Preséntase o Anteproxecto de Lei de Emprego Público, instrumento que permitirá uniformizar e intervir nas administracións

A CIG-Área Pública teme que se pretenda favorecer a mobilidade xeográfica, as amortización, regular horarios e retribucións reducindo persoal e servizos públicos

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, convocou esta mañá ás organizacións sindicais para facer entrega do Anteproxecto de Lei de Emprego Público en Galiza. A CIG-Área Pública manifesta a súa disconformidade co procedemento, co limitado tempo que teñen para analizar o contido, (15 días) e co que consideran que é obxectivo último do texto: contar cun instrumento uniformizador para, desde a Xunta de Galiza, poder intervir en todas as administracións.

Na xuntanza, a propia conselleira especificou que o documento foi elaborado por un grupo de traballo conformado por persoas relevantes na Función Pública e conta coa avinza do resto das consellarías. Segundo sinala a secretaria nacional de CIG-Administración e coordenadora da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, foi precisamente este procedemento o que provocou as primeiras queixas, que se presentaron practicamente ao comezo da xuntanza. “Foi elaborado por un grupo de traballo do que se excluíu ás/aos representantes das/os traballadoras/es, que logo pasou ao Consello da Xunta e do que coñecemos a súa existencia as organizacións sindicais a través dos medios de comunicación”.

Xunto a isto, e fronte á explicación da conselleira de que se trata dun texto co se pretende compilar toda a lexislación que atinxe ás administracións dependentes da Xunta de Galiza, o que se demandou, tanto por parte da CIG como por parte das outras centrais sindicais, foi que se botara a andar un marco de traballo para que se poidese desenrolar o Estatuto do/a Empregado/a Público/a, aprobado en 2007 e pendente aínda de aplicación. A falta dunha análise polo miúdo do alcance do texto e do impacto que pode ter en cada administración, López Santamariña entende que con esta ferramenta estas quedarían homoxeneizadas. De feito, o Anteproxecto inclúe a administracións locais, persoal de servizos das universidades e ao conxunto de entidades públicas dependentes da Xunta de Galiza. Polo que se explicou na xuntanza, tamén será de aplicación ao persoal docente e do SERGAS nos seus aspectos xenéricos, quedando excluído o persoal de Xustiza. Regula ademais o persoal directivo, centrándose no da propia administración, “pero non se vai regular ao dos entes e consorcios, que é precisamente onde hai máis arbitrariedade”, matiza López Santamariña.

A coordinadora da Área Pública da CIG sinala que entra tamén a regular aspectos como a xornada de traballo, conciliación, unifica procedementos en materia disciplinaria ou en avaliación do desempeño do posto de traballo para una suposta carreira profesional. Un aspecto, este último, a respecto do que sinala que “vai ser imposíbel que se poña en marcha porque non hai dotación económica”. A isto engade, canto a carreira profesional, que cando o PP tomou posesión na anterior lexislatura, o primeiro que fixo foi suprimila no SERGAS. Persoal e servizos públicos.  

Á espera desa revisión do texto, López Santamariña adianta que “moito nos tememos que esta pretendida unificación da lexislación existente teña como fin último contar cun instrumento para favorecer a mobilidade xeográfica, facilitar a amortización de postos de traballo, regular horarios e mudar as retribucións. Un instrumento que afonde no camiño das privatizacións e da supresión de persoal e de servizos públicos”. De feito, a secretaria nacional de CIG-Administración ve neste anteproxecto un mecanismo para poder intervir en todos os sectores e evitar que, por exemplo, haxa concellos que poidan tomar decisións que difiran das medidas impostas desde a Xunta. Ante isto anuncia que a CIG presentará, á maior brevidade, unha valoración máis pormenorizada, denuncia a escasa marxe de tempo da que se dispón, tan só 15 días, e que alén de que se presente na Mesa Xeral non se faga consulta algunha ás distintas mesas sectoriais, que para algo existen.

Volver