Primeira entrega de sinaturas dos equipos de normalización lingüística para mellorar o Decreto de Normalización Lingüística
Normalización Lingüística
CIG-Ensino ven de entregar a primeira remesa de sinaturas dos equipos de normalización lingüística a prol de mellorar o novo Decreto de Normalización Lingüística
A CIG-Ensino entregou o 5 de febreiro na Consellaría de Educación, 361 pronunciamentos dos Equipos de Normalización Lingüística doutros tantos centros educativos de Galiza, que se sumaron á campaña da CIG-Ensino reclamando que o futuro Decreto de Normalziación Lingüística recolla melloras no funcionamento e nas dotacións dos Equipos de Normalización.
Desde hai anos a CIG-Ensino vén reclamando estas melloras, recollendo as propostas dos propios Equipos de Normalización. Neste momento, en que a Consellaría de Educación está a redactar un novo Decreto de Normalización Lingüística no Ensino, cómpre recoller estas demandas que redundarán tamén no avance da normalización do noso idioma e que se concretan no seguinte texto que reproduce os pronunciamentos dos Equipos:
- A coordinación do Equipo de Normalización Lingüística ten que ter garantidos, como mínimo, os mesmos dereitos económicos e administrativos que as Xefaturas de Departamento.
- A redución horaria para todos/as os/as coordinadores/as será polo menos de tres horas, de catro horas en centros de máis de doce unidades e de cinco en máis de 18.
- Os/as integrantes do Equipo de Normalización Lingüística terán unha hora de redución horaria lectiva para poder realizar as reunións pertinentes cara a que as reunións dos membros dos Equipos de Normalización se realicen e recollan dentro do horario lectivo do profesorado.
- Dotación económica suficiente, desde o inicio de curso, para facilitar o funcionamento dos equipos.
- Os Equipos de Normalización Lingüística contarán con asesoramento e apoio técnico. Os centros deben ter a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.
- Un plano de formación, dentro do horario lectivo, que garanta unha formación sociolingüística a todos os compoñentes do Equipo de Normalización.
- Creación, cos medios e recursos necesarios, dos Equipos a nivel comarcal coa finalidade de coordinar o traballo e dinamizar os equipos dos distintos centros.
Todas estas medidas axudarán a un mellor funcionamento dos Equipos que, hoxe, descansa, fundamentalmente, na voluntariedade dos seus integrantes. Mais o seu traballo debe ser recoñecido e debe poder realizarse nas mellores condicións posíbeis, pois é unha peza fundamental na normalización lingüística dos centros educativos.
Desde a CIG-Ensino agardamos que a Consellaría sexa receptiva e valore as propostas do profesorado para que sexan recollidas no futuro Decreto de Normalización. Reclamamos, tamén, que o novo Decreto se aplique para o próximo curso, co obxectivo de conseguir un avance importante na normalización. Para iso é necesario que o galego sexa o idioma vehicular no ensino na Galiza.
Se aínda non asinaches
podes baixar o documento na seguinte premendo aquí
Santiago, 5 de febreiro de 2007
Secretaría de Prensa da CIG-Ensino