• lugo_4.jpg
  • lugo_6.jpg
  • lugo_9.jpg
  • pontevedra (1).jpg
  • pontevedra (2).jpg
  • pontevedra_1.jpg

Preto de 2.600 estudantes participaron nas actividades do Correlingua en Pontevedra e Lugo

As rúas de Pontevedra acolleron onte a carreira pola normalización do galego e hoxe tocoulle a quenda á cidade da muralla coa implicación en total de 42 centros educativos.

Os próximos días o Correlingua chegará á Mariña, ao Baixo Miño e a Ourense.

 

A festa principal do Correlingua deste ano celebrouse onte en Pontevedra onde se reuniron 1.300 alumnos e alumnas de todas as etapas educativas pertencentes a 20 colexios e institutos da zona. O xa famoso dragón do Correlingua e un grupo de gaitas amenizaron a marcha que comezou na Praza da Ferrería, lugar no que tamén tiveron lugar as actuacións musicais que este ano estiveron protagonizadas polo grupo especializado en canción protesta Oh Ayatollah. 

Esta mañá o Correlingua fixo parada en Lugo, con saída e chegada na Praza de Santa María. Outros 1.300 rapaces e rapazas sumáronse a esta iniciativa que pretende reivindicar o uso do galego como lingua vehicular no ensino e na sociedade en xeral. Neste caso, foron 22 centros educativos os que estaban inscritos, algúns deles da zona da Montaña ou da Fonsagrada. Durante a festa final entregáronse os premios ás mellores pancartas que recaeron no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, o CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela e o IES Gregorio Fernández de Sarria. No acto tamén interveu alumnado do IES Terra Chá, José Trapero Pardo coa lectura do manifesto gañador do concurso deste ano e actuou o grupo que se fixo co premio do Cantalingua, a banda de Melide Cuarta Xusta. 

Mañá volverán correr pola lingua profesorado e alumnado de centros das comarcas da Mariña e do Baixo Miño e o venres da área da cidade ourensá.

Volver