Preséntase no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular para garantir a supervencia de Preescolar na Casa

A CIG-Ensino denuncia que o PP quere a desaparición de Preescolar na Casa porque o programa se desenvolve integramente en galego

Traballadores/as de Preescolar na Casa, acompañados por representantes da CIG, nomeadamente o secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, presentaban esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, unha Iniciativa Lexislativa Popular en demanda de que goberno autonómico incorpore o servizo de Preescolar na Casa dentro dos propios da administración pública galega no ensino público.

Preescolar na Casa naceu en 1977. Nos seus 35 anos de existencia converteuse nun referente pedagóxico que se foi anticipando ás necesidades educativas e mesmo comunitarias da sociedade galega, inicialmente no medio rural e na actualidade cunha presenza diversificada tanto no ámbito territorial canto nas persoas e colectivos atendidos nas catro provincias galegas.

Até o de agora contaban co apoio económico da Xunta de Galiza. Porén, segundo explicou o presidente do Comité de Empresa pola CIG, José Expósito, neste intre os orzamentos para o programa están a cero. “Fóronsenos retirando sistematicamente todas as partidas. Primeiro  a consellaría de Traballo e Benestar que viña aportando 500.000 euros, baixou no exercicio anterior a 400.000, neste último estaba en 200.000 e ao final non nos aportaron nin eses 200.000 comprometidos, polo tanto baixou a cero”.

O mesmo ocorreu cos orzamentos destinados ao programa desde Política Lingüística, que eran de 95.000 euros, baixaron no exercio anterior a 45.000 e “agora mesmo xa nos comunicaron oficialmente que tampouco podiamos contar con este apoio para o vindeiro ano”.

De feito, os orzamentos de Política Lingüística estaban xustificados porque este programa desenvólvese integramente en galego. E esa é precisamente a razón pola que Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, entende que o PP pretende afogar o programa e provocar a súa desaparición. 

A CIG-Ensino denuncia ademais que a súa desaparición “supón un agravio para o noso rural, onde non hai ningunha outra alternativa, porque non se garanten os mesmos servizos, nas mesmas condicións e coa mesma calidade que nas zonas urbanas”.

Ante esta situación económica, o programa sobrevive con partidas “cativas” das Deputacións provinciais e doutros organismos e cos 500.000 euros que destina o Ministerio de Sanidade. “Unha partida de IRPF, de apoio ás ONG que desenvolven o seu traballo no ámbito social e educativo” que, segundo Expósito permitiría continuar “cunha data de caducidade que sería agosto de 2012. Se non recuperamos e non conseguimos medios de financiamento, non poderiamos darlle continuidade ao servizo e 4.000 familias que viñan desfrutando do mesmo no curso anterior quedarían sen el”.

De feito, no programa traballan 42 persoas que non están operativas. “Temos un ERE de suspensión, con 18 traballadores/as con redución de xornada ao 50% e 20 que están en suspensión”, explicou o presidente do Comité.

Para Expósito e para o conxunto do persoal a única solución é garantir as vías de financiamento porque todos os cartos que estaban orzamentados destinábanse a costear  a parte laboral. “Non hai de onde aforrar”, lamentou . 

Por iso presentaron a ILP. Para demandar do goberno galego que a Xunta de Galiza subscriba un convenio particular coa Fundación Preescolar na Casa, como paso previo á plena integración do programa no ensino público galego, tomando como modelo lexislativo o proceso de publificación das escolas vascas que desenvolveu a Comunidade Autónoma de Euskadi entre 1988 e 1993.

Agora terán que xuntar as 15.000 sinaturas necesarias para tramitar a ILP. Un paso previo á súa tramitación que non dubidan que cumprirán dado o grande respaldo social co que conta o programa.

Preséntase no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular para garantir a supervencia de Preescolar na Casa

Volver