IES Johan Carballeira- CEIP Plurilingüe Montemogos - CEIP Seara - CEIP Plurilingüe Domaio - Ceip Reibón - Ceip Abelendo e Ceip Plurilingüe Tirán.

As rúas e a Muralla de Lugo nun día de sol intenso acolleron 16 centros educativos da provincia

O mércores, 8 de maio, foi a quenda da cidade de Lugo con varias actividades nas que exerceu de condutor o cómico Fran Rei. Con saída da Praza de Santa María, a carreira percorreu como xa é tradición a Muralla Romana nun día de altas temperaturas. O punto de chegada foi a mesma praza na que tivo lugar a lectura do manifesto a cargo do alumnado dos IES Muralla Romana e Xoán Montes. A continuación, a banda encargada de amenizar musicalmente o fin de festa foi Cuarta Xusta, o grupo de Melide que gañou un dos tres premios do Cantalingua deste ano xunto coa Gramola Gominola e ramola Gominola, Cuarta Xusta e Menánika Rolling Band. Para o desenvolvemento deste acto contouse coa colaboración do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación.

Os centros participantes foron: 

LUGO IES Nª Sª dos Ollos Grandes - IES Ánxel Fole - IES Xoán Montes - IES Sanxillao – IES Muralla Romana –CEE Sta María – CEIP de Casás

SARRIA IES Gregorio Fernández

BARALLA CPI Luís Díaz Moreno

MEIRA IES Pedregal de Irimia

GUITIRIZ Ies Poeta Díaz Castro

CERVANTES CPI de Cervantes

FRIOL CPI Dr López Suárez

COSPEITO CPI Virxe do Monte

CASTRO DE REI IES da Terra Chá José Trapero Pardo

AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ IES Castro da Uz


Calendario de Carreiras e festas do Correlingua

Quedan aínda moito mes de maio, no que se celebran as nosas letras, e moitas paradas do Correlingua noutras vilas e cidades galegas:

  • mércores 15 Ourense no Auditorio e na Praza Maior
  • luns 20 Compostela na Alameda
  • martes 21 A Estrada na Praza da Feira
  • xoves 23 Vigo no Parque de Castrelos
  • venres 24 Monforte na Praza dos Condes
  • luns 27 Pontevedra na Alameda
  • mércores 29 Burela na Praza da Mariña

Volver