• correelingua4.jpeg
  • correlingua1.jpeg
  • correlingua2.jpeg
  • correlingua3.jpeg
  • correlingua5.jpg
  • correlingua6.jpg

Arredor de 15.000 rapaces e rapazas participarán na 18ª edición do Correlingua

Baixo o lema A lingua non para, alumnado de todas as etapas educativas, desde Infantil a Bacharelato, volverá correr polo futuro da lingua en diferentes localidades galegas entre o 2 e o 16 de maio.

Esta mañá o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, presentou as accións que se desenvolverán arredor desta actividade en Galiza e participou na entrega dos premios ao alumnado que gañou os diferentes concursos desta edición nos formatos de vídeo, banda deseñada e manifesto.

Achégase o mes de maio, que é o mes da nosa lingua, e faino coa primeira quincena chea de actividades vencelladas ao Correlingua que leva desde 2001 animando o alumnado a correr polo futuro do galego. Precisamente as carreiras, que cada ano percorren as rúas dunha ducia de vilas e cidades do país, serán un ano máis o acontecemento estrela que poñen fin a unha chea de actividades que se desenvolveron durante o curso. Nesta edición están inscritos máis de 14.300 alumnos e alumnas de todas as idades desde Infantil a Bacharelato. 

A presentación desta 18ª edición do Correlingua tivo lugar na cidade de Pontevedra e contou coa presenza das entidades organizadoras, co secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, a vicepresidenta da Mesa, Mónica Pazos, e o presidente da AS-PG, Xoán Costa. Tamén participaron, en representación das entidades que colaboran co Correlingua, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e o responsábel da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña. 

Na súa intervención, Bermello lamentou a situación actual que está a sufrir o galego no ensino e na sociedade en xeral e instou á Consellaría de Educación a un cambio de rumbo inmediato “para non seguir sendo cómplice necesario da súa desfeita”. Neste sentido lembrou como naceu a iniciativa do Correlingua hai 18 anos para contribuír á normalización lingüística e como non só segue vixente a súa necesidade senón que hoxe aínda é máis urxente. 

Bermello agradeceu especialmente o traballo do profesorado de lingua e dos equipos de normalización lingüística dos centros que teñen que enfrontarse a un contexto hostil cara ao galego no que o desleixo da Consellaría foi virando en ataques directos, como o Decreto do Plurilingüismo, que en 2010 estabeleceu a prohibición de que se impartisen na nosa lingua as materias científicas.

Gañadores dos concursos do Correlingua

O acto centrouse especialmente na entrega dos premios do Correlingua 2018 aos grupos de alumnas e alumnos que, inspiradas no lema deste ano, A lingua non para!, gañaron os distintos concursos que se convocaron nesta edición:

  • Manifesto: 3ºC do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela. A súa proposta, Rapea, que a lingua non para!, abrirá todas as festas finais do Correlingua 2018.
  • Banda Deseñada: 5ºB do CEIP Albeiros de Lugo. A súa banda deseñada titúlase De viaxe por Galicia. A lingua non para.
  • Vídeo: este concurso tivo dous gañadores en cadansúa categoría. O grupo Moucho do CEIP Ramón Cabanillas de Compostela gañou na categoría de educación infantil e primaria, mentres que o grupo Bolboreta do CPR Seminario Menor a Inmaculada foi o vencedor na categoría de educación secundaria e bacharelato. As propostas gañadoras están dispoñíbeis na web http://correlingua.gal/e os vídeos tamén na canle de Youtube A lingua non para.

Calendario de festas finais do Correlingua 2018

As actividades que se van desenvolver por toda Galiza durante a primeira quincena de maio poden consultarse na propia web do Correlingua, aínda que a continuación reprodúcense os principais actos festivos: 

Volver